viernes, 29 de noviembre de 2024

Encontros científicos polo "Mes da Ciencia"

O alumnado de 1º de bacharaleto asistiu o pasado luns 25 de novembro a unha charla impartida por Fernando Veiga López, doutor en Mecánica de Fluidos pola Universidade Carlos III de Madrid e profesor na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo no Campus de Ourense. 

Na súa intervención presentou o plan de estudos do Grao en Enxeñaría Aeroespacial, que comezou a impartirse na nosa cidade no curso 2016/2017, titulación coa que se forma a futuros profesionais que se ocuparán do deseño, construción, mantemento e mellora de aeronaves e vehículos espaciais, así como de todo o equipamento, subsistemas e infraestructuras que requiren.

Ademais, Fernando Veiga presentou os proxectos de investigación nos que está implicado o alumnado deste grao así como as oportunidades laborais ás que se pode optar con estes estudos.

Imaxes do encontro con Fernando Veiga (25/11/24)

Tameń o alumnado de ciencias de 1º de bacharetalo participou o xoves 28 de novembro no obradoiro Tira á ruleta: ¿xogamos coa química? impartido por María Luisa Rojas Cervantes e Rosa María Martín Aranda, ambas Catedráticas de Universidade no Dpto. de Química Inorgánica e Química Técnica da Facultade de Ciencias da UNED. 

Nesta actividade achegámonos á táboa periódica dunha forma lúdica. Aprendemos  a historia que hai detrás dalgúns elementos químicos, coñecemos algunhas mulleres destacadas no campo das ciencias, realizamos algún experimento químico e rematamos a xornada cun xogo interactivo.

Esta sesión foi posible grazas á participación do noso instituto nas Aulas de Divulgación da UNED dende o pasado curso. 

Velaquí a crónica que o Centro Asociado Uned Ourense publicou con motivo desta actividade.

Alumnado de 1º de bach participando nos
experimentos propostos (28/11/24)




miércoles, 27 de noviembre de 2024

25N

Bárbara de Carranza morreu nunha praza de Ourense en 1570 asasinada polo seu marido Alonso de Piñeiro. O documento notarial de Fernán Pérez de Lemos e que se conserva no Arquivo Histórico da cidade recolle este caso de violencia machista, un dos máis antigos rexistrados. A súa relevancia no contexto da loita contra a violencia de xénero é a base da mostra que estes días e ata fin de ano se pode visitar nas instalacións do Arquivo. 

Este caso do século XVI fainos tomar conciencia como sociedade sobre a violencia contra as mulleres, unha problemática que trascende fronteiras, culturas e épocas e que reflicte un desequilibrio de poder nas estruturas sociais. 

Para sensibilizar a toda a comunidade educativa sobre a violencia de xénero, o alumnado de ESO durante as sesións de titoría elaborou un mural colaborativo que podedes visitar no vestíbulo da planta soto. Por grupos, escolleron diversas mensaxes e imaxes que plasmaron en globos e que xuntos formaron unha especie de graffiti ao estilo Banksy.

Mural polo 25N. Actividade impulsada
por Vicedirección

Pilar Fernández, coordinadora do Equipo de Biblioteca, creou tres modelos de marcapáxinas que estiveron expostos no vestíbulo da planta baixa. A aceptación por parte da comunidade educativa foi espectacular pois ao final da mañá tan só quedaban uns cantos exemplares.

Marcapáxinas

O Equipo de Normalización Lingüística seleccionou varias obras literarias de autoras como María Reimóndez ou Antía Yáñez e montou unha pequena exposición no taboleiro Aférrate ao galego. Tamén nas sesións de titoría algúns grupos decoraron as portas e as paredes. Velaquí algunha imaxe de ambas mostras.

Taboleiro Aférrate ao galego con motivo do 25N

Aula de 3º ESO B

Encontro con Antía Yáñez

O pasado mércores 13 de novembro visitou o noso centro Antía Yañez (Burela, 1991). Enxeñeira de camiños de formación e escritora de profesión, Antía Yáñez conta con sete obras e varios premios no últimos anos.  

Reuniuse co alumnado de 1º de ESO para falar sobre a súa primeira novela O misterio de Portomarín (2016). Cos grupos de 1º de bacharelato afondou sobre Senlleiras, publicada en 2018 e pola que recibiu o Premio Narrativa Illa Nova. Esta novela, que vai dirixida a un público máis adulto, trata temas de actualidade como as redes sociais, a soidade e a violencia de xénero. Ambas obras forman parte das lecturas propostas polas profesoras do Dpto. de Lingua Galega e impulsoras desta actividade.





 

viernes, 22 de noviembre de 2024

Mes da ciencia: a herdanza de San Alberto Magno

En novembro celébrase o Mes da Ciencia, unha boa  oportunidade para achegar as disciplinas científicas á cidadanía, poñendo en valor o labor dos investigadores e fomentando a curiosidade e o pensamento crítico en todas as idades. 

A elección deste mes non é casual. Cada 15 de novembro conmemórase a festa de San Alberto Magno, patrón dos científicos e das facultades de ciencias. Foi un filósofo, teólogo e científico do século XIII que destacou pola súa capacidade para unir a fe e a razón, e polo seu interese en múltiples disciplinas como a bioloxía, a astronomía, a xeografía e a alquimia. 

A ciencia tamén ocupa un espazo destacado na literatura galega. Moitos escritores e poetas atoparon inspiración nas marabillas do mundo natural. Na BiblioFerro escollemos os primeiros versos de Carta ás estrelas de Manuel María, pertencente ao poemario Remol (1970) e que podedes ler completo aquí. O asombro  fronte a inmensidade da noite e a lonxanía das estrelas é un sentimento compartido cos científicos cando intentar descifrar os segredos do cosmos. 

Dende este mundo vello e canso
contémplovos, altas estrelas;
flores máxicas, abertas
no gran prado da noite;
soños perdidos no espacio,
irmaos dos soños meus,
dos meus anceios.
Escríbovos en verso coa esperanza 
de que chegue a vós a miña voz:
un chío a penas perceptíbel.

Nestas datas de outono, e con motivo do Mes da Ciencia, institucións, bibliotecas e centros educativos de todo o país organizan diversas actividades de corte científico. No noso instituto os departamentos de ciencias, como cada curso, tamén se suman a esta iniciativa, nesta ocasión con seis propostas que vos resumimos a continuación. 

Esta semana tivo lugar na biblioteca a primeira xuntanza do Club de Lectura de Ciencias que organiza o Dpto. de Física e Química. Falamos da Estación Espacial Internacional, dos aditivos alimentarios, do rendemento físico dos deportistas e das pseudociencias.



Nos corredores do centro pódese visitar ata fin de mes a exposición Exxperimenta en femininounha proposta do dpto de bioloxía e da que xa desfrutamos hai varios cursos. A mostra fai un percorrido polo traballo realizado por varias científicas de distintos campos como Isabel Zendal, Margarita Salas ou Antonia Ferrín. O alumnado realizará en grupos un xogo de pistas baseado na información dos carteis.



Tamén esta semana o alumnado de 4º de ESO de física e química visitou un ano máis a Aula Newton da Tecnópole para participar nunha misión de rescate. Empregaron a física e as matemáticas para elaborar unha carta de navegación, demostraron ter boas habilidades para a difícil tarefa de manexar un simulador de voo e moita imaxinación para resolver un reto tecnolóxico.

Imaxes da xornada tomadas na Aula Newton (21/11/24)


O próximo luns 21 de novembro o alumnado de 1º de bacharelato de matemáticas participará nun encontro con Fernando Veiga López, doutor en Mecánica de Fluidos pola Universidade Carlos III e profesor na Escola de Enxeñaría  Aeronáutica e do Espazo no Campus de Ourense.

Imaxe de UVigo

Tamén na próxima semana, o 28 de novembro, o alumnado de 1º de bacharelato que cursa a materia de física e química achegarase á táboa periódica dunha forma lúdica co obradoiro Tira á ruleta: ¿xogamos coa química?. Esta actividade é posible grazas á participación do noso centro por segundo ano consecutivo nas actividades das Aulas de Divulgación da UNED.

Imaxe da actividade do curso pasado

E como peche das actividades do Mes da Ciencia, o alumnado da materia de Proxecto Competencial de 2º de ESO visitará o Parque Botánico de Montealegre. Como complemento ao traballo que os estudantes están a realizar na clase arredor dos Espazos Naturais, participarán na actividade Bosque, unha das propostas dos Programas Educativos do Concello de Ourense. 




viernes, 15 de noviembre de 2024

O San Martiño no Ferro

A festividade do magosto ten as súas orixes nas antigas celebracións do final da colleita, cando as comunidades rendían homenaxe aos antepasados e agradecían a abundancia de castañas, froito básico na alimentación galega. Simboliza a unión entre os vivos e os mortos, así como o vínculo coa natureza e co ciclo da Terra. 

Son múltiples as referencias ao magosto na poesía galega. A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda ofrece neste artigo unha selección de poemas arredor das castañas, os ourizos, as crocas ou os zonchos. 

O pasado venres 8 de novembro conmemoramos no noso instituto esta festa tradicional tan arraigada na nosa provincia.  Vicedirección, a ANPA e o departamento de Educación Física organizaron diversas actividades nas que se involucrou especialmente a rapazada de cuarto de ESO. 

Velaquí algunha fotografía da xornada:

Tiro da corda

Carreira de sacos

A mariola

A chave

Carteis elaborados polo alumnado
coas instrucións dos xogos

lunes, 4 de noviembre de 2024

Samaín 2024

Anxel Fole  remataba así o seu relato Terra do Caurel, un dos quince que forman a obra A lus do candil, publicada en 1953:      

      As noites de inverno soio son boas pra os trasgos, pra as meigas, pra os lobos… E pra quen escoita contos de medo sentindo rombalo vento. 

Meigas e outras criaturas terroríficas encheron as portas, corredores e aulas do noso centro para celebrar o Samaín.  Velaquí unha breve reportaxe fotográfica e tamén a nosa proposta de lecturas para pasar unha noite de medo.                                                                          

Cabaza gañadora do concurso convocado polo EDNL.
Verónica Sofía Paz.

Disfraces e decoración dos corredores.

Decoración de portas

Selección de historias terroríficas en varias linguas.

Sofía, Celtia e Clarisa foron as gañadoras do concurso de
microrrelatos  de medo e de carteis terroríficos organizado
polo EDNL