martes, 19 de marzo de 2024

Fomentando a escritura creativa: Concurso de Relato Curto

A fundacion Coca-Cola convocou un ano máis o xa clásico Concurso Xoves Talentos de Relato Curto co obxectivo de fomentar a escritura creativa na escola.

A profesora Claudia Pérez de lingua castelá implicou ao seu alumnado de 2º de ESO nesta actividade, que se desenvolveu en rede o pasado xoves 14 de marzo. 

Envíanos este resumo e algunhas fotos que hoxe publicamos na BiblioFerro:

Agua, agua, agua!

Eso voy gritando por calles y plazas.

¡Agua, agua, agua!

No quiero beberla,

no quiero tomarla,

no es la boca mía la que pide agua.

                              Alfonsina Storni 

Este curso o alumnado de 2º de ESO tivo a oportunidade de participar na 63ª edición do concurso Xoves Talentos de Relato Curto de Coca-Cola. Tras ler o estímulo creativo de Alfonsina Storni que encabeza este texto, os participantes tiveron dúas horas para plasmar nun relato de 800 palabras toda a súa imaxinación. Só queda esperar ao veredicto do xurado. Ata o de agora, a experiencia vivida é o premio máis enriquecedor.

Velaquí unha fotos do proceso de escritura.

lunes, 18 de marzo de 2024

Obradoiro de primeiros auxilios

Os pasados 13 e 14 de marzo tivo lugar en Expourense o 17º Salón de Prevención e Seguridade Laboral. 

No marco desta feira o alumnado de 2º de bacharelato de bioloxía, xunto coa súa profesora Charo Blanco, participou no obradoiro práctico Aplicación de hemostáticos e torniquetes da man de Brais Ramos López, enfermeiro e TES. 

Nesta xornada aprenderon como atallar sangrados con poucos recursos, como facer vendaxes, como facer un torniquete e tamén nocións básicas sobre como actuar ante unha queimadura. 

Velaquí algunha imaxe da actividade e a nosa proposta dende a BiblioFerro: un vídeo divulgativo da Cruz Vermella.  



viernes, 15 de marzo de 2024

Día Internacional das Matemáticas

A celebración do Día de Pi ten a súa orixe en 1988 cando o físico Larry Shaw tomou como referencia os tres primeiros díxitos do número π  para asocialos ao 14 de marzo (March 14 no mundo anglosaxón). 

Na 40ª Conferencia Xeral da UNESCO de 2019 escolleuse esta data como o Día Internacional das Matemáticas, consolidándose así o recoñecemento actual ás Matemáticas polo seu importante papel en multidude de ámbitos de gran impacto na nosa calidade de vida como a saúde, o medio ambiente, a enerxía ou a intelixencia artificial.

Estes días podemos ver no vestíbulo do instituto a exposición que, con motivo deste día, o departamento de matemáticas preparou coa axuda do alumnado de ESO. Velaquí unhas imaxes: 





Dende a biblioferro aportamos a esta conmemoración unha selección de libros de divulgación das Matemáticas do noso fondo bibliográfico.


jueves, 14 de marzo de 2024

Imos ao teatro... en inglés e francés

O Concello de Ourense, dentro do programa Educación Artística na Escola, ofrecéunos a posibilidade de asistir un ano máis a obras teatrais en linguas estranxeiras. 

Foi o pasado 29 de febreiro cando os nosos estudantes de 4º de ESO e as profesoras Pilar, Elsa, Elisa e Salomé, xunto a compañeiros doutros centros educativos, puideron vivir en directo as aventuras de "Les Trois Mouquetaires", obra teatral baseada na historia orixinal de Alejandro Dumas e adaptada para escolares por BHM Producciones.



O 5 de marzo os alumnos e alumnas de 3º de ESO, acompañados dos profesores Roxer, Clara e Rita, desfrutaron tamén dunha sesión teatral, esta vez en inglés. Na obra "Three stories of Scotland", a cargo da compañía Theatre4schools , transportáronse á Escocia do século XIII e percorreron tres xéneros teatrais: un drama, unha comedia e unha traxedia. 

Nun momento crucial da representación, os nosos estudantes contribuiron cos seus votos para axudar aos actores a elixir o final máis apropiado en cada caso, sendo partícipes así do rumbo dos acontecementos e, por tanto, do destino dos protagonistas.



lunes, 11 de marzo de 2024

Roteiro: A cidade medieval de Ourense

A Concellería de Educación do Concello de Ourense, dentro do programa educativo Coñece a túa cidade, ofrece a posibilidade de realizar co alumnado dos centros educativos a actividade A cidade medieval de Ourense

Os rapaces e rapazas de 2º de ESO, xunto coas profesoras Eva, Carmen R., Elsa, Esther e Claudia, participaron neste interesante roteiro que Eva Álvarez, do departamento de Xeografía e Historia, resume nas seguintes liñas:

O pasado 7 de marzo o alumnado de 2º da ESO viaxou ata o Ourense da Idade Media para coñecer como eran as cidades hai case mil anos. Partindo do Xardín do Posío, onde se atopaba unha das antigas portas das murallas, percorremos diferentes rúas observando como eran as vivendas, descubrindo curiosidades da vida cotiá, indagando que actividades comerciais se realizaban en cada unha das prazas, e teatralizando un pacto que tivo lugar no século XV entre o gremio dos carniceiros e as autoridades da cidade, así coma un xuízo onde un acusado de roubo foi considerado culpable. 

Foi unha mañá moi entretida na que aprendemos quen gobernaba nas cidades e que papel tiñan os burgueses, habitantes das antigas vilas, na vida urbana.

A continuación algunha imaxe do día: 






viernes, 8 de marzo de 2024

Somos un pobo de mulleres

Co gallo da celebración do Día Internacional da Muller, o alumnado de 4º de ESO e de 1º de bacharelato participou o pasado 6 de marzo nunha saída cultural ao Auditorio de Ourense para asistir a representación teatral Insubmisas, dirixida por Marta Alonso e Pepe Domínguez. 

Esta obra explora os límites da liberdade individual e cuestiona a posibilidade feminina nunha sociedade rexida e relatada por homes.

Nos corredores e na entrada do instituto o Equipo de Normalización Linguística preparou a exposición Somos un pobo de mulleres, da que podemos ver aquí unha mostra. 

O departamento de Educación Física organizou o obradoiro de Introdución a técnicas de defensa persoal con Lorena Gómez e a exposición de deportistas femininas De niñas a leyendas

A continuación mostrámosvos algunha imaxe. Podedes ampliar información premendo aquí.  




Estes días un grupo de alumnos e alumnas 2º e 3º de ESO participa en Almería na terceira mobilidade do proxecto Camino de Santiago lleno de vida dentro do programa Agrupacións de Centros Educativos. Ana López envíanos dende alí esta imaxe co lema #aFERRateaOdíadamuller8M.


martes, 5 de marzo de 2024

Paleontoloxía: encontro con Adán Pérez

O IES Ferro Couselo incorporouse no curso 2023-2024 ao programa Aulas de Divulgación da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), programa no que participan tamén outros centros educativos da cidade. As actividades propostas abarcan varios aspectos da ciencia e consisten en conferencias e obradoiros prácticos dirixidos a estudantes de ESO e bacharelato.

Na primeira actividade deste curso, o alumnado de 4º de ESO asistiu á charla Paleontoloxía: conceptos e métodos da man do investigador doutor Adán Pérez García, paleontólogo da Facultade de Ciencias da UNED. Neste enlace podemos ler a extensa crónica que publica na súa páxina web o Centro Asociado UNED Ourense. 

Acompañou e presentou ao ponente o director deste centro, Jesús Manuel García Díaz, que uns días máis tarde visitou de novo o noso instituto para conversar co alumnado de 2º de bacharelato sobre as posibilidades educativas que ofrece a UNED, a forma de acceso, o método de estudio, etc. Aquí podemos acceder a máis información sobre esta actividade.

Imaxes do encontro con Adán Pérez o pasado 20 de febreiro

Charla con Jesús García o pasado 28 de febreiro

De novo, dende a BiblioFerro, recomendamos unha lectura do noso fondo bibliográfico, neste caso La vida contada por un sapiens a un neandertal (Alfaguara, 2020) de Juan José Millás e Juan Luis Arsuaga. Velaquí unha recensión desta obra.




viernes, 1 de marzo de 2024

Visita ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense

O Arquivo Histórico Provincial é un centro de titularidade estatal que dende 1989 xestiona a Comunidade Autónoma de Galicia. Na actualidade ten a súa sé nun relevante edificio, declarado Monumento Histórico-Artístico en 1923, que foi convento franciscano entre os séculos XIV e XV e cuartel de infantería entre 1840 e 1980. O edificio, recentemente remodelado segundo o proxecto do arquitecto Xosé Manuel Casabella, enmárcase no chamado Complexo Cultural San Francisco no que tamén se atopa a Biblioteca Pública Nós e o Auditorio Municipal.

A orixe do Arquivo remóntase a 1943 cando Xesús Ferro Couselo, daquela director do Arquivo de Facenda, impulsa a súa creación en aplicación do Decreto do 12 de novembro de 1931. Inicialmente instalouse nos locais da Delegación de Facenda ata que en 1964 se inaugurou a nova sé no antigo Pazo Episcopal, próximo á Praza Maior da cidade.  Non é ata 2020 cando os fondos se trasladan á ubicación actual que se inaugura oficialmente en 2022 baixo a dirección de Pablo Sánchez Ferro, neto de don Xesús.

O pasado 20 de febreiro o alumnado de 3º de ESO, acompañado de Claudia Pérez, Iago Saco e Miguel García, desfrutou dunha visita guiada ao antigo convento, visita coa que puido coñecer a historia da orde dos Franciscanos na cidade e a evolución do edificio, ao tempo que admirou a orixinalidade e beleza dos seus claustros gótico e barroco. A actividade completouse cun obradoiro de escritura medieval. 

A continuación podemos ver algunha imaxe da xornada.