O pasado 29 de abril celebrouse no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, a XVIII Xornada dos Clubs de Lectura, o encontro anual do profesorado coordinador dos clubs de lectura dos centros participantes no programa da Consellería de Educación.
Nesta edición reuníronse arredor de 600 persoas entre participantes, relatores e persoas asesoras de formación do profesorado, consolidándose como unha das citas máis importantes arredor da lectura compartida en Galicia. Ademais, fíxose entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2026 ao escritor Manuel Rivas.
Dentro das sesións simultáneas da tarde, a nosa compañeira María Xosé Fernández presentou a experiencia do Club de Lectura As Catro Esquinas do Quinto, unha proposta que pon o foco na dimensión social da lectura e no seu poder como ferramenta de encontro e inclusión.
A súa ponencia estivo baseada na colaboración lectora coas persoas usuarias do centro CIS Aixiña, unha entidade de referencia en Ourense no acompañamento a persoas con discapacidade física, parálise cerebral, dano cerebral e persoas maiores dependentes e que leva máis de 30 anos promovendo a inclusión laboral e social.
A través desta experiencia, o alumnado de 4º da ESO do IES Xesús Ferro Couselo participou en xuntazas literarias e non literarias, compartindo lecturas, reflexións e vivencias que foron moito máis aló dos libros. O club funcionou como punto de encontro, ferramenta de aprendizaxe e vía para fortalecer a empatía e a convivencia.
Desde a biblioteca do IES Xesús Ferro Couselo sentimos un grande orgullo por ver recoñecida esta experiencia nas Xornadas de Clubs de Lectura de Galicia e felicitamos especialmente a María Xosé por levar esta proposta a este foro, visibilizando o enorme valor educativo e humano que nace cando a lectura sae da aula.


No hay comentarios:
Publicar un comentario