viernes, 31 de mayo de 2024

Letras galegas 2024: Luísa Villalta

O Día das Letras Galegas celébrase dende 1963. Cada 17 de maio réndeselle homenaxe a algún autor ou autora que destaque pola súa produción literaria en lingua galega. 

En 2024 a Real Academia Galega decidiu dedicarlle este día a Luísa Villalta, escritora, filóloga, profesora e violinista nacida en A Coruña, que conta cunha variada obra en lingua galega en diversos xéneros: poesía, teatro, narrativa de ficción e ensaio. É a sexta muller en recibir este recoñecemeno. Antes as escollidas foron Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007), María Victoria Moreno (2018) e Xela Arias (2021).

Este curso o Equipo de Normalización Lingúistica en colaboración co Dpto. de Plástica montou unha exposición no instituto sobre a obra de Luísa, coa que se quixo destacar a súa faceta musical. Diversas ilustracións de instrumentos musicais realizadas polo alumnado locen nos paneis do vestíbulo do instituto. 

Tamén se convocou o concurso de fotografía Flora e Fauna, no que resultaron premiados os traballos de Christian García (2º ESO A), Pablo Estévez (1º bach A), Rebeca dos Santos (2º ESO A) e Leire Diéguez (2º ESO A).

A mostra dedicada ás nosas letras completouse cos carteis realizados polo CIFP Carballeira froito do concurso organizado pola Consellería de Cultura.

A parte musical correu a cargo de Amelia Domínguez, Hugo Quiroga e María Fernández de 3º ESO, que ofreceron o pasado 15 de maio un pequeno concerto durante o tempo de lecer.

Parebéns a todos e a todas polo traballo realizado.

Velaquí unha breve reportaxe fotográfica da exposición. 



lunes, 13 de mayo de 2024

De roteiro polas terras de Celanova

O pasado martes 7 de maio, o alumnado de 3º de ESO realizou un percorrido pola comarca de Celanova acompañado das profesoras de galego. Begoña Calvo envíanos este resumo e algunha imaxe da actividade. 

O departamento de Lingua galega e literatura promoveu co alumnado de 3ºESO a saída didáctica á vila de Celanova (Ourense) para comprobar in situ a pegada dalgúns dos nosos autores e dar unha visión retrospectiva da nosa historia. Visitamos a Casa dos Poetas, onde coñecimos a casa de Curros Enríquez e a súa vida e obra. Tamén salientamos ao poeta Celso Emilio Ferrreiro. 
Visitamos o Mosteiro, a capela mozárabe de san Miguel e asistimos a un concerto de órgano no Coro Alto. Puidemos visitar a biblioteca do IES Celanova, dentro do propio mosteiro, e un dos nosos alumnos agasallounos cun miniconcerto de piano. 
Pola tarde retrocedimos no tempo para visitar a vila medieval de Vilanova dos Infantes, subindo á torre e coñecendo a historia da lenda da Virxe do Cristal; tamén accedimos á enigmática cova de san VIvián. 
De alí trasladámonos ata o castro de Castromao, asentamento castrexo dos nosos ancestros, onde rematamos esta saída didáctica.





viernes, 3 de mayo de 2024

A ciencia ten premio

Hoxe, na BiblioFerro, queremos compartir con vós os éxitos que o noso alumno Hugo Arribas está acadando en varias feiras científicas da xeografía galega e española co proxecto Cold Vibes: Deseño e construción dun sistema refrixerado para o traslado de órganos.

Xunto a dous compañeiros doutros centros educativos, capitaneados por David Ballesteros das Aulas Tecnópole de Ourense, o traballo resultou galardonado co 1º premio na categoría de bacharelato na Open Science de Cambre (A Coruña) celebrada en setembro de 2023, co 2º premio ex-aequo na Exporecerca (Barcelona) celebrada do 6 ao 9 de marzo de 2024 e, máis recentemente, co 2º premio da categoría Teen Researchers en CinVigo celebrada os pasados 20 e 21 de abril na cidade de Vigo baixo a coordinación do Centro de Investigacións Biomédicas

O premio acadado en Barcelona permitiralles defender o seu deseño na Science_Expo de Bélxica en 2025.

Hugo no centro da imaxe.
Fotografía  tomada na CinVigo celebrada o 20 e o 21 de abril.
(Créditos: Marta G. Brea. Faro de Vigo 20/4/2024)

Nesta entrada falabamos da actividade Aula Newton organizada polo Parque Tecnolóxico de Galicia, actividade na que estes últimos cursos participa o alumnado de física e química de 4º de ESO. No curso 2021/2022 Hugo mostrou moito interese no programa educativo que alí se desenvolve e dende o verán de 2022 acode unha tarde á semana ás Aulas Tecnópole para formarse no mundo da investigación. Froito desta estupenda actividade en horario extraescolar, xorde o traballo que mencionamos e do que podedes ler aquí un resumo. 

Velaquí varios enlaces a diferentes medios de comunicación que recolleron  a nova deste fantástico proxecto. 

Antena 3 Noticias (set 2023)

La Voz de Galicia (set 2023)