lunes, 13 de mayo de 2024

De roteiro polas terras de Celanova

O pasado martes 7 de maio, o alumnado de 3º de ESO realizou un percorrido pola comarca de Celanova acompañado das profesoras de galego. Begoña Calvo envíanos este resumo e algunha imaxe da actividade. 

O departamento de Lingua galega e literatura promoveu co alumnado de 3ºESO a saída didáctica á vila de Celanova (Ourense) para comprobar in situ a pegada dalgúns dos nosos autores e dar unha visión retrospectiva da nosa historia. Visitamos a Casa dos Poetas, onde coñecimos a casa de Curros Enríquez e a súa vida e obra. Tamén salientamos ao poeta Celso Emilio Ferrreiro. 
Visitamos o Mosteiro, a capela mozárabe de san Miguel e asistimos a un concerto de órgano no Coro Alto. Puidemos visitar a biblioteca do IES Celanova, dentro do propio mosteiro, e un dos nosos alumnos agasallounos cun miniconcerto de piano. 
Pola tarde retrocedimos no tempo para visitar a vila medieval de Vilanova dos Infantes, subindo á torre e coñecendo a historia da lenda da Virxe do Cristal; tamén accedimos á enigmática cova de san VIvián. 
De alí trasladámonos ata o castro de Castromao, asentamento castrexo dos nosos ancestros, onde rematamos esta saída didáctica.





No hay comentarios:

Publicar un comentario