miércoles, 29 de abril de 2026

O Ferro na fase galega do CanSat

Este pasado luns 20 de abril, o noso centro viviu unha xornada inesquecible no aeródromo As Gaivotas, en Cerceda. 

O alumnado de 2º e 3º de ESO do IES Ferro Couselo que integra o grupo Altairis participou na fase galega do certame CanSat, unha iniciativa da Axencia Espacial Europea (ESA).

Un CanSat é un proxecto técnico de alta precisión que consiste en construír un simulador de satélite real que debe caber exactamente no espazo dunha lata de refresco. O reto é integrar dentro dese pequeno volume tan reducido os sensores dos parámetros que se queren medir (presión, temperatura, humidade,...) o sistema de alimentación e as comunicacións. Ademais, é necesario deseñar un paracaídas para garantir un descenso seguro. 

Este proxecto foi impulsado grazas aos Polos Creativos, onde contamos cunha aula específica que funciona como eixo para actividades de creatividade e innovación. 

O equipo Altairis do IES Ferro Couselo participou na categoría de demostración, na que un dron de gran formato elevou en altura o noso particular satélite. Cun deseño axeitado do paracaídas, observamos como se despregou e aterrou correctamente.

O obxectivo final, máis alá do lanzamento, foi fomentar o traballo en equipo e as competencias en tecnoloxía e ciencia dun xeito práctico e creativo.  

Dende o blog da BiblioFerro queremos agradecer esta inciativa á profesora de tecnoloxía Sonia Prieto e ao coodinador de Polos Creativos Rafael Nóvoa. A súa colaboración e guía como docentes foron fundamentais para que o alumnado de 2º e 3º de ESO puidese facer realidade o proxecto Altairis. 

Velaquí algunha imaxe da xornada, enlaces a esta nova na prensa e na páxina institucional da Xunta de Galicia e as nosas recomendacións para coñecer un pouco máis o mundo da ciencia e da astronomía.









No hay comentarios:

Publicar un comentario