O curso pasado varios departamentos organizaron actividades relacionadas coa Astronomía que podedes consultar nestas entradas do noso blog. Ademais, a final de curso, o agasallo para os integrantes do club de lectura As catro esquinas do Quinto foi unha visita didáctica ao Observatorio de A Veiga.
Daquela as propostas centráronse na observación de estrelas e constelacións. Este curso en cambio están en marcha dúas propostas interesantes, ambas enmarcadas nos proxectos educativos da Axencia Espacial Europea.
Ana López, do Dpto. de Educación Física está a participar co alumnado de 1º de ESO no programa internacional MissionX: Train like an astronaut. Cada curso escolar, de setembro a agosto, equipos de estudantes de ata 14 anos poden participar no Desafío Camiña cara a Lúa. Equipos de todo o mundo realizan as actividades da Misión X e envíanas vía Internet para gañar pasos. Os pasos de todos os participantes axudarán ás mascotas da misión, Lúa e Leo, a percorrer os 384 000km de distancia que separan a Lúa do Sol. As actividades propostas están relacionadas coa actividade física e os estilos de vida saudables.
Velaquí o mapa dos centros españois participantes e algunha imaxe do alumnado realizando algunha das actividades propostas.
E xa que falamos de entrenamento de astronautas, convidámosvos a descubrir En órbita con Thomas Pesquet (Norma Editorial, 2019), un divertido cómic de Marion Montaigne da nosa sección de Banda Deseñada que segue as peripecias do periodo de formación do astronauta francés Thomas Pesquet e da súa estadía a bordo da Estación Espacial Internacional.
Por outra banda, a profesora Paula Atrio, do Dpto. de Tecnoloxía, traballou co alumnado de 2º de ESO no deseño dun satélite dentro do desafío CanSat 2025, tamén da Axencia Espacial Europea.
O pasado 13 de abril, xunto con alumnos e alumnas doutros dous centros ourensáns, asistiron á fase rexional do desafío no aeródromo de Cerceda.
Galicia acollerá por primeira vez a fase final do programa. Centros de toda España lanzarán os seus satélites no Centro Integral de loita contra o lume en Toén os próximos 13 e 14 de maio. Representando a Galicia estará o equipo Gemini Polux do IES de Teis (Vigo), que resultou vencedor no concurso rexional.
Temos a honra de acoller no noso instituto xornada previa aos lanzamentos e o acto de entrega de premios.
No hay comentarios:
Publicar un comentario