Hoxe, na BiblioFerro, queremos compartir con vós os éxitos que o noso alumno Hugo Arribas está acadando en varias feiras científicas da xeografía galega e española co proxecto Cold Vibes: Deseño e construción dun sistema refrixerado para o traslado de órganos.
Xunto a dous compañeiros doutros centros educativos, capitaneados por David Ballesteros das Aulas Tecnópole de Ourense, o traballo resultou galardonado co 1º premio na categoría de bacharelato na Open Science de Cambre (A Coruña) celebrada en setembro de 2023, co 2º premio ex-aequo na Exporecerca (Barcelona) celebrada do 6 ao 9 de marzo de 2024 e, máis recentemente, co 2º premio da categoría Teen Researchers en CinVigo celebrada os pasados 20 e 21 de abril na cidade de Vigo baixo a coordinación do Centro de Investigacións Biomédicas.
O premio acadado en Barcelona permitiralles defender o seu deseño na Science_Expo de Bélxica en 2025.
Hugo no centro da imaxe. Fotografía tomada na CinVigo celebrada o 20 e o 21 de abril. (Créditos: Marta G. Brea. Faro de Vigo 20/4/2024) |
Nesta entrada falabamos da actividade Aula Newton organizada polo Parque Tecnolóxico de Galicia, actividade na que estes últimos cursos participa o alumnado de física e química de 4º de ESO. No curso 2021/2022 Hugo mostrou moito interese no programa educativo que alí se desenvolve e dende o verán de 2022 acode unha tarde á semana ás Aulas Tecnópole para formarse no mundo da investigación. Froito desta estupenda actividade en horario extraescolar, xorde o traballo que mencionamos e do que podedes ler aquí un resumo.
Velaquí varios enlaces a diferentes medios de comunicación que recolleron a nova deste fantástico proxecto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario