martes, 19 de marzo de 2024

Fomentando a escritura creativa: Concurso de Relato Curto

A fundacion Coca-Cola convocou un ano máis o xa clásico Concurso Xoves Talentos de Relato Curto co obxectivo de fomentar a escritura creativa na escola.

A profesora Claudia Pérez de lingua castelá implicou ao seu alumnado de 2º de ESO nesta actividade, que se desenvolveu en rede o pasado xoves 14 de marzo. 

Envíanos este resumo e algunhas fotos que hoxe publicamos na BiblioFerro:

Agua, agua, agua!

Eso voy gritando por calles y plazas.

¡Agua, agua, agua!

No quiero beberla,

no quiero tomarla,

no es la boca mía la que pide agua.

                              Alfonsina Storni 

Este curso o alumnado de 2º de ESO tivo a oportunidade de participar na 63ª edición do concurso Xoves Talentos de Relato Curto de Coca-Cola. Tras ler o estímulo creativo de Alfonsina Storni que encabeza este texto, os participantes tiveron dúas horas para plasmar nun relato de 800 palabras toda a súa imaxinación. Só queda esperar ao veredicto do xurado. Ata o de agora, a experiencia vivida é o premio máis enriquecedor.

Velaquí unha fotos do proceso de escritura.

lunes, 18 de marzo de 2024

Obradoiro de primeiros auxilios

Os pasados 13 e 14 de marzo tivo lugar en Expourense o 17º Salón de Prevención e Seguridade Laboral. 

No marco desta feira o alumnado de 2º de bacharelato de bioloxía, xunto coa súa profesora Charo Blanco, participou no obradoiro práctico Aplicación de hemostáticos e torniquetes da man de Brais Ramos López, enfermeiro e TES. 

Nesta xornada aprenderon como atallar sangrados con poucos recursos, como facer vendaxes, como facer un torniquete e tamén nocións básicas sobre como actuar ante unha queimadura. 

Velaquí algunha imaxe da actividade e a nosa proposta dende a BiblioFerro: un vídeo divulgativo da Cruz Vermella.  



viernes, 15 de marzo de 2024

Día Internacional das Matemáticas

A celebración do Día de Pi ten a súa orixe en 1988 cando o físico Larry Shaw tomou como referencia os tres primeiros díxitos do número π  para asocialos ao 14 de marzo (March 14 no mundo anglosaxón). 

Na 40ª Conferencia Xeral da UNESCO de 2019 escolleuse esta data como o Día Internacional das Matemáticas, consolidándose así o recoñecemento actual ás Matemáticas polo seu importante papel en multidude de ámbitos de gran impacto na nosa calidade de vida como a saúde, o medio ambiente, a enerxía ou a intelixencia artificial.

Estes días podemos ver no vestíbulo do instituto a exposición que, con motivo deste día, o departamento de matemáticas preparou coa axuda do alumnado de ESO. Velaquí unhas imaxes: 





Dende a biblioferro aportamos a esta conmemoración unha selección de libros de divulgación das Matemáticas do noso fondo bibliográfico.