O Programa A Ponte da Universidade de Santiago de Compostela ofrece dende o curso 2003-2004 a posibilidade de contarmos nos centros de ensino con persoas investigadoras de diversos ámbitos. Nesta ocasión, o departamento de lingua castelá organizou un encontro con María José Alonso Veloso, doutora en Filoloxía Hispánica, profesora na USC e especialista en Literatura Española do século XVII.
A profesora Claudia Pérez envíanos un resumo desta actividade e algunha imaxe.
O luns 8 de abril recibimos a visita da profesora e investigadora María José Alonso Veloso a través do Programa A Ponte que busca conectar a realidade educativa do ensino secundario coa universidade.
Baixo o nome "Un siglo de Oro al margen: aproximación a la poesía escrita por mujeres", María José explicou aos grupos de 1º de bacharelato como o contexto histórico e cultural do século XVII en España foi un gran caldo de cultivo para o xurdimento de escritoras. Factores como o incremento do número de certames literarios, a taxa de alfabetización da poboación ou a proliferación de mecenas influíron positivamente na creación feminina.
O alumnado leu e comentou textos de autoras como María de Zayas, Ana Caro ou Cristobalina Fernández de Alarcón, reflexionando sobre a importancia do traballo de investigación e documentación da filoloxía para sacar á luz aqueles espazos da nosa historia que aínda quedan na penumbra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario