Mostrando entradas con la etiqueta Tertulias Literarias Concello. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Tertulias Literarias Concello. Mostrar todas las entradas

lunes, 16 de marzo de 2026

Encontros arredor da obra "Runrún"

A semana pasada o alumnado do club de lectura de 1º de bacharelato reuniuse para comentar a obra Runrún (Ed. Galaxia, 2024) de Ana Varela.

O xoves 5 de marzo xa tiveran a oportunidade de escoitar á autora no Liceo de Ourense, xa que foi a obra elixida este ano nas Tertulias Literarias en galego do Concello.

A sáude mental, os coidados, os prexuízos ou as relacións familiares foron algúns dos temas que saíron da primeira lectura; outros como o amianto, o cancro ou a loita sindical quedaron para aprodundar na seguinte reunión.

Velaquí imaxes de ambas actividades impulsadas polas profesoras Carme e Maribel.




Sinopse:

Tras a prematura morte dos seus pais, Aldara sofre un episodio psicótico, e a súa irmá, Uxía, faise cargo, soa, da situación. Esta é a historia de Uxía, unha xanela para asomarnos á súa vida. Apenas unhas horas que nos deixan ver os seus afectos, os escollidos e os que veñen dados, que por veces se volven caníbales, das circunstancias e dos prexuízos que nos atrapan, e de como todo pode virar nun momento, do fácil que é estar no outro lado do espello, iso que tanto tememos.

viernes, 9 de mayo de 2025

Alberto Mancebo nas Tertulias Literarias

Un ano máis un grupo de alumnos e alumnas do Club de lectura, acompañados das profesoras de galego Carme e Maribel, asistiu na tarde do 3 de abril no Liceo ao Ciclo de Tertulias Literarias para estudantes que organiza o Concello e a Diputación de Ourense. 

O escritor e periodista Alberto Mancebo presentou a súa última obra Indolente (Ed. Xerais, 2024) e abriu un debate posterior co alumnado e profesorado asistente.

Velaquí algunha imaxe.




Sinopse

Estamos no ano 2041 e o Ministerio da Presidencia acaba de emitir un comunicado para alertar a cidadanía dunha gran tormenta xeomagnética causada por unha erupción solar que afectará o planeta nas próximas horas. Este contundente fenómeno atmosférico xa sucedera sete anos antes, con intensas auroras boreais atravesando o ceo de todo o mundo e con fallos xeneralizados nos sistemas de comunicación e de subministración eléctrica. Nora lembra agora aquela situación límite, mentres intenta cargar o seu coche nunha electrolineira de Negreira para chegar a Santiago canda a súa muller e as súas fillas cos equipos de urxencia que lles poden salvar a vida. Mais a viaxe non será doada. 

Alberto Mancebo crea unha poderosa e inquietante narración cunha atmosfera hipnótica e abafante para enfrontarnos a unha historia de ameazas climáticas que sitúan os personaxes nun escenario agónico e ante a necesidade de se decidiren entre a solidariedade ou a supervivencia individual.

lunes, 24 de junio de 2024

Tertulia literaria arredor de 'Los incomprendidos'

O pasado 9 de maio o alumnado do club de lectura de 4ºESO e 1º de bacharelato participou nas Tertulias Literarias organizadas polo Concello de Ourense.

A obra escollida nesta ocasión foi Los incomprendidos, do autor Pedro Simón
Grazas á implicación das profesoras do Dpto de Lingua Castelá o alumnado achegouse ao Liceo de Ourense a debater arredor da novela, xuntanza na que tamén participaron estudantes do IES de Allariz. 

Queda pendente que nos visite o autor o vindeiro curso.






viernes, 2 de febrero de 2024

Tertulias literarias: encontro con Paula Carballeira

A semana pasada as profesoras de lingua galega e de lingua castelá acudiron cun grupo de alumnos ao Liceo de Ourense para participar nas Tertulias Literarias, actividade organizada polo Concello de Ourense e na que participa dende hai varios cursos o IES Ferro Couselo xunto a outros centros educativos da provincia. 

Imaxe obtida de https://ourense.gal/es/saladeprensa

Nesta ocasión a lectura escollida polo grupo de traballo do que forman parte 35 docentes foi As alumnas de Paula Carballeira,  obra do xénero teatral pola que a autora recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática 2023.

As profesoras impulsoras desta actividade valoran moi positivamente a participación e a implicación do alumnado na mesma.

Mostramos aquí algunha imaxe das dúas sesións realizadas os pasados 24 e 25 de xaneiro pola tarde.

Primeira sesión: posta en común de experiencias 
arredor da obra (Sala de Tertulias do Liceo)

Segunda sesión: encontro coa autora e sinatura
de libros (Salón Nobre do Liceo)