martes, 19 de diciembre de 2023

Chegou o Nadal ao Ferro

Un ano máis xa estamos ás portas do Nadal. Clases, departamentos, vestíbulo e biblioteca engalánanse para despedir o 2023. 

Velaquí o vídeo que recolle o traballo realizado polas profesoras Pilar, Elsa e Carme co seu alumnado de francés e de portugués. Decenas de tarxetas de felicitación con orixinais deseños serviron de molde para crear unha gran árbore de Nadal. 

Con ela desexámoslle unhas felices festas a toda a comunidade educativa.



Xuntanza de Nadal do club de lectura Aixiña Ferro

Rematamos este trimestre cunha nova xuntanza do club de lectura Aixiña Ferro. Varios alumnos de 4º de ESO, acompañados das profesoras de lingua castelá, participaron nesta sesión, que María Xosé Casas resume nas seguintes liñas.

O Nadal chegou ao noso club de lectura con Aixiña. Na tarde do luns 18 de decembro, despois do xantar, fomos tomar o postre cos nosos amigos e amigas de lectura do CIS Aixiña. Entre anaco e anaco de biscoito falamos de libros para recomendarnos lecturas. 

Fabiana de 4.º ESO recomendounos La sonrisa etrusca de José Luis Sampedro, Celso do CIS Aixiña achegounos unha das súas novelas favoritas: El jinete silencioso de Gonzalo Giner. Despois tomou a palabra Lucía Paradela de 4.º ESO quen nos emociocou con Diferente, de Eloy Moreno e Modesto recomendounos o libro que acaba de ler: La montaña blanca. E seguimos coa novela compartida de Las vencedoras, pero desta volta queriamos conversar sobre libros perfectos para regalar ou para pasar as tardes de frío do Nadal. 

Que marabilla de tertulia literaria e que curta se nos fixo. Estamos desexando regresar a Aixiña, onde compartimos o acubillo que proporcionan a amizade e a lectura.

A profesora Almudena envíanos este vídeo que ilustra o vivido na tarde de onte. Parabéns ao profesorado de lingua castelá por esta iniciativa e ao alumnado pola súa implicación.



lunes, 18 de diciembre de 2023

Encontro con Mónica Rodríguez

Remata este trimestre con un novo encontro literario, esta vez en modalidade online, organizado polo departamento de lingua castelá. Mónica Rodríguez, autora de Biografía de un cuerpo, conversou co alumnado de 3º de ESO. 

A súa profesora Claudia Pérez envíanos as seguintes liñas: 

O pasado luns 4 de decembro asistimos a un encontro virtual coa autora de literatura infantil e xuvenil Mónica Rodríguez. O alumnado de 3º de ESO participou na tertulia tras a lectura de Biografía de un cuerpo, unha das súas novelas máis coñecidas, premiada en 2018 co galardón Gran Angular. 

Durante as sesións da tarde, puidemos agocharnos da chuvia falando sobre como a lectura nos axuda a ocupar outros espazos, a saírmonos de nós mesmas e a traballar a empatía. Aprendemos tamén sobre as diferentes posibilidades de escritura e de como as escritoras teñen que facer e refacer todo o tempo, pois nada se consegue sen un traballo constante. 

No remate do encontro, puidemos facerlle moitas preguntas a Mónica sobre a súa novela: en quen se inspirou, por que escolleu a estructura de diario, por que un protagonista masculino no mundo da danza clásica, etc. Moitas outras quedaron no tinteiro. Teremos máis ocasións! 

Moitas grazas a Mónica polo seu tempo e ao alumnado e profesorado participante pola súa implicación.

Imaxe de nevandopalabras.blogspot.com/

Podedes ler aquí o primeiro capítulo da obra. 





martes, 12 de diciembre de 2023

BiblioFerro BD [1]

Dende hai varios cursos, grazas á iniciativa de Pilar Fernández, coordinadora da BiblioFerro, temos un recuncho dedicado á banda deseñada que vai medrando pouco a pouco cada ano.

Con esta serie de entradas no blogue, baixo o título BiblioFerro BD, queremos difundir algún dos títulos do noso fondo bibliográfico. Periodicamente proporemos unha obra diferente cunha breve recensión.

Comezamos hoxe co xa clásico Persépolis de Marijane Satrapi (Norma Editorial, 2000). 

Esta novela gráfica conta a revolución islámica iraní vista dende os ollos dunha nena que é testemuña do cambio profundo que experimenta o seu país e a súa familia. É un relato autobiográfico que examina o que significa medrar nun ambiente de guerra e represión política. 






 

martes, 5 de diciembre de 2023

Ao fío da actividade "Voando con números: unha aventura aérea"

O alumnado de física e química de 4º de ESO, acompañado dos profesores Rafael Nóvoa e Ana Reboiro, acudiu o pasado 30 de novembro á Aula Newton situada no Parque Tecnolóxico de Galicia para realizar a actividade Voando con números: unha aventura aérea.

Nesta actividade os estudantes recibiron unha misión do Centro Integrado de Atención a Emerxencias da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), que consistiu en colaborar na observación de diversas ubicacións de Ourense e Pontevedra para axudar a establecer as prioridades dos rescates.

O alumnado tivo que facer uso da física e das matemáticas para elaborar un plan de voo co que manexar correctamente un simulador aéreo. 

Medir distancias entre localidades, interpretar a escala dun mapa, estimar os tempos de voo e indicar o rumbo a seguir foron algunhas das tarefas que a tripulación tivo que realizar para completar de forma exitosa a misión. 

Alumnado de 4º de ESO participando na misión.

E xa que esta actividade foi de números, de física e de matemáticas a BiblioFerro recomenda El diablo de los números, un dos títulos do noso fondo bibliográfico da sección de ciencias e do que podedes ler o primeiro capítulo aquí.






viernes, 1 de diciembre de 2023

Exposición AstrónomAs

Esta historia comezou hai miles de anos, cando as nosAs antepasadAs miraron cara o ceo e observaron o Sol, a Lúa e as estrelas. Durante anos, outras mulleres seguiron observando o universo facendo interesantes e importantes descubrimentos. 

Vas iniciar unha viaxe da man destas mulleres que te levará a descubrir moitos dos misterios da Astronomía que elas desvelaron con bravurA, Alegría e Afán. 

Con este texto comeza a exposición virtual AstrónomAs, centrada en máis de trescentas mulleres dedicadas ao estudo da Astronomía e da Astrofísica e que traballan nalgún dos catorce temas arredor dos que se estrutura a mostra, entre eles, os cúmulos estelares, a física de astropartículas e a cosmoloxía. 

Exemplo de cartel.

Estes días podemos visitar nos corredores do instituto o formato físico imprimible desta exposición, que xorde como unha continuación de Con A de AstrónomAs nacida no Ano Internacional da Astronomía 2009 e que percorreu durante doce anos museos e centros educativos de todo o país. 

A renovación daquela existosa mostra foi realizada por un equipo interdisciplinar de profesionais de diferentes ámbitos, coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a Sociedade Española de Astronomía (SEA). 

Con esta exposición continuamos as actividades do proxecto Camiño de Santiago cheo de vida, no que participan as profesoras Ana López, Salud Gago, Ana Reboiro e María José González, xunto con profesorado de centros de Almería, Tenerife e Murcia. 

Este curso, no noso instituto, ademais de traballar co alumnado aspectos do patrimonio histórico, cultural e natural das vilas polas que transcorre o Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia de Ourense, realizaremos varias actividades arredor da astronomía e do Camiño das estrelas

Nesta ocasión, o alumnado de 2º e de 3º de ESO resolveu un tríptico-cuestionario sobre a exposición AstrónomAs. Tivo que ler polo miúdo e seleccionar a información dos paneis, redactar correctamente as respostas e tamén indagar no formato virtual da exposición. En definitiva, unha completa actividade ALFIN da que queremos deixar constancia na Biblioferro. 

Os carteis da exposición e as unidades didácticas que a acompañan pódense descargar para a súa impresión aquí.

Imaxes da mostra

Portada do cuestionario

Alumnado de 2º da ESO resolvendo o cuestionario

Lecturas recomendadas