viernes, 30 de mayo de 2025

Foliada das letras

No mes de  maio o Equipo de Normalización Lingüística realizou varias actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas

Aquí vos deixamos algunhas imaxes e o texto que a profesora Carme Pérez leu o pasado venres 23 de maio antes da actuación musical de Jaime Montero, Sofía Arce e Gabriel Arce, alumnos de 2º e de 3º de ESO.

Decoración de pandeiretas



Actuación dos músicos do Ferro


Obradoiro de chapas e de impresión 3D
na aula de Polos Creativos

Como sabedes, o pasado sábado 17 de maio, celebrouse o Día das Letras Galegas, unha data na que se homenaxea a nosa lingua, o noso xeito de expresarnos, de sentir e de cantar. Desde aquela 1a vez en 1963, cando uns académicos intrépidos e ousados decidiron comemorar o centenario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro, cada 17 de maio temos unha oportunidade para lembrar quen somos e, sobre todo, para agradecerlle a todas aquelas persoas que mantiveron viva a nosa fala, a nosa cultura e a nosa música, mesmo en tempos convulsos e duros nos que foi prohibida. 

Este ano, aquí no noso instituto, decidimos facer unha homenaxe especial ás cantareiras. Pero... quen son as cantareiras? 

As cantareiras son mulleres, moitas veces anónimas, que durante séculos cantaron nas festas, nos fiadeiros ou seráns, nos traballos do campo ou do mar, e nas rúas das vilas e aldeas. Coas súas voces, gardaron e transmitiron as nosas tradicións, as nosas historias, os nosos sentimentos. Sen elas, moitas das cancións populares galegas que coñecemos hoxe, teríanse perdido para sempre.

As cantareiras non cantaban por fama nin por cartos. Cantaban porque era parte da súa vida, da súa maneira de comunicarse e de compartir. Grazas a elas, hoxe temos un patrimonio musical riquísimo, coas nosas muiñeiras, alalás, xotas, pandeiradas e tantas outras formas de música tradicional que emocionan e nos unen. 

A propia Rosalía, xa no seu Cantares gallegos as homenaxeou dándolle voz a aquela meniña gaiteira, que recolle e canta as coplas máis populares da época:

Has de cantar, 
que che hei de dar zonchos, 
has de cantar, 
que che hei de dar moitos. 

Has de cantar, 
meniña gaiteira, 
has de cantar, 
que morro de pena. 

Logo, con grupos máis contemporáneos como Leilía, Faltriqueira ou Tanxugueiras que seguen dando voz a esas mulleres galegas cheas de forza, beleza e resistencia cultural. 

Por iso, hoxe queremos darlle as grazas ás nosas avoas, bisavoas, e a todas as mulleres que usaron a súa voz para manter acesa a chama da cultura galega como o fixeron tamén no seu día as irmás Adolfina e Rosa Casás de Cerceda, Eva Castiñeira de Muxía e Manuela Lema, Teresa García e Prudencia e Asunción Garrido, as pandereteiras de Mens, unha aldea de Malpica.. Este é o seu día tamén. 

Cantemos con elas, falemos coma elas, e sobre todo: escoitémolas.
Viva o galego. 
Vivan as cantareiras.

lunes, 19 de mayo de 2025

Mercado de libros con sabor solidario

Na semana do 12 ao 16 de maio organizouse dende a biblioteca un mercado solidario de libros na planta baixa do centro.

Ao longo do segundo trimestre toda a comunidade educativa donou exemplares en galego e en castelán de literatura infantil, xuvenil e para adultos abarcando diversos xéneros, incluíndo tamén algún título de divulgación científica. 

O alumnado voluntario que colabora no tempo de lecer e os membros do equipo de biblioteca participaron activamente na venda, logrando reacudar 187 euros que serán destinados ao Banco de Alimentos de Ourense.

Velaquí algunha imaxe da nosa particular librería.









jueves, 15 de mayo de 2025

Jules Verne e a maxia da Bretaña Francesa

En 2025 conmemóranse os 120 anos da morte de Jules Verne (1828-1905), un dos grandes visionarios da literatura universal. Autor de obras inesquecibles como Cinco semanas en globo (1863), Viaxe ao centro da Terra (1864), Vinte mil leguas de viaxe submariña (1870) ou A volta ao mundo en oitenta días (1872)Verne é considerado un pioneiro do xénero de ciencia-ficción e un referente na literatura de aventuras. A súa imaxinación forxouse en Nantes, a súa cidade natal, localidade da rexión da Bretaña Francesa.

Alǵuns títulos de Jules Verne do noso fondo de libros.

A Bretaña, ademáis da súa conexión con Verne, é unha rexión rica en tradicións e sabores. Un dos seus emblemas culinarios máis coñecidos son as crêpes, finas tortas feitas con fariña de trigo que se poden servir doces ou salgadas. Aínda que hoxe se atopan por toda Francia, a súa orixe remóntase ás cociñas campesiñas francesas nas que era un alimento básico. 

Como cada ano, o departamento de Francés organizou un Concurso de crêpes  que contou cunha ampla participación de alumnado de todos os crusos de ESO. O xurado, integrado por diversos membros da comunidade educativa, decidiu que as delicias gañadoras fosen as elaboradas por  Alba Fernández e Silvia Estévez na categoría de 1º de ESO, Noa Atanes e África Rivo en 2º de ESO e Paula González en 3º de ESO. 

Velaquí algunha imaxe: