Mostrando entradas con la etiqueta Astronomía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Astronomía. Mostrar todas las entradas

jueves, 27 de junio de 2024

Lendo baixo as estrelas

Como actividade final do club de lectura, as profesoras Claudia, María Xosé e Elsa acompañaron os días 19 e 20 de xuño ao noso alumnado ao Centro Astronómico Trevinca situado nas montañas do Concello de A Veiga. 

A declaración como Destino Starlight no 2015 certifica que esta zona do leste da provincia de Ourense é un entorno óptimo para contemplar as estrelas debido á ausencia de contaminación lumínica. Ademais de poderse apreciar a Vía Láctea a ollo espido, o centro ofrece a posibilidade de participar en observacións astronómicas con telescopios, realizar visitas didácticas ao planetario e asistir a charlas e cursos sobre astronomía. 

Aínda que as condicións meteorolóxicas da pasada semana non lles permitiron desfrutar completamente do ceo nocturno, si puideron falar de astronomía, xogar cos efectos da gravidade e participar nunha sesión no planetario do centro. Houbo tempo tamén para visitar o Pazo Museo de Tor en Monforte, unha construcción do século XVIII de estilo barroco con tintes neoclásicos, e realizar unha pequena ruta a pé pola vila de A Veiga.

Arte, ciencia e literatura foron da man nesta fantástica actividade coa que nos despedimos ata o próximo curso. 

 Velaquí a nosa selección de imaxes:








martes, 18 de junio de 2024

O Proxecto 'Un Camino de Santiago lleno de vida' chega ao seu fin

En entradas anteriores do blog da BiblioFerro contámosvos algunhas das actividades que realizamos no marco do proxecto Un Camino de Santiago lleno de vida: cultura, ecología y naturaleza financiado polo Ministerio de Educación durante o bienio 2022-2024 e coordinado pola profesora Ana Mª López Cruz. 

Na rede social X tamén fomos deixando pequenas pílulas do traballo realizado por un grupo de alumnos e alumnas de 2º e 3º de ESO guiados por profesorado de varios departamentos. 

Neste último trimestre pechamos esta peregrinaxe cultural recibindo, a semana do 20 ao 24 de maio, a alumnos e profesores dos tres centros que participaron con nós nesta aventura: IES Tomás de Iriarte (Sta. Cruz de Tenerife), IES Felipe II (Mazarrón) e IES Aurantia (Benahadux).

Aquí podedes acceder ao resumo das actividades realizadas nesta última movilidade e a continuación mostrávosvos tamén algunha imaxe. 

Na exposición que podedes visitar nos corredores do primeiro andar recóllese unha mostra dos obradoiros, visitas didácticas e traballos de investigación realizados no noso centro nestes dous últimos cursos. 

Parabéns ao alumnado, familias e profesorado pola implicación neste proxecto.

Luns 19 de maio: xogos de benvida, exposicións orais
e visita ao Museo da Gaita de Barbadás

Martes 20 de maio: actividades náuticas, concerto con instrumentos
medievais e charla sobre astronomía con Dosi Veiga en Castrelo de Miño


21 e 22 de maio: visita a Santiago de Compostela,
Muxía e Fisterra
                              
Venres 22 de maio: despedida

Introdución á exposición: O Camiño Mozárabe. Vía da Prata

Perfil topográfico das catro etapas traballadas
en Galicia (patrimonio cultural, natural e histórico)
Un Camiño de Santiago sostible: reciclaxe de vidro e
cálculo da pegada de carbono do noso instituto

Astronomía no Camiño: observación astronómica,
exposición AstrónomAs e maquetas
Observar e tocar constelacións

Lembrando as viaxes a Tenerife, Murcia e Almería









martes, 9 de enero de 2024

Navegando polo Universo

O alumnado de 2° de ESO participou o pasado 20 de decembro na actividade Navegando polo Universo da man de Íñigo de la Quadra-Salcedo

No interior dun planetario móbil, unha cúpula semiesférica de cinco metros de diámetro que consta dun proxector de última xeración, realizamos unha viaxe a través do cosmos. Ademáis de contemplar a nosa galaxia, a Vía Láctea, puidemos observar a estrela polar, a Osa Maior, os movementos dos corpos do Sistema Solar, achegarnos á superficie do Sol e mesmo á cara oculta da Lúa. 

Grandes figuras do mundo da ciencia e da astronomía, como Eratóstenes, Ptolomeo, Copérnico, Galileo ou Newton, tiveron tamén o seu protagonismo nesta fantástica sesión.

Rematamos así as actividades de 2023 do proxecto financiado polo Ministerio de Educación Agrupaciones de Centros Educativos: Un camino de Santiago lleno de vida.

O camiño das estrelas levaranos a Santiago de Compostela en maio de 2024. Nesta peregrinaxe cultural, que empezou en 2022, acompáñanos alumnado e profesorado de Tenerife (IES Tomás Iriarte), Murcia (IES Felipe II de Mazarrón) e Almería (IES Aurantia de  Benahadux). 

Velaquí unha breve reportaxe fotográfica da xornada e as lecturas que recomendamos dende a BiblioFerro.






viernes, 1 de diciembre de 2023

Exposición AstrónomAs

Esta historia comezou hai miles de anos, cando as nosAs antepasadAs miraron cara o ceo e observaron o Sol, a Lúa e as estrelas. Durante anos, outras mulleres seguiron observando o universo facendo interesantes e importantes descubrimentos. 

Vas iniciar unha viaxe da man destas mulleres que te levará a descubrir moitos dos misterios da Astronomía que elas desvelaron con bravurA, Alegría e Afán. 

Con este texto comeza a exposición virtual AstrónomAs, centrada en máis de trescentas mulleres dedicadas ao estudo da Astronomía e da Astrofísica e que traballan nalgún dos catorce temas arredor dos que se estrutura a mostra, entre eles, os cúmulos estelares, a física de astropartículas e a cosmoloxía. 

Exemplo de cartel.

Estes días podemos visitar nos corredores do instituto o formato físico imprimible desta exposición, que xorde como unha continuación de Con A de AstrónomAs nacida no Ano Internacional da Astronomía 2009 e que percorreu durante doce anos museos e centros educativos de todo o país. 

A renovación daquela existosa mostra foi realizada por un equipo interdisciplinar de profesionais de diferentes ámbitos, coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a Sociedade Española de Astronomía (SEA). 

Con esta exposición continuamos as actividades do proxecto Camiño de Santiago cheo de vida, no que participan as profesoras Ana López, Salud Gago, Ana Reboiro e María José González, xunto con profesorado de centros de Almería, Tenerife e Murcia. 

Este curso, no noso instituto, ademais de traballar co alumnado aspectos do patrimonio histórico, cultural e natural das vilas polas que transcorre o Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia de Ourense, realizaremos varias actividades arredor da astronomía e do Camiño das estrelas

Nesta ocasión, o alumnado de 2º e de 3º de ESO resolveu un tríptico-cuestionario sobre a exposición AstrónomAs. Tivo que ler polo miúdo e seleccionar a información dos paneis, redactar correctamente as respostas e tamén indagar no formato virtual da exposición. En definitiva, unha completa actividade ALFIN da que queremos deixar constancia na Biblioferro. 

Os carteis da exposición e as unidades didácticas que a acompañan pódense descargar para a súa impresión aquí.

Imaxes da mostra

Portada do cuestionario

Alumnado de 2º da ESO resolvendo o cuestionario

Lecturas recomendadas