viernes, 14 de marzo de 2025

Masterclass: Física de Partículas coas mans

O CERN (Conseil Européen pour la Recherche Nucléaire) fundouse o 29 de setembro de 1954 co obxectivo de impulsar a cooperación científica en Europa despois da Segunda Guerra Mundial.  Atópase en Suiza, preto de Xenebra e próximo á fronteira con Francia. O seu propósito inicial era a investigación en física de partículas e o desenvolvemento de aceleradores. Aínda que na súa creación participaron 12 países europeos, na acualidade conta con 23 estados membros, entre eles España. 

O CERN alberga o Gran Colisionador de Hadróns (LHC), o maior acelerador de partículas do mundo. Ten unha circunferencia de 27 km e sitúase a 100m baixo terra. 

España desempeña un papel clave no CERN, cunha forte participación nos seus experimentos. En particular, o Instituto Galego de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela colabora no experimento LHCb que estuda a asimetría entre materia e antimateria no universo.

Cada curso, dende o IGFAE e en colaboración co Grupo Internacional de Divulgación da Física de Partículas, o alumnado de bacharelato dos centros educativos galegos pode participar na Masterclass Internacional "Física de Partículas coas mans".

En representación do IES Ferro Couselo participaron o pasado xoves 6 de marzo Pablo Estévez e Adrián Borrajo, alumnos de 2º de bacharelato acompañados pola súa profesora de física Ana Reboiro.

A masterclass consitiu nunha serie de conferencias sobre a Física de Partículas, ademais dunha sesión práctica por ordenador realizada en grupos na que os estudantes tiñan que traballar con datos reais do experimento LHCb. Os resultados discutíronse por videoconferencia con mozos e mozas de centros doutros países que desenvolveron a actividade de forma simultánea.

Velaquí alguna imaxe e o vídeo-resumo que o IGFAE publicou nas súas redes sociais.

Imaxes tomadas o pasado 6 de marzo na Aula Magna
  da Facultade de Matemáticas da USC



miércoles, 19 de febrero de 2025

O herbario de Rosalía

O "Herbario de Rosalía“ é unha exposición que vincula a literatura e a botánica froito dun proxecto de investigación realizado dende a Universidade de Santiago de Compostela . A mostra consta de 150 paneis con diversas plantas e flores que inspiraron gran parte da obra da poeta galega Rosalía de Castro. Esta exposición itinerante inaugurouse no Real Xardín Botánico de Madrid no 2022. O mesmo ano a Fundación Rosalía de Castro publicou o libro Nasín cando asplantas nasen. O herbario de Rosalía. 

Imaxe da portada do libro descargada de https://rosalia.gal/


Con motivo da conmemoración do Día de Rosalía o próximo 23 de febreiro, o Equipo de Normalización lingüística propuxo mercar algún exemplar desta publicación para a nosa biblioteca. A partir del elaborou a exposición que estes días podedes ver no vestíbulo do centro.   

Velaquí algunha imaxe:







lunes, 17 de febrero de 2025

Mes de febreiro: encontros coa ciencia

En 2015 a Asamblea Xeral das Nacións Unidas escolleu o 11 de febreiro como o Día da Muller e a Nena na Ciencia. Dende entón e cada ano os colexios, institutos, universidades e centros de investigación organizan actividades para resaltar o papel da muller na ciencia e para fomentar as ensinanzas STEM entre as mozas. 

No noso instituto, para conmemorar este día, o alumnado de 1º e 2º de ESO colorearon nas clases de bioloxía e de física e química as ilustracións de Pelopantón, imaxes de diversas mulleres científicas de todos os ámbitos da ciencia. 

O resultado deste traballo recóllese nos carteis que estes días decoran as escaleiras do 1º e do 2º andar.


Durante toda a semana programáronse varias conferencias sobre ciencia. A primeira delas correu a cargo de Ignacio Pérez Juste, Doutor en Química e Profesor Titular na Universidade de Vigo. Na súa intervención, dirixida ao alumnado de física e química de 4º de ESO, falou da relación entre Química e Cine. Tras un percorrido pola historia da fotografía e da séptima arte, mostrounos fragmentos de varias películas do cine clásico como Casablanca, Dr. Jekill e Mr, Hyde, Cinema Paradiso ou A ponte sobre o río Kwai para falarnos de química.

Imaxes da conferencia do pasado 11 de febreiro

O pasado 12 de febreiro, no salón de actos, o alumnado de 2º e de 3º de ESO tivo a oportunidade de achegarse ás matemáticas dunha forma lúdica grazas a charla Gañar, gañar e volver a gañar de Eduardo Sáenz de Cabezón, matemático, profesor universitario, investigador e recoñecido divulgador científico. Presenta o programa de TVE2 Órbita Laika e mantén activa a exitosa canle de YouTube Derivando. 

Imaxes do encontro con Sáenz de Cabezón o pasado 12 de febreiro

Na xornada do venres 14 de febreiro, o alumnado de 4º de ESO participou no obradoiro Matemáticas e Mulleres: de como Dido fixo grande a Cartago impartido por Elvira Hernández e Esther Gil, profesoras e investigadoras no ámbito das matemáticas na UNED. 
 
Imaxes do obradoiro da UNED
do pasado 14 de febreiro

Dende a biblioteca propoñemos para este mes de febreiro esta pequena selección de lecturas do noso fondo biblográfico.


Algunhas lecturas propostas