viernes, 1 de marzo de 2024

Visita ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense

O Arquivo Histórico Provincial é un centro de titularidade estatal que dende 1989 xestiona a Comunidade Autónoma de Galicia. Na actualidade ten a súa sé nun relevante edificio, declarado Monumento Histórico-Artístico en 1923, que foi convento franciscano entre os séculos XIV e XV e cuartel de infantería entre 1840 e 1980. O edificio, recentemente remodelado segundo o proxecto do arquitecto Xosé Manuel Casabella, enmárcase no chamado Complexo Cultural San Francisco no que tamén se atopa a Biblioteca Pública Nós e o Auditorio Municipal.

A orixe do Arquivo remóntase a 1943 cando Xesús Ferro Couselo, daquela director do Arquivo de Facenda, impulsa a súa creación en aplicación do Decreto do 12 de novembro de 1931. Inicialmente instalouse nos locais da Delegación de Facenda ata que en 1964 se inaugurou a nova sé no antigo Pazo Episcopal, próximo á Praza Maior da cidade.  Non é ata 2020 cando os fondos se trasladan á ubicación actual que se inaugura oficialmente en 2022 baixo a dirección de Pablo Sánchez Ferro, neto de don Xesús.

O pasado 20 de febreiro o alumnado de 3º de ESO, acompañado de Claudia Pérez, Iago Saco e Miguel García, desfrutou dunha visita guiada ao antigo convento, visita coa que puido coñecer a historia da orde dos Franciscanos na cidade e a evolución do edificio, ao tempo que admirou a orixinalidade e beleza dos seus claustros gótico e barroco. A actividade completouse cun obradoiro de escritura medieval. 

A continuación podemos ver algunha imaxe da xornada.





No hay comentarios:

Publicar un comentario