viernes, 3 de mayo de 2024

A ciencia ten premio

Hoxe, na BiblioFerro, queremos compartir con vós os éxitos que o noso alumno Hugo Arribas está acadando en varias feiras científicas da xeografía galega e española co proxecto Cold Vibes: Deseño e construción dun sistema refrixerado para o traslado de órganos.

Xunto a dous compañeiros doutros centros educativos, capitaneados por David Ballesteros das Aulas Tecnópole de Ourense, o traballo resultou galardonado co 1º premio na categoría de bacharelato na Open Science de Cambre (A Coruña) celebrada en setembro de 2023, co 2º premio ex-aequo na Exporecerca (Barcelona) celebrada do 6 ao 9 de marzo de 2024 e, máis recentemente, co 2º premio da categoría Teen Researchers en CinVigo celebrada os pasados 20 e 21 de abril na cidade de Vigo baixo a coordinación do Centro de Investigacións Biomédicas

O premio acadado en Barcelona permitiralles defender o seu deseño na Science_Expo de Bélxica en 2025.

Hugo no centro da imaxe.
Fotografía  tomada na CinVigo celebrada o 20 e o 21 de abril.
(Créditos: Marta G. Brea. Faro de Vigo 20/4/2024)

Nesta entrada falabamos da actividade Aula Newton organizada polo Parque Tecnolóxico de Galicia, actividade na que estes últimos cursos participa o alumnado de física e química de 4º de ESO. No curso 2021/2022 Hugo mostrou moito interese no programa educativo que alí se desenvolve e dende o verán de 2022 acode unha tarde á semana ás Aulas Tecnópole para formarse no mundo da investigación. Froito desta estupenda actividade en horario extraescolar, xorde o traballo que mencionamos e do que podedes ler aquí un resumo. 

Velaquí varios enlaces a diferentes medios de comunicación que recolleron  a nova deste fantástico proxecto. 

Antena 3 Noticias (set 2023)

La Voz de Galicia (set 2023)

martes, 23 de abril de 2024

Día do libro

O 23 de abril é xa unha data clásica no mundo da literatura. Tal día coma hoxe de 1616 falecían Miguel de Cervantes e William Shakespeare, motivo polo que a Unión Internacional de Autores propuxo esta data para celebrar o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor. A Conferencia Xeral da UNESCO de novembro de 1996 aprobou oficialmente esta proposta e dende entón réndeselle este día unha homenaxe ao libro e á lectura a nivel internacional. 

En España a orixe desta conmemoración remóntase a principios do século XX grazas á proposta do escritor valenciano Vicente Clavel en 1926. Esta iniciativa plasmouse finalmente nun Real Decreto (26/02/1926). As primeiras edicións tiveron lugar o 7 de outubro. É a partires de 1930 cando as celebracións se trasladan ao 23 de abril.

Na actualidade a lectura en formato dixital está adiantando á lectura tradicional en papel. A isto engádese o cada vez máis estendido uso dos audiolibros. Desfrutar da lectura en calquera instante e en calquera formato contribúe a enriquecernos cultural e socialmente, a abrir a nosa mente e a converternos en cidadáns críticos.

No noso instituto, como cada curso, sumámonos a esta iniciativa internacional con varias actividades das que deixamos aquí algunha imaxe.

Alumnado preparando a actividade:
 Recomendacións a cegas

Selección de lecturas recomendadas do noso fondo
bibliográfico a partir dunha breve recensión

BookFace para o Día do Libro

Ruta turística El Quijote
Traballo realizado polo alumnado de 2º de bach.

Alumnado do Club de Lectura de 4º de ESO e 1º bach
visitando a Ínsua dos poetas no Carballiño



viernes, 19 de abril de 2024

Charla do Programa Vixía na BiblioFerro: semana da saúde.

No marco das actividades da Semana da saúde dentro do Proxecto Innova EduSaúde, o alumnado de 4º de ESO asistiu na bibliotexa á charla "Alimentación e TCA" ofrecida polo Concello de Ourense grazas ao Programa Vixía. 

A ponente, Gemma Cortés Contreras, explicou a diferenza entre nutrición e dixestión, resaltou cales son os diferentes macronutrientes e micronutrientes dos alimentos e destacou tamén que seguir a dieta mediterránea axuda a previr moitas enfermidades. 

A continuación falou dos trastornos da conducta alimentaria, a terceira causa de enfermidade crónica en adolescentes. Aínda que este tipo de trastornos son máis frecuentes en mulleres, afectan tamén á poboación masculina e están causados por unha combinación de varios factores, polo que o seu tratamento é bastante complexo. 

A continuación algunha foto do encontro:

Tamén estes días podemos visitar nos corredores do instituto varias exposicións das que deixamos aquí unha selección de imaxes. Podedes ampliar información no blog do proxecto.

Exposición Las moléculas que comemos (CSIC)

Exposición O azucre que bebes (2º ESO)

Exposición MasterChef saudable (1º bacharelato)