Este mes de maio, a nosa comunidade educativa únese, como cada ano, á festa da nosa cultura: o Día das Letras Galegas. Esta conmemoración, que a Real Academia Galega instaurou no ano 1963 para facela coincidir co centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, ten como finalidade principal homenaxear a aquelas persoas que destacaron pola súa creación literaria en galego e pola súa defensa constante da nosa lingua. Este curso, o recoñecemento recae na figura da xornalista e escritora Begoña Caamaño.
Nada en Vigo en 1964, Begoña Caamaño foi unha muller polifacética que desenvolveu a maior parte da súa carreira na Radio Galega, onde defendeu con firmeza os medios públicos como piares do futuro do país. Pero Begoña foi tamén unha narradora excepcional que, a través de obras como Circe ou o pracer do azul ou Morgana en Esmelle, soubo revisar os mitos clásicos dende unha perspectiva feminista, dándolles voz e protagonismo ás mulleres que a historia oficial deixara na sombra.
No noso centro, como cada curso, o Departamento de Galego e o Equipo de Normalización Lingüística prepararon actividades para conmemorar esta data especial.
No vestíbulo da pranta baixa podedes visitar dúas pequenas exposicións. Unha delas dedicada ás mulleres que, antes que Begoña, foron protagonistas desta efeméride en edicións anteriores: Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido, María Mariño, María Vitoria Moreno, Xela Arias e Luísa Villalta. A outra, titulada Con B de Begoña, recolle algúns traballos realizados polo alumnado de ESO nas aulas de galego.
Ademais, se subides polas escaleiras cara ao primeiro andar, atoparedes os paneis informativos elaborados polo alumnado do IES Castelao de Vigo e que a Xunta de Galicia repartiu polos centros da nosa comuniade. Neles debúllase con detalle a traxectoria vital e literaria da autora.
Unha das iniciativas máis novedosas deste ano é a portada do xornal A Voz do Ferro. As profesoras de galego quixeron resaltar con esta actividade a faceta xornalística de Begoña Caamaño. Ademais de afondar na figura da homenaxeada, podedes ler recensións dalgunhas actividades que levamos a cabo no centro para promocionar a nosa lingua e a nosa cultura, como a recente visita a Celanova realizada polo alumnado de 3º de ESO.
Parabéns polo traballo realizado e feliz Día das Letras Galegas.





No hay comentarios:
Publicar un comentario