martes, 25 de marzo de 2025

Mercado solidario

O Día do Libro celébrase cada 23 de abril co obxectivo de fomentar a lectura e recoñecer a importancia dos libros como ferramenta de aprendizaxe. Nesta entrada explicabamos cal é a orixe desta celebración, vencellada a Miguel de Cervantes e a William Shakespeare.

Este ano decidimos conmemorar esta data organizando un mercado solidario de libros durante a semana do 22 ao 25 de abril. A proposta é sinxela: doar un libro en bo estado que xa leches e destrutaches e poñerlle un prezo ou o alimento polo que o cambiarías.

Podes deixar os teus libros ata o 11 de abril en conserxería. Lembra que non recolleremos enciclopedias. Coas doazóns de toda a comunidade educativa montaremos unha pequena librería na planta baixa na que poderás adquirir a un prezo xusto libros de segunda man. O recaudado irá destinado ao Banco de Alimentos de Ourense.  

Precisamos da vosa colaboración.

lunes, 24 de marzo de 2025

O Entroido no Ferro

Un ano máis conmemoramos no instituto a festividade do Entroido, unha tradición moi arraigada na nosa provincia. 

A gran participación do alumnado no concurso de disfraces e coreografías do pasado venres 28 de febreiro deu para moito. Dúas horas estivemos bailando e desfrutando do espectáculo. Neste enlace atoparedes imaxes e videos das actuacións. 

A clase gañadora foi 1º de bacharelato A, que se axustou á perfección ás bases do concurso. A profesora Begoña executou maxistralmente o papel que lle foi encomendado.

Comparsa de 1º de bacharelato A.

Profesores de varios departamentos
con disfraces relacionados co mundo da música

Nos corredores do 1º andar, grazas á proposta do Equipo de Normalización Lingüística, aínda podemos visitar estes días unha mostra dos traballos realizados polo alumnado: máscaras do Entroido ourensán. 




viernes, 14 de marzo de 2025

Masterclass: Física de Partículas coas mans

O CERN (Conseil Européen pour la Recherche Nucléaire) fundouse o 29 de setembro de 1954 co obxectivo de impulsar a cooperación científica en Europa despois da Segunda Guerra Mundial.  Atópase en Suiza, preto de Xenebra e próximo á fronteira con Francia. O seu propósito inicial era a investigación en física de partículas e o desenvolvemento de aceleradores. Aínda que na súa creación participaron 12 países europeos, na acualidade conta con 23 estados membros, entre eles España. 

O CERN alberga o Gran Colisionador de Hadróns (LHC), o maior acelerador de partículas do mundo. Ten unha circunferencia de 27 km e sitúase a 100m baixo terra. 

España desempeña un papel clave no CERN, cunha forte participación nos seus experimentos. En particular, o Instituto Galego de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela colabora no experimento LHCb que estuda a asimetría entre materia e antimateria no universo.

Cada curso, dende o IGFAE e en colaboración co Grupo Internacional de Divulgación da Física de Partículas, o alumnado de bacharelato dos centros educativos galegos pode participar na Masterclass Internacional "Física de Partículas coas mans".

En representación do IES Ferro Couselo participaron o pasado xoves 6 de marzo Pablo Estévez e Adrián Borrajo, alumnos de 2º de bacharelato acompañados pola súa profesora de física Ana Reboiro.

A masterclass consitiu nunha serie de conferencias sobre a Física de Partículas, ademais dunha sesión práctica por ordenador realizada en grupos na que os estudantes tiñan que traballar con datos reais do experimento LHCb. Os resultados discutíronse por videoconferencia con mozos e mozas de centros doutros países que desenvolveron a actividade de forma simultánea.

Velaquí alguna imaxe e o vídeo-resumo que o IGFAE publicou nas súas redes sociais.

Imaxes tomadas o pasado 6 de marzo na Aula Magna
  da Facultade de Matemáticas da USC