lunes, 13 de mayo de 2024

De roteiro polas terras de Celanova

O pasado martes 7 de maio, o alumnado de 3º de ESO realizou un percorrido pola comarca de Celanova acompañado das profesoras de galego. Begoña Calvo envíanos este resumo e algunha imaxe da actividade. 

O departamento de Lingua galega e literatura promoveu co alumnado de 3ºESO a saída didáctica á vila de Celanova (Ourense) para comprobar in situ a pegada dalgúns dos nosos autores e dar unha visión retrospectiva da nosa historia. Visitamos a Casa dos Poetas, onde coñecimos a casa de Curros Enríquez e a súa vida e obra. Tamén salientamos ao poeta Celso Emilio Ferrreiro. 
Visitamos o Mosteiro, a capela mozárabe de san Miguel e asistimos a un concerto de órgano no Coro Alto. Puidemos visitar a biblioteca do IES Celanova, dentro do propio mosteiro, e un dos nosos alumnos agasallounos cun miniconcerto de piano. 
Pola tarde retrocedimos no tempo para visitar a vila medieval de Vilanova dos Infantes, subindo á torre e coñecendo a historia da lenda da Virxe do Cristal; tamén accedimos á enigmática cova de san VIvián. 
De alí trasladámonos ata o castro de Castromao, asentamento castrexo dos nosos ancestros, onde rematamos esta saída didáctica.





viernes, 3 de mayo de 2024

A ciencia ten premio

Hoxe, na BiblioFerro, queremos compartir con vós os éxitos que o noso alumno Hugo Arribas está acadando en varias feiras científicas da xeografía galega e española co proxecto Cold Vibes: Deseño e construción dun sistema refrixerado para o traslado de órganos.

Xunto a dous compañeiros doutros centros educativos, capitaneados por David Ballesteros das Aulas Tecnópole de Ourense, o traballo resultou galardonado co 1º premio na categoría de bacharelato na Open Science de Cambre (A Coruña) celebrada en setembro de 2023, co 2º premio ex-aequo na Exporecerca (Barcelona) celebrada do 6 ao 9 de marzo de 2024 e, máis recentemente, co 2º premio da categoría Teen Researchers en CinVigo celebrada os pasados 20 e 21 de abril na cidade de Vigo baixo a coordinación do Centro de Investigacións Biomédicas

O premio acadado en Barcelona permitiralles defender o seu deseño na Science_Expo de Bélxica en 2025.

Hugo no centro da imaxe.
Fotografía  tomada na CinVigo celebrada o 20 e o 21 de abril.
(Créditos: Marta G. Brea. Faro de Vigo 20/4/2024)

Nesta entrada falabamos da actividade Aula Newton organizada polo Parque Tecnolóxico de Galicia, actividade na que estes últimos cursos participa o alumnado de física e química de 4º de ESO. No curso 2021/2022 Hugo mostrou moito interese no programa educativo que alí se desenvolve e dende o verán de 2022 acode unha tarde á semana ás Aulas Tecnópole para formarse no mundo da investigación. Froito desta estupenda actividade en horario extraescolar, xorde o traballo que mencionamos e do que podedes ler aquí un resumo. 

Velaquí varios enlaces a diferentes medios de comunicación que recolleron  a nova deste fantástico proxecto. 

Antena 3 Noticias (set 2023)

La Voz de Galicia (set 2023)