martes, 27 de febrero de 2024

Un día con estrela: ciencia e literatura

O pasado 23 de febreiro celebramos no instituto o Día de Rosalía cunha exposición na que está presente tanto a literatura como a ciencia.

Dende 2019 a nosa Rosalía conta cunha estrela no ceo: a estrela Rosalíadecastro. Trátase dunha anana amarela situada a 240 anos luz de nós, na constelación de Ofiúco, arredor da que orbita o exoplaneta Riosar que ten un periodo orbital de tan só 4,1 días. A campaña para nomear a estrela HD149143 co nome da autora de Cantares Gallegos e Follas Novas foi iniciativa da Agrupación Astronómica Io de A Coruña.

A obra de Rosalía fai referencia en numerosas ocasións ao ceo nocturno. Aos membros do Equipo de Normalización Lingüística pareceunos boa idea seleccionar Poemas con estrela, elaborar estreliñas de papiroflexia e tamén construir un modelo en relevo da constelación Ofiúco co nome en Braille. Acompañouse esta mostra de varios carteis informativos, algúns de elaboración propia e outros descargados da páxina web da Agrupación Io.

O resultado do traballo realizado pódese ver nas seguintes imaxes.






viernes, 23 de febrero de 2024

Por San Valentín dame un verso

Febreiro non é só tempo de Entroido, tamén é o mes de San Valentín. Cada 14 de febreiro célebrase en distintas partes do mundo o Día dos namorados. 

Hai varias teorías sobre a orixe desta festividade, unha delas vincúlase co escritor medieval inglés Geoffrey Chaucer, famoso por Os contos de Canterbury. Algúns historiadores sinalan que foi a primeira persoa en asociar este día co amor no seu poema O Parlamento das Aves. 

Neste curso na BiblioFerro, como vedes, hai moita poesía. A temática do amor, tan presente na literatura, é unha ocasión perfecta para recitar poemas. 

É de agradecer que a nosa biblioteca vaia converténdose pouco a pouco nun lugar no que compartir experiencias arredor da lectura e, sobre todo, que vos acheguedes ata aquí para desfrutar delas.

De novo a profesora Claudia de lingua castelá, coa colaboración das compañeiras dos departamentos lingüísticos, foi a impulsora da actividade Por San Valentín dame un verso. 

Velaquí o resumo que ela mesma nos envía acompañado dalgunha imaxe.

O que a min o corazón no peito me arrebata
apenas te miro e entón non podo dicir xa palabra. 

O pasado venres celebramos o amor no Quinto. O alumnado de Literatura Universal decorou a entrada con "versos para levar" de distintos poetas que ao longo da historia, dende Safo, autora coa que iniciamos este texto, ata Shakespeare, intentaron reflectir en palabras a complexidade desde sentimento.

Foron moitos os alumnos e alumnas que se animaron a deixar as súas definicións do amor entre os poemas. 

Ademais, no tempo de lecer, xuntámonos na biblioteca para escoitar e recitar varios poemas propios e tamén das nosas escritoras e escritores favoritos.






 

martes, 20 de febrero de 2024

Entroido no Ferro

Un ano máis Videdirección organizou unha xornada lúdica para conmemorar a festividade do Entroido. 

O pasado venres 9 de febreiro baixo a temática Profesores de película, algúns compañeiros animáronse a participar nunha coreografía grupal. Membros de A familia Adams, unha representación de cine mudo, os Minions, Cazapantasmas, Barbie, Cruella de Vil ou o neno Elliot da película ET estiveron representados nesta divertida actividade. 

O alumnado, por aulas, participou no concurso de comparsas e coreografías, xa todo un clásico no Ferro. Desta vez o equipo gañador foi "Formulación" da aula de 4º ESO C. Disfrazados de membros de varias escuderías de Fórmula 1, chicos e chicas executaron diversos pasos de baile ao son de fragmentos de cancións actuais. A encargada de guiar e coordinar esta coreografía foi a alumna Fabiana Fuenmayor. Parabéns polo traballo realizado. 




Por outra banda, o Equipo de Normalización Lingüística en colaboración co Dpto. de Plástica animou ao alumnado a decorar máscaras de Entroido. Velaquí temos unha mostra dos traballos realizados:



Máscaras premiadas: Verónica Mora, Alexandre de la Torre e Sofía Arce




lunes, 19 de febrero de 2024

A BiblioFerro acada o selo "Biblioteca Escolar Solidaria"

A Consellería de Educación ven de publicar a resolución definitiva do programa Bibliotecas Escolares Solidarias convocado o 12 de decembro de 2023, programa que está integrado no Plan LIA (Lectura, Información e Aprendizaxe) de bibliotecas escolares. 

A BiblioFerro acada este curso 2023/2024 o selo de "Biblioteca Escolar Solidaria" grazas á posta en marcha, un ano máis, do programa de voluntariado nos tempos de lecer. Nesta entrada do blog falabamos do grupiño de alumnos e alumnas que este curso colaboran con nós nas labores de catalogación e organización do noso fondo bibliográfico.

Lembramos tamén que o pasado 8 de xaneiro se publicou a resolución definitiva das axudas para o funcionamento dos Clubs de Lectura nos centros educativos. Un ano máis contamos cun apoio económico para desenvolver as actividades do club As catro esquinas do Quinto, do que forman parte alumnos e alumnas de todos os cursos de ESO e Bach.

viernes, 2 de febrero de 2024

Tertulias literarias: encontro con Paula Carballeira

A semana pasada as profesoras de lingua galega e de lingua castelá acudiron cun grupo de alumnos ao Liceo de Ourense para participar nas Tertulias Literarias, actividade organizada polo Concello de Ourense e na que participa dende hai varios cursos o IES Ferro Couselo xunto a outros centros educativos da provincia. 

Imaxe obtida de https://ourense.gal/es/saladeprensa

Nesta ocasión a lectura escollida polo grupo de traballo do que forman parte 35 docentes foi As alumnas de Paula Carballeira,  obra do xénero teatral pola que a autora recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática 2023.

As profesoras impulsoras desta actividade valoran moi positivamente a participación e a implicación do alumnado na mesma.

Mostramos aquí algunha imaxe das dúas sesións realizadas os pasados 24 e 25 de xaneiro pola tarde.

Primeira sesión: posta en común de experiencias 
arredor da obra (Sala de Tertulias do Liceo)

Segunda sesión: encontro coa autora e sinatura
de libros (Salón Nobre do Liceo)