viernes, 19 de abril de 2024

Charla do Programa Vixía na BiblioFerro: semana da saúde.

No marco das actividades da Semana da saúde dentro do Proxecto Innova EduSaúde, o alumnado de 4º de ESO asistiu na bibliotexa á charla "Alimentación e TCA" ofrecida polo Concello de Ourense grazas ao Programa Vixía. 

A ponente, Gemma Cortés Contreras, explicou a diferenza entre nutrición e dixestión, resaltou cales son os diferentes macronutrientes e micronutrientes dos alimentos e destacou tamén que seguir a dieta mediterránea axuda a previr moitas enfermidades. 

A continuación falou dos trastornos da conducta alimentaria, a terceira causa de enfermidade crónica en adolescentes. Aínda que este tipo de trastornos son máis frecuentes en mulleres, afectan tamén á poboación masculina e están causados por unha combinación de varios factores, polo que o seu tratamento é bastante complexo. 

A continuación algunha foto do encontro:

Tamén estes días podemos visitar nos corredores do instituto varias exposicións das que deixamos aquí unha selección de imaxes. Podedes ampliar información no blog do proxecto.

Exposición Las moléculas que comemos (CSIC)

Exposición O azucre que bebes (2º ESO)

Exposición MasterChef saudable (1º bacharelato)





martes, 16 de abril de 2024

Encontro con Marilar Aleixandre

O pasado mércores 10 de abril o alumnado do Club de lectura participou na biblioteca nun encontro con Marilar Aleixandre. Bióloga de formación, comezou a escribir nos seus tempos de estudante na Universidade Complutense de Madrid. Traballou como profesora de Ensino Secundario en Vigo e tamén como profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais na Universidade de Santiago de Compostela. Como escritora conta cunha importante produción literaria, tanto en narrativa como en poesía, dirixida a público infantil, xuvenil e adulto. Recibiu varios premios e recoñecementos, o último o Premio Nacional de Narrativa 2022 pola obra Malas Mulleres.

A profesora Claudia Pérez resume o encontro nas seguintes liñas e Pilar Fernández envíanos algunha imaxe.

No noso club de lectura "As catro esquinas do Quinto" non podíamos agardar para comezar as celebracións polo día do libro! Por iso, invitamos á nosa biblioteca a Marilar Aleixandre, un dos referentes máis activos  do panorama da literatura galega e Premio Nacional de Literatura 2022 co título Malas mulleres.

Co incentivo de achegar o oficio da escritura ao alumnado, Marilar explicou cal foi a súa traxectoria: de profesora e investigadora en Bioloxía a recoñecida escritora e académica da lingua. Para que logo digan que as humanidades e as ciencias son camiños enfrontados...

Despois da lectura de distintos textos narrativos e poéticos da autora, o alumnado e 3º de ESO tivo a oportunidade de participar nunha pequeña tertulia sobre a obra lida nesta avaliación: A cabeza de Medusa. Publicado por primeira vez en 2008, a novela segue a estar de actualidade, especialmente tras os últimos casos mediáticos de violencia sexual contra as mulleres. O noso alumnado puido formular distintas preguntas a Marilar sobre a importancia da documentación para a escritura, a repercusión da obra ou a importancia da denuncia social destas violencias. 

Vémonos pronto, Marilar.



viernes, 12 de abril de 2024

Programa A Ponte: Encontro con María José Alonso Veloso

O Programa A Ponte da Universidade de Santiago de Compostela ofrece dende o curso 2003-2004 a posibilidade de contarmos nos centros de ensino con persoas investigadoras de diversos ámbitos. Nesta ocasión, o departamento de lingua castelá organizou un encontro con María José Alonso Veloso, doutora en Filoloxía Hispánica, profesora na USC e especialista en Literatura Española do século XVII.  

A profesora Claudia Pérez envíanos un resumo desta actividade e algunha imaxe.

O luns 8 de abril recibimos a visita da profesora e investigadora María José Alonso Veloso a través do Programa A Ponte que busca conectar a realidade educativa do ensino secundario coa universidade.

Baixo o nome "Un siglo de Oro al margen: aproximación a la poesía escrita por mujeres", María José explicou aos grupos de 1º de bacharelato como o contexto histórico e cultural do século XVII en España foi un gran caldo de cultivo para o xurdimento de escritoras. Factores como o incremento do número de certames literarios, a taxa de alfabetización da poboación ou a proliferación de mecenas influíron positivamente na creación feminina.

O alumnado leu e comentou textos de autoras como María de Zayas, Ana Caro ou Cristobalina Fernández de Alarcón, reflexionando sobre a importancia do traballo de investigación e documentación da filoloxía para sacar á luz aqueles espazos da nosa historia que aínda quedan na penumbra.