No mes de maio o Equipo de Normalización Lingüística realizou varias actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas.
Aquí vos deixamos algunhas imaxes e o texto que a profesora Carme Pérez leu o pasado venres 23 de maio antes da actuación musical de Jaime Montero, Sofía Arce e Gabriel Arce, alumnos de 2º e de 3º de ESO.
![]() |
Obradoiro de chapas e de impresión 3D na aula de Polos Creativos |
Como sabedes, o pasado sábado 17 de maio, celebrouse o Día das Letras Galegas, unha data na
que se homenaxea a nosa lingua, o noso xeito de expresarnos, de sentir e de cantar. Desde aquela
1a vez en 1963, cando uns académicos intrépidos e ousados decidiron comemorar o centenario
da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro, cada 17 de maio temos unha
oportunidade para lembrar quen somos e, sobre todo, para agradecerlle a todas aquelas persoas
que mantiveron viva a nosa fala, a nosa cultura e a nosa música, mesmo en tempos convulsos e
duros nos que foi prohibida.
Este ano, aquí no noso instituto, decidimos facer unha homenaxe especial ás cantareiras. Pero...
quen son as cantareiras?
As cantareiras son mulleres, moitas veces anónimas, que durante séculos cantaron nas festas,
nos fiadeiros ou seráns, nos traballos do campo ou do mar, e nas rúas das vilas e aldeas. Coas
súas voces, gardaron e transmitiron as nosas tradicións, as nosas historias, os nosos sentimentos.
Sen elas, moitas das cancións populares galegas que coñecemos hoxe, teríanse perdido para
sempre.
As cantareiras non cantaban por fama nin por cartos. Cantaban porque era parte da súa vida, da
súa maneira de comunicarse e de compartir. Grazas a elas, hoxe temos un patrimonio musical
riquísimo, coas nosas muiñeiras, alalás, xotas, pandeiradas e tantas outras formas de música
tradicional que emocionan e nos unen.
A propia Rosalía, xa no seu Cantares gallegos as homenaxeou dándolle voz a aquela meniña
gaiteira, que recolle e canta as coplas máis populares da época:
Has de cantar,que che hei de dar zonchos,has de cantar,que che hei de dar moitos.Has de cantar,meniña gaiteira,has de cantar,que morro de pena.
Logo, con grupos máis contemporáneos como Leilía, Faltriqueira ou Tanxugueiras que seguen
dando voz a esas mulleres galegas cheas de forza, beleza e resistencia cultural.
Por iso, hoxe queremos darlle as grazas ás nosas avoas, bisavoas, e a todas as mulleres que
usaron a súa voz para manter acesa a chama da cultura galega como o fixeron tamén no seu
día as irmás Adolfina e Rosa Casás de Cerceda, Eva Castiñeira de Muxía e Manuela Lema,
Teresa García e Prudencia e Asunción Garrido, as pandereteiras de Mens, unha aldea de
Malpica.. Este é o seu día tamén.
Cantemos con elas, falemos coma elas, e sobre todo: escoitémolas.
Viva o galego.
Vivan as cantareiras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario