martes, 19 de diciembre de 2023

Chegou o Nadal ao Ferro

Un ano máis xa estamos ás portas do Nadal. Clases, departamentos, vestíbulo e biblioteca engalánanse para despedir o 2023. 

Velaquí o vídeo que recolle o traballo realizado polas profesoras Pilar, Elsa e Carme co seu alumnado de francés e de portugués. Decenas de tarxetas de felicitación con orixinais deseños serviron de molde para crear unha gran árbore de Nadal. 

Con ela desexámoslle unhas felices festas a toda a comunidade educativa.



Xuntanza de Nadal do club de lectura Aixiña Ferro

Rematamos este trimestre cunha nova xuntanza do club de lectura Aixiña Ferro. Varios alumnos de 4º de ESO, acompañados das profesoras de lingua castelá, participaron nesta sesión, que María Xosé Casas resume nas seguintes liñas.

O Nadal chegou ao noso club de lectura con Aixiña. Na tarde do luns 18 de decembro, despois do xantar, fomos tomar o postre cos nosos amigos e amigas de lectura do CIS Aixiña. Entre anaco e anaco de biscoito falamos de libros para recomendarnos lecturas. 

Fabiana de 4.º ESO recomendounos La sonrisa etrusca de José Luis Sampedro, Celso do CIS Aixiña achegounos unha das súas novelas favoritas: El jinete silencioso de Gonzalo Giner. Despois tomou a palabra Lucía Paradela de 4.º ESO quen nos emociocou con Diferente, de Eloy Moreno e Modesto recomendounos o libro que acaba de ler: La montaña blanca. E seguimos coa novela compartida de Las vencedoras, pero desta volta queriamos conversar sobre libros perfectos para regalar ou para pasar as tardes de frío do Nadal. 

Que marabilla de tertulia literaria e que curta se nos fixo. Estamos desexando regresar a Aixiña, onde compartimos o acubillo que proporcionan a amizade e a lectura.

A profesora Almudena envíanos este vídeo que ilustra o vivido na tarde de onte. Parabéns ao profesorado de lingua castelá por esta iniciativa e ao alumnado pola súa implicación.



lunes, 18 de diciembre de 2023

Encontro con Mónica Rodríguez

Remata este trimestre con un novo encontro literario, esta vez en modalidade online, organizado polo departamento de lingua castelá. Mónica Rodríguez, autora de Biografía de un cuerpo, conversou co alumnado de 3º de ESO. 

A súa profesora Claudia Pérez envíanos as seguintes liñas: 

O pasado luns 4 de decembro asistimos a un encontro virtual coa autora de literatura infantil e xuvenil Mónica Rodríguez. O alumnado de 3º de ESO participou na tertulia tras a lectura de Biografía de un cuerpo, unha das súas novelas máis coñecidas, premiada en 2018 co galardón Gran Angular. 

Durante as sesións da tarde, puidemos agocharnos da chuvia falando sobre como a lectura nos axuda a ocupar outros espazos, a saírmonos de nós mesmas e a traballar a empatía. Aprendemos tamén sobre as diferentes posibilidades de escritura e de como as escritoras teñen que facer e refacer todo o tempo, pois nada se consegue sen un traballo constante. 

No remate do encontro, puidemos facerlle moitas preguntas a Mónica sobre a súa novela: en quen se inspirou, por que escolleu a estructura de diario, por que un protagonista masculino no mundo da danza clásica, etc. Moitas outras quedaron no tinteiro. Teremos máis ocasións! 

Moitas grazas a Mónica polo seu tempo e ao alumnado e profesorado participante pola súa implicación.

Imaxe de nevandopalabras.blogspot.com/

Podedes ler aquí o primeiro capítulo da obra.