Este 2025 celébrase o Ano Castelao, declarado así pola Xunta de Galicia co gallo do 75 aniversario do seu pasamento en Bos Aires. A iniciativa busca recoñecer a importancia de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, figura clave da cultura, arte, literatura e política galegas.
Castelao naceu en Rianxo en 1886. Foi médico de formación, mais destacou como escritor, debuxante, caricaturista e político galeguista. A súa vida estivo marcada polo compromiso coa súa terra, coa lingua galega e cos dereitos do pobo. No exilio en Arxentina publicou algunhas das súas obras máis coñecidas, entre elas o ensaio Sempre en Galiza (Bos Aires, 1944), considerado texto fundamental do galeguismo.
Ao longo de 2025 estanse a organizar en diversas institucións, museos e escolas actividades arredor da súa figura. No noso instituto sumámonos á conmemoración cunha exposición elaborada polo Departamento de Galego e que estes días se pode visitar na planta baixa. Dende a Biblioteca aportamos a esta mostra unha pequena selección de obras do noso fondo bibliográfico.
Velaquí algunha imaxe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario