Esta historia comezou hai miles de anos, cando as nosAs antepasadAs miraron cara o ceo e observaron o Sol, a Lúa e as estrelas. Durante anos, outras mulleres seguiron observando o universo facendo interesantes e importantes descubrimentos.
Vas iniciar unha viaxe da man destas mulleres que te levará a descubrir moitos dos misterios da Astronomía que elas desvelaron con bravurA, Alegría e Afán.
Con este texto comeza a exposición virtual AstrónomAs, centrada en máis de trescentas mulleres dedicadas ao estudo da Astronomía e da Astrofísica e que traballan nalgún dos catorce temas arredor dos que se estrutura a mostra, entre eles, os cúmulos estelares, a física de astropartículas e a cosmoloxía.
Exemplo de cartel. |
Estes días podemos visitar nos corredores do instituto o formato físico imprimible desta exposición, que xorde como unha continuación de Con A de AstrónomAs nacida no Ano Internacional da Astronomía 2009 e que percorreu durante doce anos museos e centros educativos de todo o país.
A renovación daquela existosa mostra foi realizada por un equipo interdisciplinar de profesionais de diferentes ámbitos, coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a Sociedade Española de Astronomía (SEA).
Con esta exposición continuamos as actividades do proxecto Camiño de Santiago cheo de vida, no que participan as profesoras Ana López, Salud Gago, Ana Reboiro e María José González, xunto con profesorado de centros de Almería, Tenerife e Murcia.
Este curso, no noso instituto, ademais de traballar co alumnado aspectos do patrimonio histórico, cultural e natural das vilas polas que transcorre o Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia de Ourense, realizaremos varias actividades arredor da astronomía e do Camiño das estrelas.
Nesta ocasión, o alumnado de 2º e de 3º de ESO resolveu un tríptico-cuestionario sobre a exposición AstrónomAs. Tivo que ler polo miúdo e seleccionar a información dos paneis, redactar correctamente as respostas e tamén indagar no formato virtual da exposición. En definitiva, unha completa actividade ALFIN da que queremos deixar constancia na Biblioferro.
Os carteis da exposición e as unidades didácticas que a acompañan pódense descargar para a súa impresión aquí.
Imaxes da mostra |
Alumnado de 2º da ESO resolvendo o cuestionario |
Lecturas recomendadas |
No hay comentarios:
Publicar un comentario