martes, 19 de mayo de 2026

Begoña Caamaño protagoniza o noso mes das letras

Este mes de maio, a nosa comunidade educativa únese, como cada ano, á festa da nosa cultura: o Día das Letras GalegasEsta conmemoración, que a Real Academia Galega instaurou no ano 1963 para facela coincidir co centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, ten como finalidade principal homenaxear a aquelas persoas que destacaron pola súa creación literaria en galego e pola súa defensa constante da nosa lingua. Este curso, o recoñecemento recae na figura da xornalista e escritora Begoña Caamaño

Nada en Vigo en 1964, Begoña Caamaño foi unha muller polifacética que desenvolveu a maior parte da súa carreira na Radio Galega, onde defendeu con firmeza os medios públicos como piares do futuro do país. Pero Begoña foi tamén unha narradora excepcional que, a través de obras como Circe ou o pracer do azul ou Morgana en Esmelle, soubo revisar os mitos clásicos dende unha perspectiva feminista, dándolles voz e protagonismo ás mulleres que a historia oficial deixara na sombra. 


No noso centro, como cada curso, o Departamento de Galego e o Equipo de Normalización Lingüística prepararon actividades para conmemorar esta data especial. 

No vestíbulo da pranta baixa podedes visitar dúas pequenas exposicións. Unha delas dedicada ás mulleres que, antes que Begoña, foron protagonistas desta efeméride en edicións anteriores: Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido, María Mariño, María Vitoria Moreno, Xela Arias e Luísa Villalta. A outra, titulada Con B de Begoña, recolle algúns traballos realizados polo alumnado de ESO nas aulas de galego.


Ademais, se subides polas escaleiras cara ao primeiro andar, atoparedes os paneis informativos elaborados polo alumnado do IES Castelao de Vigo e que a Xunta de Galicia repartiu polos centros da nosa comuniade. Neles debúllase con detalle a traxectoria vital e literaria da autora. 


Unha das iniciativas máis novedosas deste ano é a portada do xornal A Voz do Ferro. As profesoras de galego quixeron resaltar con esta actividade a faceta xornalística de Begoña Caamaño. Ademais de afondar na figura da homenaxeada, podedes ler recensións dalgunhas actividades que levamos a cabo no centro para promocionar a nosa lingua e a nosa cultura, como a recente visita a Celanova realizada polo alumnado de 3º de ESO. 



Parabéns polo traballo realizado e feliz Día das Letras Galegas. 



martes, 12 de mayo de 2026

Percorrendo a historia: visita cultural á comarca de Celanova

O alumnado de terceiro de ESO visitou o pasado 4 de maio a terra de Celanova. Esta actividade, promovida polo departamento de Galego, combinou patrimonio, literatura, música e historia. 

A primeira parada foi Vilanova do Infantes, unha fermosa vila medieval na que destaca como elemento emblemático a Torre da Homenaxe.

A continuación o grupo trasladouse ao Mosteiro de San Salvador, situado na Praza Maior de Celanova e fundado no ano 936 por San Rosendo, onde asistiron a un pequeno concerto de órgano. 


Nas inmediacións do mosteiro, visitaron a Capela de San Miguel, unha construción prerrománica considerada como unha das máis antigas de Galicia. 


A xornada continuou na Casa do Poetas, un espazo dedicado á memoria e á obra de destacados escritores galegos vencellados á vila de Celanova. 

Xa en xornada de tarde, puideron visitar a extraordinaria biblioteca do IES Celanova, centro de ensino situado na ala sur do mosteiro, e participar alí nun recital de poemas de Celso Emilio Ferreiro e de Manuel Curros Enríquez, acompañados musicalmente con pezas interpretadas ao piano por algúns dos alumnos e alumnas do grupo. 

Como peche da saída, visitaron Castromao, un importante asentamento castrexo que lles permitiu achegarse á realidade dos antigos habitantes de Galicia.

Esta saída didáctica foi unha magnífica oportunidade para aprender fóra da aula descubrindo a riqueza cultural e patrimonial da nosa terra.

martes, 5 de mayo de 2026

Tertulias Literarias: encontro con Juan Tallón

O pasado 28 de abril, alumnos e alumnas de 4º de ESO do Club de Lectura do noso centro participaron nas Tertulias Literarias, actividade organizada polo Concello e a Deputación de Ourense. 

Acompañados pola profesora Almudena Platero, tiveron a oportunidade de dialogar co escritor ourensán Juan Tallón, autor da obra que leron este trimestre: Mil cosas

A actividade desenvolveuse como é habitual no Liceo de Ourense e reuniu a máis de cen estudantes de diferentes centros educativos. Durante a tertulia, o alumnado puido participar activamente na sesión expresando opinións e formulando preguntas. 

Esta iniciativa enmárcase dentro do "Programa municipal de animación á lectura", que busca achegar a literatura á mocidade e fomentar o hábito lector ao longo de todo o curso escolar. 

Desde a biblioteca queremos destacar o valor desta iniciativa na que agardamos seguir participando en futuras edicións. 

Velaquí algunha imaxe do encontro:



lunes, 4 de mayo de 2026

XVIII Xornada dos Clubs de Lectura

O pasado 29 de abril celebrouse no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, a XVIII Xornada dos Clubs de Lectura, o encontro anual do profesorado coordinador dos clubs de lectura dos centros participantes no programa da Consellería de Educación. 

Nesta edición reuníronse arredor de 600 persoas entre participantes, relatores e persoas asesoras de formación do profesorado, consolidándose como unha das citas máis importantes arredor da lectura compartida en Galicia. Ademais, fíxose entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2026 ao escritor Manuel Rivas. 

Dentro das sesións simultáneas da tarde, a nosa compañeira María Xosé Fernández presentou a experiencia do Club de Lectura As Catro Esquinas do Quinto, unha proposta que pon o foco na dimensión social da lectura e no seu poder como ferramenta de encontro e inclusión. A súa ponencia estivo baseada na colaboración lectora coas persoas usuarias do centro CIS Aixiña, unha entidade de referencia en Ourense no acompañamento a persoas con discapacidade física, parálise cerebral, dano cerebral e persoas maiores dependentes e que leva máis de 30 anos promovendo a inclusión laboral e social. 





A través desta experiencia, o alumnado de 4º da ESO do IES Xesús Ferro Couselo participou en xuntazas literarias e non literarias, compartindo lecturas, reflexións e vivencias que foron moito máis aló dos libros. O club funcionou como punto de encontro, ferramenta de aprendizaxe e vía para fortalecer a empatía e a convivencia. 

Desde a biblioteca do IES Xesús Ferro Couselo sentimos un grande orgullo por ver recoñecida esta experiencia nas Xornadas de Clubs de Lectura de Galicia e felicitamos especialmente a María Xosé por levar esta proposta a este foro, visibilizando o enorme valor educativo e humano que nace cando a lectura sae da aula.