viernes, 8 de marzo de 2024

Somos un pobo de mulleres

Co gallo da celebración do Día Internacional da Muller, o alumnado de 4º de ESO e de 1º de bacharelato participou o pasado 6 de marzo nunha saída cultural ao Auditorio de Ourense para asistir a representación teatral Insubmisas, dirixida por Marta Alonso e Pepe Domínguez. 

Esta obra explora os límites da liberdade individual e cuestiona a posibilidade feminina nunha sociedade rexida e relatada por homes.

Nos corredores e na entrada do instituto o Equipo de Normalización Linguística preparou a exposición Somos un pobo de mulleres, da que podemos ver aquí unha mostra. 

O departamento de Educación Física organizou o obradoiro de Introdución a técnicas de defensa persoal con Lorena Gómez e a exposición de deportistas femininas De niñas a leyendas

A continuación mostrámosvos algunha imaxe. Podedes ampliar información premendo aquí.  




Estes días un grupo de alumnos e alumnas 2º e 3º de ESO participa en Almería na terceira mobilidade do proxecto Camino de Santiago lleno de vida dentro do programa Agrupacións de Centros Educativos. Ana López envíanos dende alí esta imaxe co lema #aFERRateaOdíadamuller8M.


martes, 5 de marzo de 2024

Paleontoloxía: encontro con Adán Pérez

O IES Ferro Couselo incorporouse no curso 2023-2024 ao programa Aulas de Divulgación da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), programa no que participan tamén outros centros educativos da cidade. As actividades propostas abarcan varios aspectos da ciencia e consisten en conferencias e obradoiros prácticos dirixidos a estudantes de ESO e bacharelato.

Na primeira actividade deste curso, o alumnado de 4º de ESO asistiu á charla Paleontoloxía: conceptos e métodos da man do investigador doutor Adán Pérez García, paleontólogo da Facultade de Ciencias da UNED. Neste enlace podemos ler a extensa crónica que publica na súa páxina web o Centro Asociado UNED Ourense. 

Acompañou e presentou ao ponente o director deste centro, Jesús Manuel García Díaz, que uns días máis tarde visitou de novo o noso instituto para conversar co alumnado de 2º de bacharelato sobre as posibilidades educativas que ofrece a UNED, a forma de acceso, o método de estudio, etc. Aquí podemos acceder a máis información sobre esta actividade.

Imaxes do encontro con Adán Pérez o pasado 20 de febreiro

Charla con Jesús García o pasado 28 de febreiro

De novo, dende a BiblioFerro, recomendamos unha lectura do noso fondo bibliográfico, neste caso La vida contada por un sapiens a un neandertal (Alfaguara, 2020) de Juan José Millás e Juan Luis Arsuaga. Velaquí unha recensión desta obra.




viernes, 1 de marzo de 2024

Visita ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense

O Arquivo Histórico Provincial é un centro de titularidade estatal que dende 1989 xestiona a Comunidade Autónoma de Galicia. Na actualidade ten a súa sé nun relevante edificio, declarado Monumento Histórico-Artístico en 1923, que foi convento franciscano entre os séculos XIV e XV e cuartel de infantería entre 1840 e 1980. O edificio, recentemente remodelado segundo o proxecto do arquitecto Xosé Manuel Casabella, enmárcase no chamado Complexo Cultural San Francisco no que tamén se atopa a Biblioteca Pública Nós e o Auditorio Municipal.

A orixe do Arquivo remóntase a 1943 cando Xesús Ferro Couselo, daquela director do Arquivo de Facenda, impulsa a súa creación en aplicación do Decreto do 12 de novembro de 1931. Inicialmente instalouse nos locais da Delegación de Facenda ata que en 1964 se inaugurou a nova sé no antigo Pazo Episcopal, próximo á Praza Maior da cidade.  Non é ata 2020 cando os fondos se trasladan á ubicación actual que se inaugura oficialmente en 2022 baixo a dirección de Pablo Sánchez Ferro, neto de don Xesús.

O pasado 20 de febreiro o alumnado de 3º de ESO, acompañado de Claudia Pérez, Iago Saco e Miguel García, desfrutou dunha visita guiada ao antigo convento, visita coa que puido coñecer a historia da orde dos Franciscanos na cidade e a evolución do edificio, ao tempo que admirou a orixinalidade e beleza dos seus claustros gótico e barroco. A actividade completouse cun obradoiro de escritura medieval. 

A continuación podemos ver algunha imaxe da xornada.