viernes, 23 de febrero de 2024

Por San Valentín dame un verso

Febreiro non é só tempo de Entroido, tamén é o mes de San Valentín. Cada 14 de febreiro célebrase en distintas partes do mundo o Día dos namorados. 

Hai varias teorías sobre a orixe desta festividade, unha delas vincúlase co escritor medieval inglés Geoffrey Chaucer, famoso por Os contos de Canterbury. Algúns historiadores sinalan que foi a primeira persoa en asociar este día co amor no seu poema O Parlamento das Aves. 

Neste curso na BiblioFerro, como vedes, hai moita poesía. A temática do amor, tan presente na literatura, é unha ocasión perfecta para recitar poemas. 

É de agradecer que a nosa biblioteca vaia converténdose pouco a pouco nun lugar no que compartir experiencias arredor da lectura e, sobre todo, que vos acheguedes ata aquí para desfrutar delas.

De novo a profesora Claudia de lingua castelá, coa colaboración das compañeiras dos departamentos lingüísticos, foi a impulsora da actividade Por San Valentín dame un verso. 

Velaquí o resumo que ela mesma nos envía acompañado dalgunha imaxe.

O que a min o corazón no peito me arrebata
apenas te miro e entón non podo dicir xa palabra. 

O pasado venres celebramos o amor no Quinto. O alumnado de Literatura Universal decorou a entrada con "versos para levar" de distintos poetas que ao longo da historia, dende Safo, autora coa que iniciamos este texto, ata Shakespeare, intentaron reflectir en palabras a complexidade desde sentimento.

Foron moitos os alumnos e alumnas que se animaron a deixar as súas definicións do amor entre os poemas. 

Ademais, no tempo de lecer, xuntámonos na biblioteca para escoitar e recitar varios poemas propios e tamén das nosas escritoras e escritores favoritos.






 

No hay comentarios:

Publicar un comentario