lunes, 27 de noviembre de 2023

Roteiro e tertulia literaria en Allariz: encontro con Alba Guzmán

O pasado martes 21 de novembro o alumnado de Oratoria de 4º de ESO e de Literatura Universal de 1º de bacharelato, acompañado polas profesoras de lingua castelá Claudia e Rita, participou nas tertulias literarias de Allariz xunto con mozos e mozas doutros centros educativos da provincia de Ourense. 

A xornada comezou pola mañá cun roteiro pola vila a cargo da profesora Ángeles Álvarez. Neste paseo a guía relacionou distintos puntos de interese co problema da violencia machista, contra a que debemos loitar non só esta semana, senón todo o ano.

Despois de xantar, unha das nosas alumnas, María M., formou parte do equipo que entrevistou en Radio Allariz a Alba Guzmán, autora da novela Xoaniña de Deus, que gañou o premio Xuventude Crea 2021.

A xornada rematou cunha tertulia literaria moi inspiradora coa autora, que asinou libros aos participantes.

Imaxes propias do roteiro pola vila de Allariz

Imaxe da tertulia obtida de www.universidadelaboral.com/

Alba Guzmán. Imaxe de Ogalego.gal



 

jueves, 23 de noviembre de 2023

#aFERRerrateanOnviolencia

Moito nos gusta que a BiblioFerro vaia cobrando vida!

Onte inauguramos "oficialmente" o novo mobiliario, mesas moito máis funcionais cás anteriores e que nos permiten facer comodamente traballos grupais.

Desta vez tocou a actividade Escape Room contra a violencia de xénero: rexeita o maltrato organizada polo Concello de Ourense e dinamizada polas xentes de Territorio Comanche.

Moitas grazas ao concello e parabéns aos dinamizadores e tamén á nosa rapazada de 3º de ESO pola súa implicación nas probas propostas. Foi todo un éxito!

A continuación unhas imaxes da xornada.




martes, 21 de noviembre de 2023

Ramón y Cajal nas terras de Verín

O pasado xoves 9 de novembro un grupo de 48 alumnos de 4º ESO visitou a comarca de Verín. O profesor de historia, Óscar Vilas, envíanos estas liñas resumindo as actividades realizadas.

Como xa ben sendo tradicional no Ferro Couselo, o Departamento de Xeografía e Historia participa no programa da Deputación Provincial "Coñece Ourense"

En cursos anteriores visitamos a Ribeira Sacra, as terras de Ribadavia e as bisbarras de Celanova e Bande. Neste curso os profesores Óscar Vilas e Iago Saco partimos co alumnado de 4º de ESO cara Verín para coñecer de primeira man e amosarlles do xeito máis lúdico e interesante posible, mostras do patrimonio material histórico artístico da zona, como o conxunto do Castelo de Monterrei, as rúas e prazas da vila, a igrexa de Santa María a Maior ou a igrexa de Santa María de Gracia de Monterrei. 

Visitamos tamén o balneario de Caldeliñas, actualmente abandonado pero con un interesante valor histórico, e as actuais factorías de Sousas e de Cabreiroá. Nesta última agradecemos a interesante visita guiada que nos ofreceu un traballador cualificado da empresa.

Cómpre salientar o bo comportamento xeral do alumnado, así como o alto interese e participación nos xogos e na xincana polas rúas da vila de Verín. 
Os obxectivos marcados para esta saída didáctica cumpríronse de xeito destacado.

A continuación as imaxes do día. Nunha delas aparece o nome de Ramón y Cajal quen fixo uso do manancial de Cabreiroá. Nunha carta que el mesmo enviou ao responsable da instalación en 1909 recoñece que "gracias a las virtudes del manantial de Cabreiroá del cual hago uso constante desde hace más de un año he recobrado la salud".



Aproveitamos así esta ocasión para lembrar a Santiago Ramón y Cajal e para recomendar este libro, que nos achega de forma lúdica e sinxela á figura do que foi premio Nobel de medicina en 1906 polo seu traballo sobre a estrutura do sistema nervioso.