Esta semana o espírito do Nadal xa se sinte no noso instituto. O concurso de decoración de portas e aulas, o xogo de pistas do Apalpador e os ensaios previos ao festival deste venres espertaron a creatividade do noso alumnado.
Neste ambiente tan especial, e con esta última entrada no blog da Biblioteca, queremos despedir este 2025 lembrando a Jane Austen, que naceu un 16 de decembro de hai 250 anos en Hampshire, no sur de Inglaterra. Autora imprescindible da literarura universal, Jane Austen foi unha observadora excepcional da sociedade do seu tempo, aspecto que soubo retratar con agudeza e ironía nas súas obras mediante unha técnica narrativa innovadora.
Considerada na actualidade como unha escritora protofeminista, Austen, a través das súas personaxes femininas, fai unha reflexión da posición da muller na familia, critica de forma sutil o matrimonio como un mero mecanismo de supervivencia e retrata a diferenza de clases e os prexuízos da sociedade inglesa da súa época.
Aquí vos deixamos unha imaxe con algunhas obras en inglés e en castelán do noso fondo bibliográfico.
Feliz Nadal e felices lecturas!

No hay comentarios:
Publicar un comentario