Ao longo do curso 2025-2026, o grupo de traballo da radio escolar Onda Ferro, constituido dentro do Plan de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) e formado por compañeiros e compañeiras de varios departamentos, promoveu a participación do alumnado en diversas actividades relacionadas coa literatura, a ciencia, a cultura e a actualidade.
No ámbito da promoción da lectura, a serie Más allá del papel, desenvolvida con motivo da Semana do libro, ofreceu unha achega creativa ao mundo literario mediante narracións e contidos radiofónicos que buscan espertar o gusto polos libros e a lectura. Nesta mesma liña, o alumnado de Literatura Universal de 1º de Bacharelato participou na gravación de Un libro nun instante, actividade da que xa demos conta neste artigo.
A divulgación científica tamén tivo un papel destacado coa entrevista á neurocientífica Conchi Lillo, realizada por alumnas de 3º da ESO, coa conmemoración do Día mundial da nutrición e cunha achega ás enfermidades de transmisión sexual.
A conmemoración do 2 de febreiro pola Candeloria é xa unha actividade consolidada no noso centro co tradicional concurso de crêpes organizado polo departamento de francés. Neste pódscast sobre as receitas desta delicia culinaria podemos escoitar a varios alumnos de 3º de ESO.
Todas estas iniciativas poñen de manifesto o enorme potencial da radio escolar como ferramenta educativa. A través dela, o alumnado aprende a investigar, seleccionar información, elaborar guións, expresarse oralmente e traballar de maneira colaborativa.
Desde a biblioteca queremos recoñecer e agradecer o traballo desenvolvido polo grupo de radio do PFFP, cuxa dedicación fai posible que Onda Ferro sexa unha voz aberta á cultura, á ciencia, á lectura e á participación de toda a comunidade educativa.

No hay comentarios:
Publicar un comentario