O alumnado de terceiro de ESO visitou o pasado 4 de maio a terra de Celanova. Esta actividade, promovida polo departamento de Galego, combinou patrimonio, literatura, música e historia.
A primeira parada foi Vilanova do Infantes, unha fermosa vila medieval na que destaca como elemento emblemático a Torre da Homenaxe.
A continuación o grupo trasladouse ao Mosteiro de San Salvador, situado na Praza Maior de Celanova e fundado no ano 936 por San Rosendo, onde asistiron a un pequeno concerto de órgano.
Nas inmediacións do mosteiro, visitaron a Capela de San Miguel, unha construción prerrománica considerada como unha das máis antigas de Galicia.
A xornada continuou na Casa do Poetas, un espazo dedicado á memoria e á obra de destacados escritores galegos vencellados á vila de Celanova.
Xa en xornada de tarde, puideron visitar a extraordinaria biblioteca do IES Celanova, centro de ensino situado na ala sur do mosteiro, e participar alí nun recital de poemas de Celso Emilio Ferreiro e de Manuel Curros Enríquez, acompañados musicalmente con pezas interpretadas ao piano por algúns dos alumnos e alumnas do grupo.
Como peche da saída, visitaron Castromao, un importante asentamento castrexo que lles permitiu achegarse á realidade dos antigos habitantes de Galicia.
Esta saída didáctica foi unha magnífica oportunidade para aprender fóra da aula descubrindo a riqueza cultural e patrimonial da nosa terra.


No hay comentarios:
Publicar un comentario