jueves, 18 de junio de 2026

Pechamos un curso cheo de lecturas

Co final de curso chega tamén o momento de facer balance dunha das actividades máis enriquecedoras da nosa biblioteca: o club de lectura As catro esquinas do Quinto.
 
Ao longo destes meses, o alumnado de ESO e Bacharelato participou con entusiasmo nas reunións periódicas celebradas nos recreos, compartindo impresións, recomendacións e reflexións arredor das lecturas propostas. 




Ademais, tiveron a ocasión de asistir a encontros con autores, formar parte das Tertulias Literarias organizadas polo Concello de Ourense e asistir a representacións teatrais. Estas e outras actividades complementarias do centro converteron a lectura nunha experiencia viva e compartida.

Queremos felicitar ao alumnado pola súa implicación, constancia e interese e tamén, mostramos o noso agradecemento ás profesoras Emma Valado, Pilar Fernández, Ana Reboiro, Almudena Platero e Carme Pérez polo seu traballo e dedicación á hora de coordinar e dinamizar esta iniciativa ao longo de todo o curso.

Como recoñecemento ao esforzo e compromiso do alumnado participante, o  15 de xuño visitamos a vila de Tui con 3º e 4º de ESO e participamos nunha xornada lúdica o día 18 de xuño en Castrelo de Miño con 1º e 2º de ESO.

Con algunha imaxe destas viaxes pechamos a actividade deste blog ata setembro.

Feliz verán e felices lecturas!




lunes, 8 de junio de 2026

Onda Ferro 2025-2026

Ao longo do curso 2025-2026, o grupo de traballo da radio escolar Onda Ferro, constituido dentro do Plan de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) e formado por compañeiros e compañeiras de varios departamentos, promoveu a participación do alumnado en diversas actividades relacionadas coa literatura, a ciencia, a cultura e a actualidade. 

No ámbito da promoción da lectura, a serie Más allá del papel, desenvolvida con motivo da Semana do libro, ofreceu unha achega creativa ao mundo literario mediante narracións e contidos radiofónicos que buscan espertar o gusto polos libros e a lectura. Nesta mesma liña, o alumnado de Literatura Universal de 1º de Bacharelato participou na gravación de Un libro nun instante, actividade da que xa demos conta neste artigo

A divulgación científica tamén tivo un papel destacado coa entrevista á neurocientífica Conchi Lillo, realizada por alumnas de 3º da ESO, coa conmemoración do Día mundial da nutrición e cunha achega ás enfermidades de transmisión sexual.

A conmemoración do 2 de febreiro pola Candeloria é xa unha actividade consolidada no noso centro co tradicional concurso de crêpes organizado polo departamento de francés. Neste pódscast sobre as receitas desta delicia culinaria podemos escoitar a varios alumnos de 3º de ESO.

Todas estas iniciativas poñen de manifesto o enorme potencial da radio escolar como ferramenta educativa. A través dela, o alumnado aprende a investigar, seleccionar información, elaborar guións, expresarse oralmente e traballar de maneira colaborativa. 

Desde a biblioteca queremos recoñecer e agradecer o traballo desenvolvido polo grupo de radio do PFFP, cuxa dedicación fai posible que Onda Ferro sexa unha voz aberta á cultura, á ciencia, á lectura e á participación de toda a comunidade educativa.

lunes, 1 de junio de 2026

Descubrindo Guimarães

Recentemente, o alumnado de ESO que cursa a materia de portugués como segunda lingua estranxeira, tivo a oportunidade de visitar a cidade de Guimarães. A profesora Maribel Gil quixo compartir connosco unhas liñas sobre esta experiencia, achegándonos aos lugares visitados e ás impresións que deixou esta saída cultural. 

O alumnado de lingua portuguesa visitou Guimarães, cidade do distrito de Braga, o 25 de maio. Guimarães é considerada o berce de Portugal porque nesta vila naceu o seu primeiro rei, Afonso Henriques, e tamén se fraguou a independencia do reino de León, no s. XII, como reza na muralla: “Aquí nasceu Portugal”. 

Pola mañá visitaron a Citânia de Briteiros, castro da Idade de Ferro. Ocuparon a tarde en ver o Castelo de Guimarães, onde se cre que naceu o rei Afonso, o Pazo dos Duques de Bragança e a Igrexa de San Miguel e en pasear polo centro histórico da cidade, declarado Patrimonio Mundial da Unesco no 2001, percorrendo as súas rúas e prazas como o Largo do Toural ou o Largo da Oliveira e, por suposto, a famosa muralla.




martes, 19 de mayo de 2026

Begoña Caamaño protagoniza o noso mes das letras

Este mes de maio, a nosa comunidade educativa únese, como cada ano, á festa da nosa cultura: o Día das Letras GalegasEsta conmemoración, que a Real Academia Galega instaurou no ano 1963 para facela coincidir co centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, ten como finalidade principal homenaxear a aquelas persoas que destacaron pola súa creación literaria en galego e pola súa defensa constante da nosa lingua. Este curso, o recoñecemento recae na figura da xornalista e escritora Begoña Caamaño

Nada en Vigo en 1964, Begoña Caamaño foi unha muller polifacética que desenvolveu a maior parte da súa carreira na Radio Galega, onde defendeu con firmeza os medios públicos como piares do futuro do país. Pero Begoña foi tamén unha narradora excepcional que, a través de obras como Circe ou o pracer do azul ou Morgana en Esmelle, soubo revisar os mitos clásicos dende unha perspectiva feminista, dándolles voz e protagonismo ás mulleres que a historia oficial deixara na sombra. 


No noso centro, como cada curso, o Departamento de Galego e o Equipo de Normalización Lingüística prepararon actividades para conmemorar esta data especial. 

No vestíbulo da pranta baixa podedes visitar dúas pequenas exposicións. Unha delas dedicada ás mulleres que, antes que Begoña, foron protagonistas desta efeméride en edicións anteriores: Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido, María Mariño, María Vitoria Moreno, Xela Arias e Luísa Villalta. A outra, titulada Con B de Begoña, recolle algúns traballos realizados polo alumnado de ESO nas aulas de galego.


Ademais, se subides polas escaleiras cara ao primeiro andar, atoparedes os paneis informativos elaborados polo alumnado do IES Castelao de Vigo e que a Xunta de Galicia repartiu polos centros da nosa comuniade. Neles debúllase con detalle a traxectoria vital e literaria da autora. 


Unha das iniciativas máis novedosas deste ano é a portada do xornal A Voz do Ferro. As profesoras de galego quixeron resaltar con esta actividade a faceta xornalística de Begoña Caamaño. Ademais de afondar na figura da homenaxeada, podedes ler recensións dalgunhas actividades que levamos a cabo no centro para promocionar a nosa lingua e a nosa cultura, como a recente visita a Celanova realizada polo alumnado de 3º de ESO. 



Parabéns polo traballo realizado e feliz Día das Letras Galegas. 



martes, 12 de mayo de 2026

Percorrendo a historia: visita cultural á comarca de Celanova

O alumnado de terceiro de ESO visitou o pasado 4 de maio a terra de Celanova. Esta actividade, promovida polo departamento de Galego, combinou patrimonio, literatura, música e historia. 

A primeira parada foi Vilanova do Infantes, unha fermosa vila medieval na que destaca como elemento emblemático a Torre da Homenaxe.

A continuación o grupo trasladouse ao Mosteiro de San Salvador, situado na Praza Maior de Celanova e fundado no ano 936 por San Rosendo, onde asistiron a un pequeno concerto de órgano. 


Nas inmediacións do mosteiro, visitaron a Capela de San Miguel, unha construción prerrománica considerada como unha das máis antigas de Galicia. 


A xornada continuou na Casa do Poetas, un espazo dedicado á memoria e á obra de destacados escritores galegos vencellados á vila de Celanova. 

Xa en xornada de tarde, puideron visitar a extraordinaria biblioteca do IES Celanova, centro de ensino situado na ala sur do mosteiro, e participar alí nun recital de poemas de Celso Emilio Ferreiro e de Manuel Curros Enríquez, acompañados musicalmente con pezas interpretadas ao piano por algúns dos alumnos e alumnas do grupo. 

Como peche da saída, visitaron Castromao, un importante asentamento castrexo que lles permitiu achegarse á realidade dos antigos habitantes de Galicia.

Esta saída didáctica foi unha magnífica oportunidade para aprender fóra da aula descubrindo a riqueza cultural e patrimonial da nosa terra.

martes, 5 de mayo de 2026

Tertulias Literarias: encontro con Juan Tallón

O pasado 28 de abril, alumnos e alumnas de 4º de ESO do Club de Lectura do noso centro participaron nas Tertulias Literarias, actividade organizada polo Concello e a Deputación de Ourense. 

Acompañados pola profesora Almudena Platero, tiveron a oportunidade de dialogar co escritor ourensán Juan Tallón, autor da obra que leron este trimestre: Mil cosas

A actividade desenvolveuse como é habitual no Liceo de Ourense e reuniu a máis de cen estudantes de diferentes centros educativos. Durante a tertulia, o alumnado puido participar activamente na sesión expresando opinións e formulando preguntas. 

Esta iniciativa enmárcase dentro do "Programa municipal de animación á lectura", que busca achegar a literatura á mocidade e fomentar o hábito lector ao longo de todo o curso escolar. 

Desde a biblioteca queremos destacar o valor desta iniciativa na que agardamos seguir participando en futuras edicións. 

Velaquí algunha imaxe do encontro:



lunes, 4 de mayo de 2026

XVIII Xornada dos Clubs de Lectura

O pasado 29 de abril celebrouse no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, a XVIII Xornada dos Clubs de Lectura, o encontro anual do profesorado coordinador dos clubs de lectura dos centros participantes no programa da Consellería de Educación. 

Nesta edición reuníronse arredor de 600 persoas entre participantes, relatores e persoas asesoras de formación do profesorado, consolidándose como unha das citas máis importantes arredor da lectura compartida en Galicia. Ademais, fíxose entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2026 ao escritor Manuel Rivas. 

Dentro das sesións simultáneas da tarde, a nosa compañeira María Xosé Fernández presentou a experiencia do Club de Lectura As Catro Esquinas do Quinto, unha proposta que pon o foco na dimensión social da lectura e no seu poder como ferramenta de encontro e inclusión. A súa ponencia estivo baseada na colaboración lectora coas persoas usuarias do centro CIS Aixiña, unha entidade de referencia en Ourense no acompañamento a persoas con discapacidade física, parálise cerebral, dano cerebral e persoas maiores dependentes e que leva máis de 30 anos promovendo a inclusión laboral e social. 





A través desta experiencia, o alumnado de 4º da ESO do IES Xesús Ferro Couselo participou en xuntazas literarias e non literarias, compartindo lecturas, reflexións e vivencias que foron moito máis aló dos libros. O club funcionou como punto de encontro, ferramenta de aprendizaxe e vía para fortalecer a empatía e a convivencia. 

Desde a biblioteca do IES Xesús Ferro Couselo sentimos un grande orgullo por ver recoñecida esta experiencia nas Xornadas de Clubs de Lectura de Galicia e felicitamos especialmente a María Xosé por levar esta proposta a este foro, visibilizando o enorme valor educativo e humano que nace cando a lectura sae da aula.

miércoles, 29 de abril de 2026

O Ferro na fase galega do CanSat

Este pasado luns 20 de abril, o noso centro viviu unha xornada inesquecible no aeródromo As Gaivotas, en Cerceda. 

O alumnado de 2º e 3º de ESO do IES Ferro Couselo que integra o grupo Altairis participou na fase galega do certame CanSat, unha iniciativa da Axencia Espacial Europea (ESA).

Un CanSat é un proxecto técnico de alta precisión que consiste en construír un simulador de satélite real que debe caber exactamente no espazo dunha lata de refresco. O reto é integrar dentro dese pequeno volume tan reducido os sensores dos parámetros que se queren medir (presión, temperatura, humidade,...) o sistema de alimentación e as comunicacións. Ademais, é necesario deseñar un paracaídas para garantir un descenso seguro. 

Este proxecto foi impulsado grazas aos Polos Creativos, onde contamos cunha aula específica que funciona como eixo para actividades de creatividade e innovación. 

O equipo Altairis do IES Ferro Couselo participou na categoría de demostración, na que un dron de gran formato elevou en altura o noso particular satélite. Cun deseño axeitado do paracaídas, observamos como se despregou e aterrou correctamente.

O obxectivo final, máis alá do lanzamento, foi fomentar o traballo en equipo e as competencias en tecnoloxía e ciencia dun xeito práctico e creativo.  

Dende o blog da BiblioFerro queremos agradecer esta inciativa á profesora de tecnoloxía Sonia Prieto e ao coodinador de Polos Creativos Rafael Nóvoa. A súa colaboración e guía como docentes foron fundamentais para que o alumnado de 2º e 3º de ESO puidese facer realidade o proxecto Altairis. 

Velaquí algunha imaxe da xornada, enlaces a esta nova na prensa e na páxina institucional da Xunta de Galicia e as nosas recomendacións para coñecer un pouco máis o mundo da ciencia e da astronomía.









lunes, 27 de abril de 2026

Semana do Libro 2026

Un ano máis celebramos no noso centro o Día do Libro, unha data na que pretendemos non só fomentar a lectura e a cultura literaria, senón tamén a solidariedade coas persoas máis vulnerables. 

Entre as actividades organizadas neste curso destaca o noso Mercado Solidario, unha iniciativa proposta polas profesoras do Equipo de Biblioteca e que une lectura e compromiso social. 

Durante o tempo de lecer da semana do 20 ao 24 de abril, a comunidade educativa puido mercar un libro e contribuir coa súa compra á donación que, por segundo ano consecutivo, se fará ao Banco de Alimentos de Ourense 




Tamén na mesma semana durante o tempo de lecer, e grazas á implicación das profesoras Cristina Sabucedo e Katia Cid, a biblioteca converteuse nun espazo cheo de vida, no que se desenvolveron diferentes actividades pensadas para compartir momentos arredor da lectura e das personaxes literarias. 

Velaquí o programa desta Semana Temática "Día do Libro" e algunha imaxe.





Exposición con algúns dos traballos realizados
polo alumnado


Rematamos esta entrada do blog cunha cita tomada de Os libros arden mal de Manuel Rivas e coa que vos desexamos un Feliz Día do Libro.

Pode chover sobre o libro e as 

palabras aínda dan calor. E unhas tardan 

máis que outras en arder.



Marcapáxinas conmemorativo (elaboración propia)



martes, 7 de abril de 2026

Mercado solidario de libros

O curso pasado organizamos no noso centro un mercado solidario de libros grazas as doazóns de toda a comunidade educativa. O éxito desta iniciativa impúlsanos a repetir a actividade de novo este ano. Esta semana e a próxima aínda podedes colaborar connosco. Podedes deixar os vosos exemplares en conserxería ou na sala de profesores.

Lembrade que non se recollerán libros de texto nin enciclopedias. 

Grazas pola vosa colaboración.


lunes, 16 de marzo de 2026

Encontros arredor da obra "Runrún"

A semana pasada o alumnado do club de lectura de 1º de bacharelato reuniuse para comentar a obra Runrún (Ed. Galaxia, 2024) de Ana Varela.

O xoves 5 de marzo xa tiveran a oportunidade de escoitar á autora no Liceo de Ourense, xa que foi a obra elixida este ano nas Tertulias Literarias en galego do Concello.

A sáude mental, os coidados, os prexuízos ou as relacións familiares foron algúns dos temas que saíron da primeira lectura; outros como o amianto, o cancro ou a loita sindical quedaron para aprodundar na seguinte reunión.

Velaquí imaxes de ambas actividades impulsadas polas profesoras Carme e Maribel.




Sinopse:

Tras a prematura morte dos seus pais, Aldara sofre un episodio psicótico, e a súa irmá, Uxía, faise cargo, soa, da situación. Esta é a historia de Uxía, unha xanela para asomarnos á súa vida. Apenas unhas horas que nos deixan ver os seus afectos, os escollidos e os que veñen dados, que por veces se volven caníbales, das circunstancias e dos prexuízos que nos atrapan, e de como todo pode virar nun momento, do fácil que é estar no outro lado do espello, iso que tanto tememos.

martes, 10 de marzo de 2026

Un libro nun instante: Lisístrata de Aristófanes

A radio escolar é un recurso educativo moi valioso que ocupa nos últimos anos un espazo propio en moitos centros de ensino. Fomenta múltiples destrezas como a investigación, o traballo colaborativo, a comunicación oral e a escoita activa.

No noso centro, dentro do Plan de Formación Permanente do Profesorado, un grupo de docentes está a traballar na aula coa radio dende hai dous cursos elaborando podcasts con diversas temáticas.

Para conmemorar o Día Internacional da Muller, o alumnado de Literatura Universal de 1º de bacharelato escolleu e resumiu fragmentos da obra Lisístrata, unha divertida comedia de Aristófanes.

Podedes escoitar neste enlace o traballo realizado.

lunes, 9 de marzo de 2026

Ler para lembrar: mulleres que fixeron historia

O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, é unha data na que celebramos os dereitos conquistados pola mulleres en todos os ámbitos, conmemorando así a longa historia de loita e sacrificio para conseguilos.  

Por este motivo, para o día de hoxe, Vicedirección propuxo unha pequena acitividade para levar a cabo na Hora de Ler: lectura e debate de pequenos textos relacionados con mulleres e tomados de obras do noso fondo bibliográfico.

Acompáñase esta proposta de varias exposicións nas que colaborou o profesorado dos distintos departamentos, e que se poden visitar estes días no vestíbulo da planta baixa e nos corredores e escaleiras do instituto. 

Velaquí algunas imaxes.

Mandís con versos de O noso canto.

Acitividade de Vicedirección en colaboración con
todos os departamentos: Mostra de Mulleres que fixeron historia.


Actividade do Dpto. de Plástica: Liña de tempo de mulleres artistas.


Actividade do EDNL: Carteis elaborados polo alumnado
 sobre mulleres do mundo da cultura
e da  literatura galega.


lunes, 2 de marzo de 2026

Querémonos en galego

Co gallo do 14 de febreiro, no noso centro quixemos celebrar o amor dun xeito moi especial: namorándonos da nosa lingua. Baixo o lema Querémonos en galego, enchemos un corazón xigante con palabras, frases e dedicatorias en lingua galega.

Velaquí algunha imaxe desta atividade proposta polo Equipo de Dinamización Lingüística e a nosa lectura recomendada para namorarse do galego e para namorarse en galego: Cartas de Amor (Xerais, 2006) de Fran Alonso.


 

Sinopse:

As historias deste libro nacen a partir de cartas de amor. Pero non son cartas de amor convencionais. O amor ou o desamor son as desculpas que nos permiten coñecer as dramáticas circunstancias que rodean ás mulleres que as escriben. De feito, os verdadeiros protagonistas das cartas son a pobreza, a guerra, a inmigración, o franquismo, a violencia, a prostitución, a presión social, a integración... E quen escriben as cartas son mulleres que viven circunstancias vitais -persoais ou sociais- moi difíciles, ás que se enfrontan con valentía. 

Este é un libro contundente pero tenro, un canto á vida e á dignidade.

Día de Rosalía

O Día de Rosalía é unha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego. Cada 23 de febreiro, coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro en 1837, bibliotecas, centros de ensino e asociacións culturais réndenlle unha homenaxe á que é considerada unha das figuras máis importantes da literarura galega. 

No IES Ferro Couselo sumámonos a esta iniciativa coa exposición Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!!, unha actividade proposta polo Equipo de Dinamización Lingüística e elaborada a partir do material dispoñible neste enlace.

Imaxe dun dos vinte paneis da mostra.

O alumnado de todos os cursos de ESO, ao tempo que percorreu a mostra, tivo que indagar na información dos paneis para resolver un tríptico-cuestionario.

Portada do tríptico cuestionario (elaboración propia)

Imaxes da exposición.

Tamén se montou no vestíbulo da planta baixa unha pequena mostra de obras do noso fondo bibliográfico.

Mostra de libros





martes, 24 de febrero de 2026

Cara a igualdade na ciencia: 11 de febreiro

Cada 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, data proposta o 15 de decembro de 2015 na Asamblea Xeral das Nacións Unidas. Dende entón e cada ano, persoas do ámbito científico e de xeito totalmente voluntario participan nesta conmemoracíon, que ten como propósito principal visibilizar o traballo das mulleres nas áreas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). Deste xeito, preténdense crear referentes femininos para a infancia e a mocidade que axuden a que máis nenas e mozas elixan estas disciplinas como o seu camiño profesional. 

No noso instituto cada curso sumámonos a este movemento con diversas propostas que organizamos dentro e fóra do centro. 

O alumnado de 3º de ESO, nunha actividade impulsada polo departamento de física e química, participou o pasado 6 de febreiro na 8ª edición das Xornadas Ciencia e Tecnoloxía en feminino no Parque Tecnolóxico de Galicia

O día comezou cun achegamento ao traballo que se realiza en Galicia no sector da madeira grazas á charla impartida por Esther Merlo, Enxeñeira de Montes con máis de 20 anos de experiencia na investigación e innovación tecnolóxica neste ámbito. Despois dunha visita á exposición "Mulleres que cambiaron o mundo", as nosas alumnas e alumnos participaron nun divertido obradoiro sobre os sentidos, impartido pola Enxeñeira Biomédica Iria Ollero, quen tamén se encargou de guiar un Escape Room científico baseado na figura de Hedy Lamarr, actriz de Hollywood e inventora dun sistema de comunicación precursor do wifi. 

Velaquí algunhas imaxes: 

Presentación das xornadas e charla
con Esther Merlo

Obradoiro sobre os sentidos

Escape Room 

O alumnado de 3º de ESO que cursa a materia de Proxecto Competencial asistiu este luns 23 de feb á charla "A túa cociña está chea de química e é sa", impatida por Ángeles Peña Gallego, Decana da Facultade de Química da Universidade de Vigo. Esta actividade, proposta polo departamento de física e química, enlaza co tema que se está a traballar na aula este curso: explorando a química dos alimentos e da cociña. 

Aprendemos a facer esferificacións: técnica gastronómica
que encapsula líquidos en membranas xelatinosas. 

Tamén durante a semana do 9 ao 13 de febreiro o alumnado de 1º de ESO participou nun xogo de pistas na biblioteca organizado polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía. 


Para acompañar esta actividade, o Equipo de Biblioteca montou unha pequena exposición con diversos títulos do noso fondo bibliográfico: algunha novela de aventuras de corte científico, libros de divulgación científica escritos por mulleres e pequenas biografías de mulleres relevantes na historia da ciencia. Convidámosvos a mergullarvos nalgunha destas lecturas.