lunes, 2 de marzo de 2026

Día de Rosalía

O Día de Rosalía é unha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego. Cada 23 de febreiro, coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro en 1837, bibliotecas, centros de ensino e asociacións culturais réndenlle unha homenaxe á que é considerada unha das figuras máis importantes da literarura galega. 

No IES Ferro Couselo sumámonos a esta iniciativa coa exposición Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!!, unha actividade proposta polo Equipo de Dinamización Lingüística e elaborada a partir do material dispoñible neste enlace.

Imaxe dun dos vinte paneis da mostra.

O alumnado de todos os cursos de ESO, ao tempo que percorreu a mostra, tivo que indagar na información dos paneis para resolver un tríptico-cuestionario.

Portada do tríptico cuestionario (elaboración propia)

Imaxes da exposición.

Tamén se montou no vestíbulo da planta baixa unha pequena mostra de obras do noso fondo bibliográfico.

Mostra de libros





martes, 24 de febrero de 2026

Cara a igualdade na ciencia: 11 de febreiro

Cada 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, data proposta o 15 de decembro de 2015 na Asamblea Xeral das Nacións Unidas. Dende entón e cada ano, persoas do ámbito científico e de xeito totalmente voluntario participan nesta conmemoracíon, que ten como propósito principal visibilizar o traballo das mulleres nas áreas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). Deste xeito, preténdense crear referentes femininos para a infancia e a mocidade que axuden a que máis nenas e mozas elixan estas disciplinas como o seu camiño profesional. 

No noso instituto cada curso sumámonos a este movemento con diversas propostas que organizamos dentro e fóra do centro. 

O alumnado de 3º de ESO, nunha actividade impulsada polo departamento de física e química, participou o pasado 6 de febreiro na 8ª edición das Xornadas Ciencia e Tecnoloxía en feminino no Parque Tecnolóxico de Galicia

O día comezou cun achegamento ao traballo que se realiza en Galicia no sector da madeira grazas á charla impartida por Esther Merlo, Enxeñeira de Montes con máis de 20 anos de experiencia na investigación e innovación tecnolóxica neste ámbito. Despois dunha visita á exposición "Mulleres que cambiaron o mundo", as nosas alumnas e alumnos participaron nun divertido obradoiro sobre os sentidos, impartido pola Enxeñeira Biomédica Iria Ollero, quen tamén se encargou de guiar un Escape Room científico baseado na figura de Hedy Lamarr, actriz de Hollywood e inventora dun sistema de comunicación precursor do wifi. 

Velaquí algunhas imaxes: 

Presentación das xornadas e charla
con Esther Merlo

Obradoiro sobre os sentidos

Escape Room 

O alumnado de 3º de ESO que cursa a materia de Proxecto Competencial asistiu este luns 23 de feb á charla "A túa cociña está chea de química e é sa", impatida por Ángeles Peña Gallego, Decana da Facultade de Química da Universidade de Vigo. Esta actividade, proposta polo departamento de física e química, enlaza co tema que se está a traballar na aula este curso: explorando a química dos alimentos e da cociña. 

Aprendemos a facer esferificacións: técnica gastronómica
que encapsula líquidos en membranas xelatinosas. 

Tamén durante a semana do 9 ao 13 de febreiro o alumnado de 1º de ESO participou nun xogo de pistas na biblioteca organizado polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía. 


Para acompañar esta actividade, o Equipo de Biblioteca montou unha pequena exposición con diversos títulos do noso fondo bibliográfico: algunha novela de aventuras de corte científico, libros de divulgación científica escritos por mulleres e pequenas biografías de mulleres relevantes na historia da ciencia. Convidámosvos a mergullarvos nalgunha destas lecturas.





viernes, 19 de diciembre de 2025

Lembrando a Jane Austen no Nadal

Esta semana o espírito do Nadal xa se sinte no noso instituto. O concurso de decoración de portas e aulas, o xogo de pistas do Apalpador e os ensaios previos ao festival deste venres espertaron a creatividade do noso alumnado. 

Neste ambiente tan especial, e con esta última entrada no blog da Biblioteca, queremos despedir este 2025 lembrando a Jane Austen, que naceu un 16 de decembro de hai 250 anos en Hampshire, no sur de Inglaterra. Autora imprescindible da literarura universal, Jane Austen foi unha observadora excepcional da sociedade do seu tempo, aspecto que soubo retratar con agudeza e ironía nas súas obras mediante unha técnica narrativa innovadora.

Considerada na actualidade como unha escritora protofeminista, Austen, a través das súas personaxes femininas, fai unha reflexión da posición da muller na familia, critica de forma sutil o matrimonio como un mero mecanismo de supervivencia e retrata a diferenza de clases e os prexuízos da sociedade inglesa da súa época.

Aquí vos deixamos unha imaxe con algunhas obras en inglés e en castelán do noso fondo bibliográfico.

Feliz Nadal e felices lecturas!