lunes, 14 de octubre de 2024

A ciencia no club "As catro esquinas do Quinto"

Este curso poñemos en marcha na BiblioFerro o Club de lectura de ciencias. Un grupiño de alumnos e alumnas de 4º de ESO animouse a participar nas xuntanzas que faremos aquí mesmo, a carón da nosa sección de ciencia.

Decorada co gran número pi de cubos de cores, que nos cedeu o departamento de matemáticas, e coas letras que a compañeira María José de Física e Química pintou con moita arte, nesta sección podedes atopar dende títulos de divulgadores e científicos recoñecidos como Xurxo Mariño, J.M Mulet, Juan Luis Arsuaga ou Deborah García Bello, ata pequenas novelas de aventuras con pinceladas de ciencia. Todas estas obras están sinaladas cun punto verde identificativo e algunhas delas propostas como lecturas voluntarias dentro do proxecto lector dos diferentes departamentos de ciencias. 

Nós conversaremos periódicamente sobre Un científico en el supermercado: un viaje por la ciencia de las pequeñas cosas, de José Manuel López Nicolás. Empregando como fío conductor unha remolacha, unha camiseta, unha bebida enerxética ou unha pelota de tenis, mergullarémonos na investigación espacial, na ciencia dos materiais, na  biotecnoloxía, no mundo da medicina e moito máis.  



lunes, 30 de septiembre de 2024

"Mil estrelas, musical de musicais"

Comezamos o novo curso escolar cunha actividade proposta polo Equipo de Normalización Lingüística. 

O pasado martes 24 de setembro os nosos estudantes de 4º de ESO acompañados de Maribel, Carme e Diego, asistiron ao Auditorio Municipal de Ourense á obra de teatro musical "Mil estrelas, musical de musicais"do IES Xesús Taboada Chivite de Verín. Alí puideron desfrutar deste gran espectáculo xunto a alumnado e profesorado doutros centros da cidade. 

Dende o IES Ferro Couselo agradecemos e aplaudimos iniciativas coma esta e damos os nosos parabéns ao Taboada Chivite polo gran traballo realizado.

Velaquí algunha imaxe e varios enlaces á prensa local.


La Región (25/9/2924)

Telemiño (25/9/24)


jueves, 27 de junio de 2024

Lendo baixo as estrelas

Como actividade final do club de lectura, as profesoras Claudia, María Xosé e Elsa acompañaron os días 19 e 20 de xuño ao noso alumnado ao Centro Astronómico Trevinca situado nas montañas do Concello de A Veiga. 

A declaración como Destino Starlight no 2015 certifica que esta zona do leste da provincia de Ourense é un entorno óptimo para contemplar as estrelas debido á ausencia de contaminación lumínica. Ademais de poderse apreciar a Vía Láctea a ollo espido, o centro ofrece a posibilidade de participar en observacións astronómicas con telescopios, realizar visitas didácticas ao planetario e asistir a charlas e cursos sobre astronomía. 

Aínda que as condicións meteorolóxicas da pasada semana non lles permitiron desfrutar completamente do ceo nocturno, si puideron falar de astronomía, xogar cos efectos da gravidade e participar nunha sesión no planetario do centro. Houbo tempo tamén para visitar o Pazo Museo de Tor en Monforte, unha construcción do século XVIII de estilo barroco con tintes neoclásicos, e realizar unha pequena ruta a pé pola vila de A Veiga.

Arte, ciencia e literatura foron da man nesta fantástica actividade coa que nos despedimos ata o próximo curso. 

 Velaquí a nosa selección de imaxes: