lunes, 8 de junio de 2026

Onda Ferro 2025-2026

Ao longo do curso 2025-2026, o grupo de traballo da radio escolar Onda Ferro, constituido dentro do Plan de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) e formado por compañeiros e compañeiras de varios departamentos, promoveu a participación do alumnado en diversas actividades relacionadas coa literatura, a ciencia, a cultura e a actualidade. 

No ámbito da promoción da lectura, a serie Más allá del papel, desenvolvida con motivo da Semana do libro, ofreceu unha achega creativa ao mundo literario mediante narracións e contidos radiofónicos que buscan espertar o gusto polos libros e a lectura. Nesta mesma liña, o alumnado de Literatura Universal de 1º de Bacharelato participou na gravación de Un libro nun instante, actividade da que xa demos conta neste artigo

A divulgación científica tamén tivo un papel destacado coa entrevista á neurocientífica Conchi Lillo, realizada por alumnas de 3º da ESO, coa conmemoración do Día mundial da nutrición e cunha achega ás enfermidades de transmisión sexual.

A conmemoración do 2 de febreiro pola Candeloria é xa unha actividade consolidada no noso centro co tradicional concurso de crêpes organizado polo departamento de francés. Neste pódscast sobre as receitas desta delicia culinaria podemos escoitar a varios alumnos de 3º de ESO.

Todas estas iniciativas poñen de manifesto o enorme potencial da radio escolar como ferramenta educativa. A través dela, o alumnado aprende a investigar, seleccionar información, elaborar guións, expresarse oralmente e traballar de maneira colaborativa. 

Desde a biblioteca queremos recoñecer e agradecer o traballo desenvolvido polo grupo de radio do PFFP, cuxa dedicación fai posible que Onda Ferro sexa unha voz aberta á cultura, á ciencia, á lectura e á participación de toda a comunidade educativa.

lunes, 1 de junio de 2026

Descubrindo Guimarães

Recentemente, o alumnado de ESO que cursa a materia de portugués como segunda lingua estranxeira, tivo a oportunidade de visitar a cidade de Guimarães. A profesora Maribel Gil quixo compartir connosco unhas liñas sobre esta experiencia, achegándonos aos lugares visitados e ás impresións que deixou esta saída cultural. 

O alumnado de lingua portuguesa visitou Guimarães, cidade do distrito de Braga, o 25 de maio. Guimarães é considerada o berce de Portugal porque nesta vila naceu o seu primeiro rei, Afonso Henriques, e tamén se fraguou a independencia do reino de León, no s. XII, como reza na muralla: “Aquí nasceu Portugal”. 

Pola mañá visitaron a Citânia de Briteiros, castro da Idade de Ferro. Ocuparon a tarde en ver o Castelo de Guimarães, onde se cre que naceu o rei Afonso, o Pazo dos Duques de Bragança e a Igrexa de San Miguel e en pasear polo centro histórico da cidade, declarado Patrimonio Mundial da Unesco no 2001, percorrendo as súas rúas e prazas como o Largo do Toural ou o Largo da Oliveira e, por suposto, a famosa muralla.




martes, 19 de mayo de 2026

Begoña Caamaño protagoniza o noso mes das letras

Este mes de maio, a nosa comunidade educativa únese, como cada ano, á festa da nosa cultura: o Día das Letras GalegasEsta conmemoración, que a Real Academia Galega instaurou no ano 1963 para facela coincidir co centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, ten como finalidade principal homenaxear a aquelas persoas que destacaron pola súa creación literaria en galego e pola súa defensa constante da nosa lingua. Este curso, o recoñecemento recae na figura da xornalista e escritora Begoña Caamaño

Nada en Vigo en 1964, Begoña Caamaño foi unha muller polifacética que desenvolveu a maior parte da súa carreira na Radio Galega, onde defendeu con firmeza os medios públicos como piares do futuro do país. Pero Begoña foi tamén unha narradora excepcional que, a través de obras como Circe ou o pracer do azul ou Morgana en Esmelle, soubo revisar os mitos clásicos dende unha perspectiva feminista, dándolles voz e protagonismo ás mulleres que a historia oficial deixara na sombra. 


No noso centro, como cada curso, o Departamento de Galego e o Equipo de Normalización Lingüística prepararon actividades para conmemorar esta data especial. 

No vestíbulo da pranta baixa podedes visitar dúas pequenas exposicións. Unha delas dedicada ás mulleres que, antes que Begoña, foron protagonistas desta efeméride en edicións anteriores: Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido, María Mariño, María Vitoria Moreno, Xela Arias e Luísa Villalta. A outra, titulada Con B de Begoña, recolle algúns traballos realizados polo alumnado de ESO nas aulas de galego.


Ademais, se subides polas escaleiras cara ao primeiro andar, atoparedes os paneis informativos elaborados polo alumnado do IES Castelao de Vigo e que a Xunta de Galicia repartiu polos centros da nosa comuniade. Neles debúllase con detalle a traxectoria vital e literaria da autora. 


Unha das iniciativas máis novedosas deste ano é a portada do xornal A Voz do Ferro. As profesoras de galego quixeron resaltar con esta actividade a faceta xornalística de Begoña Caamaño. Ademais de afondar na figura da homenaxeada, podedes ler recensións dalgunhas actividades que levamos a cabo no centro para promocionar a nosa lingua e a nosa cultura, como a recente visita a Celanova realizada polo alumnado de 3º de ESO. 



Parabéns polo traballo realizado e feliz Día das Letras Galegas.