lunes, 27 de noviembre de 2023

Roteiro e tertulia literaria en Allariz: encontro con Alba Guzmán

O pasado martes 21 de novembro o alumnado de Oratoria de 4º de ESO e de Literatura Universal de 1º de bacharelato, acompañado polas profesoras de lingua castelá Claudia e Rita, participou nas tertulias literarias de Allariz xunto con mozos e mozas doutros centros educativos da provincia de Ourense. 

A xornada comezou pola mañá cun roteiro pola vila a cargo da profesora Ángeles Álvarez. Neste paseo a guía relacionou distintos puntos de interese co problema da violencia machista, contra a que debemos loitar non só esta semana, senón todo o ano.

Despois de xantar, unha das nosas alumnas, María M., formou parte do equipo que entrevistou en Radio Allariz a Alba Guzmán, autora da novela Xoaniña de Deus, que gañou o premio Xuventude Crea 2021.

A xornada rematou cunha tertulia literaria moi inspiradora coa autora, que asinou libros aos participantes.

Imaxes propias do roteiro pola vila de Allariz

Imaxe da tertulia obtida de www.universidadelaboral.com/

Alba Guzmán. Imaxe de Ogalego.gal



 

jueves, 23 de noviembre de 2023

#aFERRerrateanOnviolencia

Moito nos gusta que a BiblioFerro vaia cobrando vida!

Onte inauguramos "oficialmente" o novo mobiliario, mesas moito máis funcionais cás anteriores e que nos permiten facer comodamente traballos grupais.

Desta vez tocou a actividade Escape Room contra a violencia de xénero: rexeita o maltrato organizada polo Concello de Ourense e dinamizada polas xentes de Territorio Comanche.

Moitas grazas ao concello e parabéns aos dinamizadores e tamén á nosa rapazada de 3º de ESO pola súa implicación nas probas propostas. Foi todo un éxito!

A continuación unhas imaxes da xornada.




martes, 21 de noviembre de 2023

Ramón y Cajal nas terras de Verín

O pasado xoves 9 de novembro un grupo de 48 alumnos de 4º ESO visitou a comarca de Verín. O profesor de historia, Óscar Vilas, envíanos estas liñas resumindo as actividades realizadas.

Como xa ben sendo tradicional no Ferro Couselo, o Departamento de Xeografía e Historia participa no programa da Deputación Provincial "Coñece Ourense"

En cursos anteriores visitamos a Ribeira Sacra, as terras de Ribadavia e as bisbarras de Celanova e Bande. Neste curso os profesores Óscar Vilas e Iago Saco partimos co alumnado de 4º de ESO cara Verín para coñecer de primeira man e amosarlles do xeito máis lúdico e interesante posible, mostras do patrimonio material histórico artístico da zona, como o conxunto do Castelo de Monterrei, as rúas e prazas da vila, a igrexa de Santa María a Maior ou a igrexa de Santa María de Gracia de Monterrei. 

Visitamos tamén o balneario de Caldeliñas, actualmente abandonado pero con un interesante valor histórico, e as actuais factorías de Sousas e de Cabreiroá. Nesta última agradecemos a interesante visita guiada que nos ofreceu un traballador cualificado da empresa.

Cómpre salientar o bo comportamento xeral do alumnado, así como o alto interese e participación nos xogos e na xincana polas rúas da vila de Verín. 
Os obxectivos marcados para esta saída didáctica cumpríronse de xeito destacado.

A continuación as imaxes do día. Nunha delas aparece o nome de Ramón y Cajal quen fixo uso do manancial de Cabreiroá. Nunha carta que el mesmo enviou ao responsable da instalación en 1909 recoñece que "gracias a las virtudes del manantial de Cabreiroá del cual hago uso constante desde hace más de un año he recobrado la salud".



Aproveitamos así esta ocasión para lembrar a Santiago Ramón y Cajal e para recomendar este libro, que nos achega de forma lúdica e sinxela á figura do que foi premio Nobel de medicina en 1906 polo seu traballo sobre a estrutura do sistema nervioso.




viernes, 17 de noviembre de 2023

Encontro con Alba Cid

Unha vez máis traemos á BiblioFerro unha actividade do club de lectura As catro esquinas do quinto. Foi o pasado luns 6 de novembro cando o alumnado tivo ocasión de participar nun obradoiro de escritura con Alba Cid, ex-alumna do noso instituto.

A profesora Claudia envíanos este resumo da xornada: 

Sempre fai ilusión voltar ao lugares que nos viron medrar. 

Na tarde do luns visitóunos Alba Cid, poeta galardoada co Premio Joven Miguel Hernández 2020 e autora de distintos poemarios e publicacións como Atlas ou A faia de Ponto. Desta última plaquette deixounos un exemplar de agasallo para a nosa biblioteca e contounos que a borrasca Ciarán tronzou a árbore que dá título á historia do rei Ponto.

O alumnado de 1º e 2º de ESO puido desfrutar da súa visita e achegarse á súa obra, escribir os seus propios poemas e xogar coas palabras. Nada mellor para unha tarde de chuvia!

A continuación as imaxes do encontro e a dedicatoria que con moito agarimo nos deixou Alba. Moitas grazas.




martes, 14 de noviembre de 2023

Encontro con Rosa Huertas

Este mes de novembro está sendo moi intenso en canto a actividades. Esta vez falaremos do primeiro encontro literario do curso: todo un éxito! A el fai tamén referencia o instituto veciño IES Universidade Laboral

A profesora Claudia de lingua castelá resume así a actividade realizada o pasado luns 6 de novembro:

Onte visitamos o IES Universidade Laboral para coñecer en persoa a Rosa Huertas. Foi unha mañá moi interesante na que o alumnado do noso club de lectura, As catro esquinas do Quinto de 3º de ESO, puido escoitar á escritora e facerlle preguntas sobre un dos seus libros: Un balcón a la libertad

Aprendemos moito sobre a importancia da memoria histórica e de lembrar quen fomos para saber quen queremos ser. Ademais, descubrimos con gran ilusión que coñecemos outras obras da autora e puidemos marchar cos nosos exemplares firmados. 

Grazas a Rosa e á Laboral por acollernos tan ben.

A continuación a reportaxe fotográfica do encontro.










lunes, 13 de noviembre de 2023

O Magosto do señor San Martiño

Escribía Xesús Ferro Couselo aló por 1967 en O magosto do señor San Martiño:
 
Polos soutos i-os curatos dos montes, mozos e vellos andan ledos e algareiros, enredor das fogueiras.
Antre as moxenas, raben e escentilean as labaradas de fogo. 
Renxen e estoupan as castañas e ao ar vanse os áturuxos, os ala-lás i-as cantigas. 

O Señor San Martiño 
é un santo milagreiro, 
tróuxonos as castañas, 
pan e viño i-o pandeiro. 

O Señor San Martiño, padrón sabido, estende oxe a sua capa fa-chada sobor do vello Ourense, que, agradescido, érguelle un afervoa-do e lanzal Magosto ao seu bó e leal padroeiro. 

O historiador e investigador galego que dá nome ao noso centro daba conta así da esencia do Magosto de Ourense: festa, fogueiras, cantigas e castañas. 

No noso particular Magosto, organizado o pasado 10 de novembro polo Dpto. de Educación Física en colaboración coa ANPA e o Equipo de Normalización Lingüística, non faltaron os chourizos, a música e a troula, moita troula. 

Como actividade do proxecto CPInnova-Edusaúde, a rapazada xogou á chave, á billarda, ás carreiras de sacos, á corda, etc. 

No blogue do proxecto o profesor Iago Saco fálanos desta xornada de convivencia e diversión. Nós deixamos aquí tan só unha pequena mostra fotográfica do día:





viernes, 10 de noviembre de 2023

Roteiro xeolóxico

O alumnado de bioloxía e xeoloxía de 4º de ESO e de 1º de bacharelato realizou o pasado martes 6 de novembro un roteiro xeolóxico polos arredores de Ourense e por Parada de Sil. 

A profesora Salud resume así o percorrido realizado: 

No encoro de Cachamuíña fixemos un repaso da historia do planeta axudados pola corda do tempo xeolóxico. Dende os Balcóns de Madrid entendimos o canón do Sil traballado polo río en 70 000 anos, moi amodiño. E dende o alto do Rodicio fixémonos alfareiros das arxilas de Niñodaguia deixadas pola erosión dos relevos máis altos. 

Co xeólogo Eduardo González Clavijo a paisaxe ten unha longa historia. 


E a nosa recomendación de hoxe, ao fio deste interesante roteiro, é a obra de Nahúm Méndez Un geólogo en apuros (Paidós, 2019). 



martes, 7 de noviembre de 2023

Samaín 2023

O Equipo de Normalización Lingüística e Vicedirección, en colaboración con profesorado de varios departamentos, organizaron diversas actividades para celebrar o Samaín deste ano. 

Velaquí unha breve reportaxe fotográfica:

III Concurso de microrrelatos de medo

Verónica, Sofía e Lucas.
Gañadores do III Concurso de microrrelatos de medo
.


Valentina, Laura e Iker.  Gañadores do concurso
O misterio do anel roubado.


Disfraces


Visionado de curtas de medo.


Escape Room no laboratorio de bioloxía
(Fai click aquí para acceder ao vídeo-resumo)

lunes, 6 de noviembre de 2023

Programa de voluntariado na biblioteca

Neste curso 2023-2024 contamos de novo con rapazada de 2º, 3º e 4º de ESO que colabora na biblioteca nos tempos de lecer. 

Moitas grazas a Candela, Xurxo, Ana, Tatiana, Izan, Martín C., Martín S., Paula, Aitor, Jahir e Lucía polo voso tempo.



viernes, 3 de noviembre de 2023

Ao fío do proxecto Camiño de Santiago cheo de vida

Sabedes que clima e tempo meteorolóxico son conceptos distintos aínda que relacionados? Ambos refírense ás condicións de temperatura, precipitación, etc. dunha zona, mais a principal diferencia é a escala temporal. O tempo refírese ao momento actual e pode variar en días, horas e incluso minutos. Son os meteorólogos, baseándose en observacións e medicións experimentais, os que predín o tempo que vai facer nos próximos días. Porén, o clima é a media dos valores recollidos de temperatura, precipitación, etc, nun lugar concreto durante un longo periodo de tempo, normalmente 30 anos. O clima infórmanos das variacións estacionais típicas dese lugar. Do estudo destas variacións obtéñense os distintos tipos de climas, como por exemplo o clima meditarráneo, o continental e o tropical. 

Foi de tempo meteorolóxico do que tivemos a ocasión de aprender o pasado mércores 26 de outubro. 

Como actividade do proxecto Camiño de Santiago cheo de vida: cultura, natureza e ecoloxía, visitamos cun grupo de alumnos de 2º e 3º de ESO a estación meteorolóxica do IES Chamoso Lamas do Carballiño, fixemos despois unha pequena ruta camiñando e rematamos o chuvioso día no Mosteiro de Oseira. 

No Carballiño, o encargado de mergullarnos no mundo da predición meteorolóxica foi Miguel García. A estación que el puxo en marcha nos anos 80, e da que se encarga a diario dende entón, pertence á rede da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET). Explicounos como funcionan diversos aparellos de medición coma un pluviómetro, un heliógrafo ou un anemómetro. Houbo tempo tamén para a interpretación de datos, para diferenciar entre medicións e prediccións e para navegar pola páxina da AEMET en busca do que nos esperaba nas próximas horas: chuvia intensa. 


A pesares da predicción meteorolóxica de Miguel, aventurámonos a facer a pé un anaco do Camiño de Santiago dende o instituto ata a área recreativa próxima ao Mosteiro de Oseira. A primeira hora da tarde realizamos unha interesante visita guiada por diversas zonas do mesmo como a igrexa, a escaleira de honra, o museo de pedra, a antiga sala capitular ou biblioteca. 

Unha actividade nun chuvioso día de outono que resultou ser moi enriquecedora

E como lecturas para este outuno ao fío do que aprendemos nesta actividade recomendamos: