O CERN (Conseil Européen pour la Recherche Nucléaire) fundouse o 29 de setembro de 1954 co obxectivo de impulsar a cooperación científica en Europa despois da Segunda Guerra Mundial. Atópase en Suiza, preto de Xenebra e próximo á fronteira con Francia. O seu propósito inicial era a investigación en física de partículas e o desenvolvemento de aceleradores. Aínda que na súa creación participaron 12 países europeos, na acualidade conta con 23 estados membros, entre eles España.
O CERN alberga o Gran Colisionador de Hadróns (LHC), o maior acelerador de partículas do mundo. Ten unha circunferencia de 27 km e sitúase a 100m baixo terra.
España desempeña un papel clave no CERN, cunha forte participación nos seus experimentos. En particular, o Instituto Galego de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela colabora no experimento LHCb que estuda a asimetría entre materia e antimateria no universo.
Cada curso, dende o IGFAE e en colaboración co Grupo Internacional de Divulgación da Física de Partículas, o alumnado de bacharelato dos centros educativos galegos pode participar na Masterclass Internacional "Física de Partículas coas mans".
En representación do IES Ferro Couselo participaron o pasado xoves 6 de marzo Pablo Estévez e Adrián Borrajo, alumnos de 2º de bacharelato acompañados pola súa profesora de física Ana Reboiro.
A masterclass consitiu nunha serie de conferencias sobre a Física de Partículas, ademais dunha sesión práctica por ordenador realizada en grupos na que os estudantes tiñan que traballar con datos reais do experimento LHCb. Os resultados discutíronse por videoconferencia con mozos e mozas de centros doutros países que desenvolveron a actividade de forma simultánea.
Velaquí alguna imaxe e o vídeo-resumo que o IGFAE publicou nas súas redes sociais.
![]() |
Imaxes tomadas o pasado 6 de marzo na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC |
No hay comentarios:
Publicar un comentario