martes, 23 de enero de 2024

Ao fío da doazón de órganos

O pasado xoves 18 de xaneiro os dous grupos de 3º de ESO participaron no instituto nunha charla-coloquio organizada pola Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos (ADOS). 

O alumnado puido coñecer como se xestiona o trasplante de órganos en España, un método eficaz e pioneiro que involucra a un gran abano de profesionais de distintos ámbitos. Grazas á intervención dunha persoa trasplantada de ril, que compartiu a súa experiencia persoal, alumnos e profesores tomaron conciencia da importancia de facerse doantes.

Velaquí algúnha fotografía desta actividade promovida polo Dpto. de Bioloxía.

Dende a BiblioFerro, como ven sendo habitual, recomendamos algunha lectura do noso fondo bibliográfico que conecte dalgún xeito co tema da actividade realizada. Nesta ocasión, a falta de termos nos nosos estantes algún título específico sobre doazón e trasplantes, a nosa proposta é Viaje alucinante (1966) do gran Isaac Asimov, obra que forma parte do Proxecto Lector do propio departamento de Bioloxía.

En toda operación de cirurxía maior emprégase sangue. É precisamente a través do sistema circulatorio dun ser humano por donde viaxan os protagonistas desta trepidante historia, un clásico do xénero de ciencia-ficción que se basea na película homónima de 1966 dirixida por Richard Fleisher.

Cartel da película (imaxe de elseptimoarte.net)


martes, 9 de enero de 2024

Navegando polo Universo

O alumnado de 2° de ESO participou o pasado 20 de decembro na actividade Navegando polo Universo da man de Íñigo de la Quadra-Salcedo

No interior dun planetario móbil, unha cúpula semiesférica de cinco metros de diámetro que consta dun proxector de última xeración, realizamos unha viaxe a través do cosmos. Ademáis de contemplar a nosa galaxia, a Vía Láctea, puidemos observar a estrela polar, a Osa Maior, os movementos dos corpos do Sistema Solar, achegarnos á superficie do Sol e mesmo á cara oculta da Lúa. 

Grandes figuras do mundo da ciencia e da astronomía, como Eratóstenes, Ptolomeo, Copérnico, Galileo ou Newton, tiveron tamén o seu protagonismo nesta fantástica sesión.

Rematamos así as actividades de 2023 do proxecto financiado polo Ministerio de Educación Agrupaciones de Centros Educativos: Un camino de Santiago lleno de vida.

O camiño das estrelas levaranos a Santiago de Compostela en maio de 2024. Nesta peregrinaxe cultural, que empezou en 2022, acompáñanos alumnado e profesorado de Tenerife (IES Tomás Iriarte), Murcia (IES Felipe II de Mazarrón) e Almería (IES Aurantia de  Benahadux). 

Velaquí unha breve reportaxe fotográfica da xornada e as lecturas que recomendamos dende a BiblioFerro.