martes, 27 de febrero de 2024

Un día con estrela: ciencia e literatura

O pasado 23 de febreiro celebramos no instituto o Día de Rosalía cunha exposición na que está presente tanto a literatura como a ciencia.

Dende 2019 a nosa Rosalía conta cunha estrela no ceo: a estrela Rosalíadecastro. Trátase dunha anana amarela situada a 240 anos luz de nós, na constelación de Ofiúco, arredor da que orbita o exoplaneta Riosar que ten un periodo orbital de tan só 4,1 días. A campaña para nomear a estrela HD149143 co nome da autora de Cantares Gallegos e Follas Novas foi iniciativa da Agrupación Astronómica Io de A Coruña.

A obra de Rosalía fai referencia en numerosas ocasións ao ceo nocturno. Aos membros do Equipo de Normalización Lingüística pareceunos boa idea seleccionar Poemas con estrela, elaborar estreliñas de papiroflexia e tamén construir un modelo en relevo da constelación Ofiúco co nome en Braille. Acompañouse esta mostra de varios carteis informativos, algúns de elaboración propia e outros descargados da páxina web da Agrupación Io.

O resultado do traballo realizado pódese ver nas seguintes imaxes.






viernes, 23 de febrero de 2024

Por San Valentín dame un verso

Febreiro non é só tempo de Entroido, tamén é o mes de San Valentín. Cada 14 de febreiro célebrase en distintas partes do mundo o Día dos namorados. 

Hai varias teorías sobre a orixe desta festividade, unha delas vincúlase co escritor medieval inglés Geoffrey Chaucer, famoso por Os contos de Canterbury. Algúns historiadores sinalan que foi a primeira persoa en asociar este día co amor no seu poema O Parlamento das Aves. 

Neste curso na BiblioFerro, como vedes, hai moita poesía. A temática do amor, tan presente na literatura, é unha ocasión perfecta para recitar poemas. 

É de agradecer que a nosa biblioteca vaia converténdose pouco a pouco nun lugar no que compartir experiencias arredor da lectura e, sobre todo, que vos acheguedes ata aquí para desfrutar delas.

De novo a profesora Claudia de lingua castelá, coa colaboración das compañeiras dos departamentos lingüísticos, foi a impulsora da actividade Por San Valentín dame un verso. 

Velaquí o resumo que ela mesma nos envía acompañado dalgunha imaxe.

O que a min o corazón no peito me arrebata
apenas te miro e entón non podo dicir xa palabra. 

O pasado venres celebramos o amor no Quinto. O alumnado de Literatura Universal decorou a entrada con "versos para levar" de distintos poetas que ao longo da historia, dende Safo, autora coa que iniciamos este texto, ata Shakespeare, intentaron reflectir en palabras a complexidade desde sentimento.

Foron moitos os alumnos e alumnas que se animaron a deixar as súas definicións do amor entre os poemas. 

Ademais, no tempo de lecer, xuntámonos na biblioteca para escoitar e recitar varios poemas propios e tamén das nosas escritoras e escritores favoritos.






 

martes, 20 de febrero de 2024

Entroido no Ferro

Un ano máis Videdirección organizou unha xornada lúdica para conmemorar a festividade do Entroido. 

O pasado venres 9 de febreiro baixo a temática Profesores de película, algúns compañeiros animáronse a participar nunha coreografía grupal. Membros de A familia Adams, unha representación de cine mudo, os Minions, Cazapantasmas, Barbie, Cruella de Vil ou o neno Elliot da película ET estiveron representados nesta divertida actividade. 

O alumnado, por aulas, participou no concurso de comparsas e coreografías, xa todo un clásico no Ferro. Desta vez o equipo gañador foi "Formulación" da aula de 4º ESO C. Disfrazados de membros de varias escuderías de Fórmula 1, chicos e chicas executaron diversos pasos de baile ao son de fragmentos de cancións actuais. A encargada de guiar e coordinar esta coreografía foi a alumna Fabiana Fuenmayor. Parabéns polo traballo realizado. 




Por outra banda, o Equipo de Normalización Lingüística en colaboración co Dpto. de Plástica animou ao alumnado a decorar máscaras de Entroido. Velaquí temos unha mostra dos traballos realizados:



Máscaras premiadas: Verónica Mora, Alexandre de la Torre e Sofía Arce