Mostrando entradas con la etiqueta EDNL. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta EDNL. Mostrar todas las entradas

lunes, 2 de marzo de 2026

Querémonos en galego

Co gallo do 14 de febreiro, no noso centro quixemos celebrar o amor dun xeito moi especial: namorándonos da nosa lingua. Baixo o lema Querémonos en galego, enchemos un corazón xigante con palabras, frases e dedicatorias en lingua galega.

Velaquí algunha imaxe desta atividade proposta polo Equipo de Dinamización Lingüística e a nosa lectura recomendada para namorarse do galego e para namorarse en galego: Cartas de Amor (Xerais, 2006) de Fran Alonso.


 

Sinopse:

As historias deste libro nacen a partir de cartas de amor. Pero non son cartas de amor convencionais. O amor ou o desamor son as desculpas que nos permiten coñecer as dramáticas circunstancias que rodean ás mulleres que as escriben. De feito, os verdadeiros protagonistas das cartas son a pobreza, a guerra, a inmigración, o franquismo, a violencia, a prostitución, a presión social, a integración... E quen escriben as cartas son mulleres que viven circunstancias vitais -persoais ou sociais- moi difíciles, ás que se enfrontan con valentía. 

Este é un libro contundente pero tenro, un canto á vida e á dignidade.

Día de Rosalía

O Día de Rosalía é unha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego. Cada 23 de febreiro, coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro en 1837, bibliotecas, centros de ensino e asociacións culturais réndenlle unha homenaxe á que é considerada unha das figuras máis importantes da literarura galega. 

No IES Ferro Couselo sumámonos a esta iniciativa coa exposición Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!!, unha actividade proposta polo Equipo de Dinamización Lingüística e elaborada a partir do material dispoñible neste enlace.

Imaxe dun dos vinte paneis da mostra.

O alumnado de todos os cursos de ESO, ao tempo que percorreu a mostra, tivo que indagar na información dos paneis para resolver un tríptico-cuestionario.

Portada do tríptico cuestionario (elaboración propia)

Imaxes da exposición.

Tamén se montou no vestíbulo da planta baixa unha pequena mostra de obras do noso fondo bibliográfico.

Mostra de libros





martes, 4 de noviembre de 2025

O Samaín chega ao noso instituto

Durante a semana pasada o noso centro celebrou o Samaín cun amplo abano de actividades que combinaron creatividade e posta en valor das nosas tradicións. Na Biblioteca, nas portas de aulas e departamentos, nos corredores e no vestíbulo habitaron por uns días seres malignos, meigas, vasoiras terroríficas, pantasmas, cabazas, esqueletos e outras criaturas e obxectos arrepiantes.

O Equipo de Normalización Lingüística e o Departamento de Galego plantexaron varias actividades coas que afondar na cultura e literarura galegas: concurso de decoración de vasoiras "Varrendo o medo", estudo dos seres malignos da nosa tradición popular, ilustración de portadas de obras literarias galegas arredor do terror e do misterio  e o xa tradicional xogo de pistas para descubrir ao asasino. 

Algunhas portas das aulas de ESO
decoradas durante as sesións de titoría.

Portas dalgúns departamentos

Seres Míticos
Traballo realizado polo alumnado de 1º de ESO
na materia de Lingua Galega

Literatura e medo. Ilustracións realizadas polo
alumnado de 2º de ESO na materia
de Lingua Galega

O Departamento de Plástica destacou especialmente co seu magnífico traballo na aula. O alumnado de ESO traballou coas profesoras Rebeca González e Cristina Sabucedo distintas técnicas para elaborar ilustracións inspiradas no mundo da maxia e do terror. Con elas montouse unha  galería de arte terrorífica. 

Vanitas. Naturezas Mortas.
Traballo realizado polo alumnado de
Expresión Artística de 4º de ESO


Sangue e Ósos
Traballo realizado polo alumnado
de EPeV de 3º ESO


Mi monstruo. Actividade realizada polo
alumnado de EPeV de 1º de ESO

O alumnado do Club de lectura dos diferentes cursos tamén se achegou ao Samaín participando en varias actividades. Entre elas destaca a representación teatral do pasado luns 27 de outubro a cargo dos rapaces e rapazas da materia de Literatura Universal de 1º de bacharelato. Tras o traballo de investigación sobre contos populares galegos, lendas urbanas e relatos literarios, dirixido pola profesora Almudena Platero, adaptaron a teatro o relato El gato negro de Edgar Allan Poe. Da súa excelente posta en escena puideron desfrutar os integrantes do club de lectura de 1º de ESO.


Tamén en 2º de ESO o alumnado do club de lectura participou nunha actividade proposta pola profesora Emma Valado: un xogo de cartas arredor da obra Trece avisos: contos para ler pola noite de Paula Carballeira.  Cada carta contiña unha ilustración relacionada con relatos do libro. Cada un dos tres equipos nos que se dividiu ao grupo escolleu unha carta e a partir dela, traballando de forma conxunta, o alumnado reescribiu o relato. 


E rematamos as actividades do Samaín coa primeira xuntanza do club de lectura de 1º de bacharelato arredor da obra A ladroa da biblioteca de Meirás de Eva Mejuto, unha novela de intriga e misterio que rende homenaxe á historia galega e ao seu patrimonio cultural, actividade dirixida pola profesora Carme Pérez.








martes, 7 de octubre de 2025

Entre notas e emocións: descubrindo o teatro musical

O teatro musical é un xénero escénico que combina música, danza e diálogos para contar unha historia. Diferénciase doutras formas de teatro en que a música é parte fundamental da acción dramática. As personaxes expresan sentimentos, conflitos e decisións a través das cancións e das coreografías.

Moitas obras literarias foron adaptadas a teatro musical, chegando nalgúns casos a ter tanta fama coma o texto orixinal. Un dos exemplos máis destacados é West Side Story, que retoma a trama de Romeo e Xulieta de William Shakespeare, trasladándoa á Nova York dos anos 50.

O pasado 24 de setembro, o alumnado de 4º de ESO asistitu no Auditorio de Ourense ao musical Disneyland D´eiquí, interpretado maxistralmente polo alumnado do IES Taboada Chivite de Verín. Grazas a esta iniciativa, os rapaces e rapazas puideron achegarse a este xénero escénico que tivo como base diferentes películas de Disney, dende as cales se trataron temas de actualidade como o machismo, o empoderamento da muller ou a violencia. 

A actividade estivo organizada por segundo ano consecutivo polo Equipo de Normalización Lingüística, coa finalidade de poñer en valor a nosa lingua e de achegarse a diferentes manifestacións artísticas.

Velaquí algunha imaxe da representación e un enlace a un dos números representados: Un xenio tan xenial.




viernes, 30 de mayo de 2025

Foliada das letras

No mes de  maio o Equipo de Normalización Lingüística realizou varias actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas

Aquí vos deixamos algunhas imaxes e o texto que a profesora Carme Pérez leu o pasado venres 23 de maio antes da actuación musical de Jaime Montero, Sofía Arce e Gabriel Arce, alumnos de 2º e de 3º de ESO.

Decoración de pandeiretas



Actuación dos músicos do Ferro


Obradoiro de chapas e de impresión 3D
na aula de Polos Creativos

Como sabedes, o pasado sábado 17 de maio, celebrouse o Día das Letras Galegas, unha data na que se homenaxea a nosa lingua, o noso xeito de expresarnos, de sentir e de cantar. Desde aquela 1a vez en 1963, cando uns académicos intrépidos e ousados decidiron comemorar o centenario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro, cada 17 de maio temos unha oportunidade para lembrar quen somos e, sobre todo, para agradecerlle a todas aquelas persoas que mantiveron viva a nosa fala, a nosa cultura e a nosa música, mesmo en tempos convulsos e duros nos que foi prohibida. 

Este ano, aquí no noso instituto, decidimos facer unha homenaxe especial ás cantareiras. Pero... quen son as cantareiras? 

As cantareiras son mulleres, moitas veces anónimas, que durante séculos cantaron nas festas, nos fiadeiros ou seráns, nos traballos do campo ou do mar, e nas rúas das vilas e aldeas. Coas súas voces, gardaron e transmitiron as nosas tradicións, as nosas historias, os nosos sentimentos. Sen elas, moitas das cancións populares galegas que coñecemos hoxe, teríanse perdido para sempre.

As cantareiras non cantaban por fama nin por cartos. Cantaban porque era parte da súa vida, da súa maneira de comunicarse e de compartir. Grazas a elas, hoxe temos un patrimonio musical riquísimo, coas nosas muiñeiras, alalás, xotas, pandeiradas e tantas outras formas de música tradicional que emocionan e nos unen. 

A propia Rosalía, xa no seu Cantares gallegos as homenaxeou dándolle voz a aquela meniña gaiteira, que recolle e canta as coplas máis populares da época:

Has de cantar, 
que che hei de dar zonchos, 
has de cantar, 
que che hei de dar moitos. 

Has de cantar, 
meniña gaiteira, 
has de cantar, 
que morro de pena. 

Logo, con grupos máis contemporáneos como Leilía, Faltriqueira ou Tanxugueiras que seguen dando voz a esas mulleres galegas cheas de forza, beleza e resistencia cultural. 

Por iso, hoxe queremos darlle as grazas ás nosas avoas, bisavoas, e a todas as mulleres que usaron a súa voz para manter acesa a chama da cultura galega como o fixeron tamén no seu día as irmás Adolfina e Rosa Casás de Cerceda, Eva Castiñeira de Muxía e Manuela Lema, Teresa García e Prudencia e Asunción Garrido, as pandereteiras de Mens, unha aldea de Malpica.. Este é o seu día tamén. 

Cantemos con elas, falemos coma elas, e sobre todo: escoitémolas.
Viva o galego. 
Vivan as cantareiras.

lunes, 24 de marzo de 2025

O Entroido no Ferro

Un ano máis conmemoramos no instituto a festividade do Entroido, unha tradición moi arraigada na nosa provincia. 

A gran participación do alumnado no concurso de disfraces e coreografías do pasado venres 28 de febreiro deu para moito. Dúas horas estivemos bailando e desfrutando do espectáculo. Neste enlace atoparedes imaxes e videos das actuacións. 

A clase gañadora foi 1º de bacharelato A, que se axustou á perfección ás bases do concurso. A profesora Begoña executou maxistralmente o papel que lle foi encomendado.

Comparsa de 1º de bacharelato A.

Profesores de varios departamentos
con disfraces relacionados co mundo da música

Nos corredores do 1º andar, grazas á proposta do Equipo de Normalización Lingüística, aínda podemos visitar estes días unha mostra dos traballos realizados polo alumnado: máscaras do Entroido ourensán. 




miércoles, 19 de febrero de 2025

O herbario de Rosalía

O "Herbario de Rosalía“ é unha exposición que vincula a literatura e a botánica froito dun proxecto de investigación realizado dende a Universidade de Santiago de Compostela . A mostra consta de 150 paneis con diversas plantas e flores que inspiraron gran parte da obra da poeta galega Rosalía de Castro. Esta exposición itinerante inaugurouse no Real Xardín Botánico de Madrid no 2022. O mesmo ano a Fundación Rosalía de Castro publicou o libro Nasín cando asplantas nasen. O herbario de Rosalía. 

Imaxe da portada do libro descargada de https://rosalia.gal/


Con motivo da conmemoración do Día de Rosalía o próximo 23 de febreiro, o Equipo de Normalización lingüística propuxo mercar algún exemplar desta publicación para a nosa biblioteca. A partir del elaborou a exposición que estes días podedes ver no vestíbulo do centro.   

Velaquí algunha imaxe:







jueves, 19 de diciembre de 2024

O Nadal chegou ao Ferro

O Nadal chegou ao Ferro cheo de cor, imaxinación e tradición. Diversas actividades propostas por Vicedirección, Biblioteca e o Equipo de Normalización Lingüística tiveron como resultado os deseños que podedes ver estes días nos corredores do centro e nas portas e paredes de clases e departamentos. 

A continuación unha pequena selección de imaxes dos traballos realizados. 

Parabéns a todos e a todas e Feliz Nadal.

Taboleiro "Aférrate ao galego" achegándonos á figura do Apalpador


Concurso proposto polo EDNL


Árbore colaborativa proposta por Vicedirección:
"O meu propósito para 2025 é..."

Árbore de Nadal do Equipo de Biblioteca

Postais e árbores de Nadal realizados polo alumnado
de ESO na materia de Francés


Decoración de aulas e portas

Decoración  de aulas e portas.
Algúns grupos participan no concurso
 proposto por Vicedirección. 

Decoración de portas dalgúns departamentos. 




viernes, 15 de noviembre de 2024

O San Martiño no Ferro

A festividade do magosto ten as súas orixes nas antigas celebracións do final da colleita, cando as comunidades rendían homenaxe aos antepasados e agradecían a abundancia de castañas, froito básico na alimentación galega. Simboliza a unión entre os vivos e os mortos, así como o vínculo coa natureza e co ciclo da Terra. 

Son múltiples as referencias ao magosto na poesía galega. A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda ofrece neste artigo unha selección de poemas arredor das castañas, os ourizos, as crocas ou os zonchos. 

O pasado venres 8 de novembro conmemoramos no noso instituto esta festa tradicional tan arraigada na nosa provincia.  Vicedirección, a ANPA e o departamento de Educación Física organizaron diversas actividades nas que se involucrou especialmente a rapazada de cuarto de ESO. 

Velaquí algunha fotografía da xornada:

Tiro da corda

Carreira de sacos

A mariola

A chave

Carteis elaborados polo alumnado
coas instrucións dos xogos

lunes, 4 de noviembre de 2024

Samaín 2024

Anxel Fole  remataba así o seu relato Terra do Caurel, un dos quince que forman a obra A lus do candil, publicada en 1953:      

      As noites de inverno soio son boas pra os trasgos, pra as meigas, pra os lobos… E pra quen escoita contos de medo sentindo rombalo vento. 

Meigas e outras criaturas terroríficas encheron as portas, corredores e aulas do noso centro para celebrar o Samaín.  Velaquí unha breve reportaxe fotográfica e tamén a nosa proposta de lecturas para pasar unha noite de medo.                                                                          

Cabaza gañadora do concurso convocado polo EDNL.
Verónica Sofía Paz.

Disfraces e decoración dos corredores.

Decoración de portas

Selección de historias terroríficas en varias linguas.

Sofía, Celtia e Clarisa foron as gañadoras do concurso de
microrrelatos  de medo e de carteis terroríficos organizado
polo EDNL