martes, 16 de abril de 2024

Encontro con Marilar Aleixandre

O pasado mércores 10 de abril o alumnado do Club de lectura participou na biblioteca nun encontro con Marilar Aleixandre. Bióloga de formación, comezou a escribir nos seus tempos de estudante na Universidade Complutense de Madrid. Traballou como profesora de Ensino Secundario en Vigo e tamén como profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais na Universidade de Santiago de Compostela. Como escritora conta cunha importante produción literaria, tanto en narrativa como en poesía, dirixida a público infantil, xuvenil e adulto. Recibiu varios premios e recoñecementos, o último o Premio Nacional de Narrativa 2022 pola obra Malas Mulleres.

A profesora Claudia Pérez resume o encontro nas seguintes liñas e Pilar Fernández envíanos algunha imaxe.

No noso club de lectura "As catro esquinas do Quinto" non podíamos agardar para comezar as celebracións polo día do libro! Por iso, invitamos á nosa biblioteca a Marilar Aleixandre, un dos referentes máis activos  do panorama da literatura galega e Premio Nacional de Literatura 2022 co título Malas mulleres.

Co incentivo de achegar o oficio da escritura ao alumnado, Marilar explicou cal foi a súa traxectoria: de profesora e investigadora en Bioloxía a recoñecida escritora e académica da lingua. Para que logo digan que as humanidades e as ciencias son camiños enfrontados...

Despois da lectura de distintos textos narrativos e poéticos da autora, o alumnado e 3º de ESO tivo a oportunidade de participar nunha pequeña tertulia sobre a obra lida nesta avaliación: A cabeza de Medusa. Publicado por primeira vez en 2008, a novela segue a estar de actualidade, especialmente tras os últimos casos mediáticos de violencia sexual contra as mulleres. O noso alumnado puido formular distintas preguntas a Marilar sobre a importancia da documentación para a escritura, a repercusión da obra ou a importancia da denuncia social destas violencias. 

Vémonos pronto, Marilar.



No hay comentarios:

Publicar un comentario