martes, 23 de abril de 2024

Día do libro

O 23 de abril é xa unha data clásica no mundo da literatura. Tal día coma hoxe de 1616 falecían Miguel de Cervantes e William Shakespeare, motivo polo que a Unión Internacional de Autores propuxo esta data para celebrar o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor. A Conferencia Xeral da UNESCO de novembro de 1996 aprobou oficialmente esta proposta e dende entón réndeselle este día unha homenaxe ao libro e á lectura a nivel internacional. 

En España a orixe desta conmemoración remóntase a principios do século XX grazas á proposta do escritor valenciano Vicente Clavel en 1926. Esta iniciativa plasmouse finalmente nun Real Decreto (26/02/1926). As primeiras edicións tiveron lugar o 7 de outubro. É a partires de 1930 cando as celebracións se trasladan ao 23 de abril.

Na actualidade a lectura en formato dixital está adiantando á lectura tradicional en papel. A isto engádese o cada vez máis estendido uso dos audiolibros. Desfrutar da lectura en calquera instante e en calquera formato contribúe a enriquecernos cultural e socialmente, a abrir a nosa mente e a converternos en cidadáns críticos.

No noso instituto, como cada curso, sumámonos a esta iniciativa internacional con varias actividades das que deixamos aquí algunha imaxe.

Alumnado preparando a actividade:
 Recomendacións a cegas

Selección de lecturas recomendadas do noso fondo
bibliográfico a partir dunha breve recensión

BookFace para o Día do Libro

Ruta turística El Quijote
Traballo realizado polo alumnado de 2º de bach.

Alumnado do Club de Lectura de 4º de ESO e 1º bach
visitando a Ínsua dos poetas no Carballiño



viernes, 19 de abril de 2024

Charla do Programa Vixía na BiblioFerro: semana da saúde.

No marco das actividades da Semana da saúde dentro do Proxecto Innova EduSaúde, o alumnado de 4º de ESO asistiu na bibliotexa á charla "Alimentación e TCA" ofrecida polo Concello de Ourense grazas ao Programa Vixía. 

A ponente, Gemma Cortés Contreras, explicou a diferenza entre nutrición e dixestión, resaltou cales son os diferentes macronutrientes e micronutrientes dos alimentos e destacou tamén que seguir a dieta mediterránea axuda a previr moitas enfermidades. 

A continuación falou dos trastornos da conducta alimentaria, a terceira causa de enfermidade crónica en adolescentes. Aínda que este tipo de trastornos son máis frecuentes en mulleres, afectan tamén á poboación masculina e están causados por unha combinación de varios factores, polo que o seu tratamento é bastante complexo. 

A continuación algunha foto do encontro:

Tamén estes días podemos visitar nos corredores do instituto varias exposicións das que deixamos aquí unha selección de imaxes. Podedes ampliar información no blog do proxecto.

Exposición Las moléculas que comemos (CSIC)

Exposición O azucre que bebes (2º ESO)

Exposición MasterChef saudable (1º bacharelato)





martes, 16 de abril de 2024

Encontro con Marilar Aleixandre

O pasado mércores 10 de abril o alumnado do Club de lectura participou na biblioteca nun encontro con Marilar Aleixandre. Bióloga de formación, comezou a escribir nos seus tempos de estudante na Universidade Complutense de Madrid. Traballou como profesora de Ensino Secundario en Vigo e tamén como profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais na Universidade de Santiago de Compostela. Como escritora conta cunha importante produción literaria, tanto en narrativa como en poesía, dirixida a público infantil, xuvenil e adulto. Recibiu varios premios e recoñecementos, o último o Premio Nacional de Narrativa 2022 pola obra Malas Mulleres.

A profesora Claudia Pérez resume o encontro nas seguintes liñas e Pilar Fernández envíanos algunha imaxe.

No noso club de lectura "As catro esquinas do Quinto" non podíamos agardar para comezar as celebracións polo día do libro! Por iso, invitamos á nosa biblioteca a Marilar Aleixandre, un dos referentes máis activos  do panorama da literatura galega e Premio Nacional de Literatura 2022 co título Malas mulleres.

Co incentivo de achegar o oficio da escritura ao alumnado, Marilar explicou cal foi a súa traxectoria: de profesora e investigadora en Bioloxía a recoñecida escritora e académica da lingua. Para que logo digan que as humanidades e as ciencias son camiños enfrontados...

Despois da lectura de distintos textos narrativos e poéticos da autora, o alumnado e 3º de ESO tivo a oportunidade de participar nunha pequeña tertulia sobre a obra lida nesta avaliación: A cabeza de Medusa. Publicado por primeira vez en 2008, a novela segue a estar de actualidade, especialmente tras os últimos casos mediáticos de violencia sexual contra as mulleres. O noso alumnado puido formular distintas preguntas a Marilar sobre a importancia da documentación para a escritura, a repercusión da obra ou a importancia da denuncia social destas violencias. 

Vémonos pronto, Marilar.



viernes, 12 de abril de 2024

Programa A Ponte: Encontro con María José Alonso Veloso

O Programa A Ponte da Universidade de Santiago de Compostela ofrece dende o curso 2003-2004 a posibilidade de contarmos nos centros de ensino con persoas investigadoras de diversos ámbitos. Nesta ocasión, o departamento de lingua castelá organizou un encontro con María José Alonso Veloso, doutora en Filoloxía Hispánica, profesora na USC e especialista en Literatura Española do século XVII.  

A profesora Claudia Pérez envíanos un resumo desta actividade e algunha imaxe.

O luns 8 de abril recibimos a visita da profesora e investigadora María José Alonso Veloso a través do Programa A Ponte que busca conectar a realidade educativa do ensino secundario coa universidade.

Baixo o nome "Un siglo de Oro al margen: aproximación a la poesía escrita por mujeres", María José explicou aos grupos de 1º de bacharelato como o contexto histórico e cultural do século XVII en España foi un gran caldo de cultivo para o xurdimento de escritoras. Factores como o incremento do número de certames literarios, a taxa de alfabetización da poboación ou a proliferación de mecenas influíron positivamente na creación feminina.

O alumnado leu e comentou textos de autoras como María de Zayas, Ana Caro ou Cristobalina Fernández de Alarcón, reflexionando sobre a importancia do traballo de investigación e documentación da filoloxía para sacar á luz aqueles espazos da nosa historia que aínda quedan na penumbra. 


jueves, 11 de abril de 2024

Semana da Francofonía

Do 16 ao 24 de marzo celébrase en varias partes do mundo a Semana da Lingua Francesa e da  Francofonía en homenaxe ao idioma francés, considerado o quinto máis falado a nivel mundial. Esta conmemoración lévase a cabo dende 1995 e con ela preténdese divulgar o impacto lingüístico e cultural desta lingua a nivel mundial. No noso instituto o departamento de francés sumouse a esta iniciativa e organizou varias actividades. 

O pasado luns 18 de marzo, o alumnado de 4º de ESO e de 1º de bacharelato acudiu á exposición "Sports et Science. L'union fait la forcé" na Alianza Francesa en Santiago de Compostela donde participou nun obradoiro sobre os Xogos Olímpicos. O día completouse cun xogo de pistas en francés pola zona monumental da cidade.


No tempo de lecer do mércores 20 e xoves 21 de marzo na cafetería puidemos degustar crêpes elaboradas segundo diferentes receitas, froito dun concurso no que houbo gran participación. 

O xurado estivo formado por varios profesores, alumnos e personal non docente. Tras unha intensa deliberación concedeu, na categoría de 1º de ESO, premios a Verónica Sofía Mota (1º), Victoria Isabel Castilla (2º) e Sofía Arce/Sabela Almuíña (3º). Na categoría de 2º de ESO resultaron gañadoras as crêpes elaboradas por María Marinheiro (1º premio), Paula González (2º premio) e Paula Fernández (3º premio). 

A continuación unha selección de imaxes desta deliciosa actividade.









martes, 9 de abril de 2024

Seguimos colaborando co CIS Aixiña

Unha vez máis o alumnado do club de lectura acudiu a unha xuntanza no Centro Integral de Servicios Aixiña o pasado 22 de marzo. A profesora de lingua castelá, María Xosé Fernández, envíanos estas liñas.

O venres 22 de marzo, para celebrar as vacacións e a lectura, marchamos á nosa segunda casa: o CIS Aixiña. Desta volta o noso alumnado fixo entrega dun donativo de libros da nosa biblioteca para fomentar a lectura entre os usuarios e usuarias do centro de día de Aixiña. 

Así mesmo, da man de Lalo e de Susana, fixemos un percorrido para descubrir todo o que se esconde baixo o teito deste centro de integración social. Foi unha verdadeira sorpresa descubrir os obradoiros de integración laboral que tanto traballo dan a persoas con discapacidade, as salas de rehabilitación, a residencia, as zonas de coidado de persoas maiores... Dende logo Aixiña é un mundo de solidaridade e entrega aos demais. Alí coñecemos a Nerea, que nos abriu unha nova porta de colaboración co servizo de atención a persoas maiores. Sen dúbida, traspasaremos tamén esa porta coa literatura como chave. Aínda estamos pesando como, pero regresamos con moitas ganas de seguir colaborando.

A continuación mostramos algunhas imaxes da actividade.



martes, 2 de abril de 2024

Lecturas recomendadas ao fío do Proxecto CPInnova EduSaúde

No marco do Proxecto CPInnova EduSaúde, no que participa o noso instituto grazas á implicación do profesor Iago Saco, o departamento de Educación Física organizou o pasado luns 18 de marzo unha xornada lúdico-deportiva na estación de montaña de Manzaneda. Neste enlace podedes ampliar información sobre esta e outras actividades que se están realizando.

Na BiblioFerro seguimos reorganizando e ampliando o noso fondo bibliográfico. Dende o curso pasado tratamos de darlle visibilidade ás seccións de Banda Deseñada e de Ciencias. Nelas contamos con algún  título arredor do deporte e dos hábitos saudables, aspectos clave que se están a desenvolver neste proxecto. 

Velquí as nosas propostas para esta semana: Big in Japan de L. F. Campuzano, cómic que rememora os éxitos do baloncesto español e Comer sin miedo de J. M. Mulet, obra de divulgación que ofrece unha análise científica e documentada da realidade dos alimentos que consumimos.