Recentemente, o alumnado de ESO que cursa a materia de portugués como segunda lingua estranxeira, tivo a oportunidade de visitar a cidade de Guimarães. A profesora Maribel Gil quixo compartir connosco unhas liñas sobre esta experiencia, achegándonos aos lugares visitados e ás impresións que deixou esta saída cultural.
O alumnado de lingua portuguesa visitou Guimarães, cidade do distrito de Braga, o 25 de maio. Guimarães é considerada o berce de Portugal porque nesta vila naceu o seu primeiro rei, Afonso Henriques, e tamén se fraguou a independencia do reino de León, no s. XII, como reza na muralla: “Aquí nasceu Portugal”.
Pola mañá visitaron a Citânia de Briteiros, castro da Idade de Ferro. Ocuparon a tarde en ver o Castelo de Guimarães, onde se cre que naceu o rei Afonso, o Pazo dos Duques de Bragança e a Igrexa de San Miguel e en pasear polo centro histórico da cidade, declarado Patrimonio Mundial da Unesco no 2001, percorrendo as súas rúas e prazas como o Largo do Toural ou o Largo da Oliveira e, por suposto, a famosa muralla.


No hay comentarios:
Publicar un comentario