martes, 7 de octubre de 2025

Entre notas e emocións: descubrindo o teatro musical

O teatro musical é un xénero escénico que combina música, danza e diálogos para contar unha historia. Diferénciase doutras formas de teatro en que a música é parte fundamental da acción dramática. As personaxes expresan sentimentos, conflitos e decisións a través das cancións e das coreografías.

Moitas obras literarias foron adaptadas a teatro musical, chegando nalgúns casos a ter tanta fama coma o texto orixinal. Un dos exemplos máis destacados é West Side Story, que retoma a trama de Romeo e Xulieta de William Shakespeare, trasladándoa á Nova York dos anos 50.

O pasado 24 de setembro, o alumnado de 4º de ESO asistitu no Auditorio de Ourense ao musical Disneyland D´eiquí, interpretado maxistralmente polo alumnado do IES Taboada Chivite de Verín. Grazas a esta iniciativa, os rapaces e rapazas puideron achegarse a este xénero escénico que tivo como base diferentes películas de Disney, dende as cales se trataron temas de actualidade como o machismo, o empoderamento da muller ou a violencia. 

A actividade estivo organizada por segundo ano consecutivo polo Equipo de Normalización Lingüística, coa finalidade de poñer en valor a nosa lingua e de achegarse a diferentes manifestacións artísticas.

Velaquí algunha imaxe da representación e un enlace a un dos números representados: Un xenio tan xenial.




lunes, 6 de octubre de 2025

O club de lectura medra no curso 2025 - 2026

Neste novo curso académico, o club de lectura As catro esquinas do Quinto consolídase como un dos espazos máis dinámicos e participativos do centro. O noso alumnado de ESO e Bacharelato está a amosar un notable interese pola lectura, o que se reflicte na elevada participación nas distintas modalidades do club: lectura e valoración de obras da literatura galega, análise de obras en lingua española e club de divulgación científica.

Cómpre destacar a importancia das colaboracións con entidades externas que non fan máis que enriquecer o noso proxecto lector. Seguiremos compartindo lecturas e conversas cos usuarios do CIS Aixiña, ademais de participar de novo nas Tertulias Literarias organizadas polo Concello de Ourense. Ambas iniciativas contribúen a facer da lectura unha experiencia compartida e plural. 

Dende a biblioteca agradecemos a implicación de todo o alumnado participante e tamén a colaboración do profesorado dos departamentos de Lingua Galega, Lingua Castelá, Francés e Física e Química.

Velaquí algunhas imaxes da reunión inicial do noso club. 



martes, 30 de septiembre de 2025

2025: Ano Castelao

Este 2025 celébrase o Ano Castelao, declarado así pola Xunta de Galicia co gallo do 75 aniversario do seu pasamento en Bos Aires. A iniciativa busca recoñecer a importancia de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, figura clave da cultura, arte, literatura e política galegas. 

Imaxe de www.castelao2025.gal

Castelao naceu en Rianxo en 1886. Foi médico de formación, mais destacou como escritor, debuxante, caricaturista e político galeguista. A súa vida estivo marcada polo compromiso coa súa terra, coa lingua galega e cos dereitos do pobo. No exilio en Arxentina publicou algunhas das súas obras máis coñecidas, entre elas o ensaio Sempre en Galiza (Bos Aires, 1944), considerado texto fundamental do galeguismo.

Ao longo de 2025 estanse a organizar en diversas institucións, museos e escolas actividades arredor da súa figura. No noso instituto sumámonos á conmemoración cunha exposición elaborada polo Departamento de Galego e que estes días se pode visitar na planta baixa. Dende a Biblioteca aportamos a esta mostra unha pequena selección de obras do noso fondo bibliográfico.

Velaquí algunha imaxe.