viernes, 30 de mayo de 2025

Foliada das letras

No mes de  maio o Equipo de Normalización Lingüística realizou varias actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas

Aquí vos deixamos algunhas imaxes e o texto que a profesora Carme Pérez leu o pasado venres 23 de maio antes da actuación musical de Jaime Montero, Sofía Arce e Gabriel Arce, alumnos de 2º e de 3º de ESO.

Decoración de pandeiretas



Actuación dos músicos do Ferro


Obradoiro de chapas e de impresión 3D
na aula de Polos Creativos

Como sabedes, o pasado sábado 17 de maio, celebrouse o Día das Letras Galegas, unha data na que se homenaxea a nosa lingua, o noso xeito de expresarnos, de sentir e de cantar. Desde aquela 1a vez en 1963, cando uns académicos intrépidos e ousados decidiron comemorar o centenario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro, cada 17 de maio temos unha oportunidade para lembrar quen somos e, sobre todo, para agradecerlle a todas aquelas persoas que mantiveron viva a nosa fala, a nosa cultura e a nosa música, mesmo en tempos convulsos e duros nos que foi prohibida. 

Este ano, aquí no noso instituto, decidimos facer unha homenaxe especial ás cantareiras. Pero... quen son as cantareiras? 

As cantareiras son mulleres, moitas veces anónimas, que durante séculos cantaron nas festas, nos fiadeiros ou seráns, nos traballos do campo ou do mar, e nas rúas das vilas e aldeas. Coas súas voces, gardaron e transmitiron as nosas tradicións, as nosas historias, os nosos sentimentos. Sen elas, moitas das cancións populares galegas que coñecemos hoxe, teríanse perdido para sempre.

As cantareiras non cantaban por fama nin por cartos. Cantaban porque era parte da súa vida, da súa maneira de comunicarse e de compartir. Grazas a elas, hoxe temos un patrimonio musical riquísimo, coas nosas muiñeiras, alalás, xotas, pandeiradas e tantas outras formas de música tradicional que emocionan e nos unen. 

A propia Rosalía, xa no seu Cantares gallegos as homenaxeou dándolle voz a aquela meniña gaiteira, que recolle e canta as coplas máis populares da época:

Has de cantar, 
que che hei de dar zonchos, 
has de cantar, 
que che hei de dar moitos. 

Has de cantar, 
meniña gaiteira, 
has de cantar, 
que morro de pena. 

Logo, con grupos máis contemporáneos como Leilía, Faltriqueira ou Tanxugueiras que seguen dando voz a esas mulleres galegas cheas de forza, beleza e resistencia cultural. 

Por iso, hoxe queremos darlle as grazas ás nosas avoas, bisavoas, e a todas as mulleres que usaron a súa voz para manter acesa a chama da cultura galega como o fixeron tamén no seu día as irmás Adolfina e Rosa Casás de Cerceda, Eva Castiñeira de Muxía e Manuela Lema, Teresa García e Prudencia e Asunción Garrido, as pandereteiras de Mens, unha aldea de Malpica.. Este é o seu día tamén. 

Cantemos con elas, falemos coma elas, e sobre todo: escoitémolas.
Viva o galego. 
Vivan as cantareiras.

lunes, 19 de mayo de 2025

Mercado de libros con sabor solidario

Na semana do 12 ao 16 de maio organizouse dende a biblioteca un mercado solidario de libros na planta baixa do centro.

Ao longo do segundo trimestre toda a comunidade educativa donou exemplares en galego e en castelán de literatura infantil, xuvenil e para adultos abarcando diversos xéneros, incluíndo tamén algún título de divulgación científica. 

O alumnado voluntario que colabora no tempo de lecer e os membros do equipo de biblioteca participaron activamente na venda, logrando reacudar 187 euros que serán destinados ao Banco de Alimentos de Ourense.

Velaquí algunha imaxe da nosa particular librería.









jueves, 15 de mayo de 2025

Jules Verne e a maxia da Bretaña Francesa

En 2025 conmemóranse os 120 anos da morte de Jules Verne (1828-1905), un dos grandes visionarios da literatura universal. Autor de obras inesquecibles como Cinco semanas en globo (1863), Viaxe ao centro da Terra (1864), Vinte mil leguas de viaxe submariña (1870) ou A volta ao mundo en oitenta días (1872)Verne é considerado un pioneiro do xénero de ciencia-ficción e un referente na literatura de aventuras. A súa imaxinación forxouse en Nantes, a súa cidade natal, localidade da rexión da Bretaña Francesa.

Alǵuns títulos de Jules Verne do noso fondo de libros.

A Bretaña, ademáis da súa conexión con Verne, é unha rexión rica en tradicións e sabores. Un dos seus emblemas culinarios máis coñecidos son as crêpes, finas tortas feitas con fariña de trigo que se poden servir doces ou salgadas. Aínda que hoxe se atopan por toda Francia, a súa orixe remóntase ás cociñas campesiñas francesas nas que era un alimento básico. 

Como cada ano, o departamento de Francés organizou un Concurso de crêpes  que contou cunha ampla participación de alumnado de todos os crusos de ESO. O xurado, integrado por diversos membros da comunidade educativa, decidiu que as delicias gañadoras fosen as elaboradas por  Alba Fernández e Silvia Estévez na categoría de 1º de ESO, Noa Atanes e África Rivo en 2º de ESO e Paula González en 3º de ESO. 

Velaquí algunha imaxe: 






O Club de lectura traballando na Radio Escolar

O alumnado do Club de lectura de 3º de ESO, baixo a supervisión da profesora Almudena de Lingua Castelá, realizou un podcast para Radio Onda Ferro sobre a obra Campos de fresas (Ed. SM, 1997) do recoñecido autor de literatura infantil e xuvenil Jordi Sierra i Fabra.

Podedes escoitar o resultado deste fantástico traballo aquí.




Sinopse

Luciana es una joven que ha tomado una decisión equivocada y está pagando las consecuencias de sus actos. Sus amigos intentarán ayudarla para que pueda corregir ese terrible error. ¿Podrá la joven disponer de una segunda oportunidad y tomar las riendas de su vida? Una estremecedora historia sobre los peligros que acechan a los jóvenes de hoy.

miércoles, 14 de mayo de 2025

Educación para a saúde

A educación para a saúde é un elemento esencial no currículo educativo, pois contribúe a fomentar estilos de vida saudables e actitudes responsables no alumnado dende idades temperás. O enfoque transversal da saúde dende todas as áreas de coñecemento fai que sexa habitual que se organicen diversas actividades arredor dela nos centros educativos. 

Recentemente, o noso alumnado de ESO asistiu a unha serie de charlas nas que se abordaron cuestións tan relevantes como a educación sexual, a prevención no consumo de alcohol, a importancia do coidado do pé na práctica deportiva e os primeiros auxilios.

Velaquí algunha imaxe destas actividades e as nosas lecturas recomendadas.

O alumnado de 2º e 3º de ESO asistiu a un obradoiro 
impartido por Laura Dapía (Fundación Alcohol e Sociedade).

Alumnado de 4º de ESO participando no Programa
Educativo "Coñécete" do Concello de Ourense.

Alumnado de 2º de ESO na charla de Francisco Alonso Tajes
"Os pés no deporte: unha visión  científica dun podólogo
namorado do deporte".

Alumnado de 2º de ESO nun obradoiro de primeiros auxilios
para saber como enfrontarse a unha situación de emerxencia.


viernes, 9 de mayo de 2025

Alberto Mancebo nas Tertulias Literarias

Un ano máis un grupo de alumnos e alumnas do Club de lectura, acompañados das profesoras de galego Carme e Maribel, asistiu na tarde do 3 de abril no Liceo ao Ciclo de Tertulias Literarias para estudantes que organiza o Concello e a Diputación de Ourense. 

O escritor e periodista Alberto Mancebo presentou a súa última obra Indolente (Ed. Xerais, 2024) e abriu un debate posterior co alumnado e profesorado asistente.

Velaquí algunha imaxe.




Sinopse

Estamos no ano 2041 e o Ministerio da Presidencia acaba de emitir un comunicado para alertar a cidadanía dunha gran tormenta xeomagnética causada por unha erupción solar que afectará o planeta nas próximas horas. Este contundente fenómeno atmosférico xa sucedera sete anos antes, con intensas auroras boreais atravesando o ceo de todo o mundo e con fallos xeneralizados nos sistemas de comunicación e de subministración eléctrica. Nora lembra agora aquela situación límite, mentres intenta cargar o seu coche nunha electrolineira de Negreira para chegar a Santiago canda a súa muller e as súas fillas cos equipos de urxencia que lles poden salvar a vida. Mais a viaxe non será doada. 

Alberto Mancebo crea unha poderosa e inquietante narración cunha atmosfera hipnótica e abafante para enfrontarnos a unha historia de ameazas climáticas que sitúan os personaxes nun escenario agónico e ante a necesidade de se decidiren entre a solidariedade ou a supervivencia individual.

jueves, 1 de mayo de 2025

Astronomía e exploración espacial no Ferro

O curso pasado varios departamentos organizaron actividades relacionadas coa Astronomía que podedes consultar nestas entradas do noso blog. Ademais, a final de curso, o agasallo para os integrantes do club de lectura As catro esquinas do Quinto foi unha visita didáctica ao Observatorio de A Veiga. 

Daquela as propostas centráronse na observación de estrelas e constelacións. Este curso en cambio están en marcha dúas propostas interesantes, ambas enmarcadas nos proxectos educativos da Axencia Espacial Europea. 

Ana López, do Dpto. de Educación Física está a participar co alumnado de 1º de ESO no programa internacional MissionX: Train like an astronaut. Cada curso escolar, de setembro a agosto, equipos de estudantes de ata 14 anos poden participar no Desafío Camiña cara a Lúa. Equipos de todo o mundo realizan as actividades da Misión X e envíanas vía Internet para gañar pasos. Os pasos de todos os participantes axudarán ás mascotas da misión, Lúa e Leo, a percorrer os 384 000km de distancia que separan a Lúa do Sol. As actividades propostas están relacionadas coa actividade física e os estilos de vida saudables.

Velaquí o mapa dos centros españois participantes e algunha imaxe do alumnado realizando algunha das actividades propostas. 





E xa que falamos de entrenamento de astronautas, convidámosvos a descubrir En órbita con Thomas Pesquet (Norma Editorial, 2019), un divertido cómic de Marion Montaigne da nosa sección de Banda Deseñada que segue as peripecias do periodo de formación do astronauta francés Thomas Pesquet e da súa estadía a bordo da Estación Espacial Internacional. 



Por outra banda, a profesora Paula Atrio, do Dpto. de Tecnoloxía, traballou co alumnado de 2º de ESO no deseño dun satélite dentro do desafío CanSat 2025, tamén da Axencia Espacial Europea. 

O pasado 13 de abril, xunto con alumnos e alumnas doutros dous centros ourensáns, asistiron á fase rexional do desafío no aeródromo de Cerceda



Galicia acollerá por primeira vez a fase final do programa. Centros de toda España lanzarán os seus satélites no Centro Integral de loita contra o lume en Toén os próximos 13 e 14 de maio. Representando a Galicia estará o equipo Gemini Polux do IES de Teis (Vigo), que resultou vencedor no concurso rexional.

Temos a honra de acoller no noso instituto xornada previa aos lanzamentos e o acto de entrega de premios. 





Encontro con Lola Gil

A escritora Lola Gil, autora de Donde se pone el sol, visitou na mañá do venres 4 de abril o noso centro para reunirse co alumnado de 4º de ESO, quen estivo a participar, grazas á iniciativa da profesora Katia Cid de Lingua Castelá, neste Concurso Booktráiler no que Xiana e Breogán de 4ºESO B e María e Hugo de 4ºESO A resultaron finalistas. 

Os premios entregáronse esa mesma tarde na Librería Nobel de Ourense. 

Velaquí os videos realizados polo noso alumando e algunha imaxe da xuntanza con Lola Gil.