viernes, 19 de diciembre de 2025

Lembrando a Jane Austen no Nadal

Esta semana o espírito do Nadal xa se sinte no noso instituto. O concurso de decoración de portas e aulas, o xogo de pistas do Apalpador e os ensaios previos ao festival deste venres espertaron a creatividade do noso alumnado. 

Neste ambiente tan especial, e con esta última entrada no blog da Biblioteca, queremos despedir este 2025 lembrando a Jane Austen, que naceu un 16 de decembro de hai 250 anos en Hampshire, no sur de Inglaterra. Autora imprescindible da literarura universal, Jane Austen foi unha observadora excepcional da sociedade do seu tempo, aspecto que soubo retratar con agudeza e ironía nas súas obras mediante unha técnica narrativa innovadora.

Considerada na actualidade como unha escritora protofeminista, Austen, a través das súas personaxes femininas, fai unha reflexión da posición da muller na familia, critica de forma sutil o matrimonio como un mero mecanismo de supervivencia e retrata a diferenza de clases e os prexuízos da sociedade inglesa da súa época.

Aquí vos deixamos unha imaxe con algunhas obras en inglés e en castelán do noso fondo bibliográfico.

Feliz Nadal e felices lecturas!



viernes, 5 de diciembre de 2025

Novembro: mes da ciencia

En novembro conmemórase o Mes da ciencia, unhas datas nas que os departamentos de ciencias co apoio da Biblioteca e de Vicedirección, organizan cada ano actividades de divulgación científica para achegar estas disciplinas ao noso alumnado nun contexto máis informal que a propia aula. 

A primeira quincena do mes estivo exposta nos corredores do centro a exposición XEAS: Mulleres que estudan a Terra, propiedade da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA) e da sección galega da Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPECT). O alumnado de bioloxía e xeoloxía de todos os cursos de ESO visitou a mostra resolvendo ao tempo un cuestionario. 

Nas escaleiras do instituto aínda se pode visitar estes días a exposición do CSIC A esfera da auga, unha colección de 20 paneis sobre o mundo da auga, dende a súas propiedades químicas ata o seu papel na historia e a civilización humana. O alumnado de física e química de 2º de ESO percorreu a mostra e resolveu un tríptico-cuestionario sobre a mesma.

Imaxes dos carteis da exposición que se
poden descargar para imprimir aquí.


Alumnado de 2º ESO resolvendo
a guía didáctica da exposición.

A semana do 24 ao 28 de decembro os alumnos e alumnas da materia de Proxecto Competencial de 2º de ESO, coa axuda das profesoras de bioloxía, presentaron no patio cuberto e na biblioteca a actividade Recreos con ciencia. Velaquí algunha imaxe dos experimentos nos que o resto da comunidade educativa puido participar.

"A química da auga"

"Prácticas de microscopía: observación
de estomas e de protozoos".

O xoves 27 de novembro o alumnado do Club de lectura de divulgación científica, organizado polo departamento de física e química, reuniuse para debater arredor da obra ¡Que se le van las vitaminas! de Deborah García Bello. Nesta sesión, empregando un xogo de tarxetas, debatemos e desmontamos algunha crenza popularizada sobre a vitamina C das froitas, a homeopatía e as vacinas. 

Primeira reunión deste curso do
Club de divulgación científica.

O venres 28 de novembro un grupo 32 alumnos e alumnas de física e química de 4º de ESO asistiu un ano máis á Aula Newton, situada na Tecnópole, para participar na actividade Volamos con números: unha aventura aérea. Tamén o mesmo día outro grupo de estudantes do mesmo curso visitou o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia. A continuación adxuntamos algunha imaxes de ambas visitas. 

Imaxes das explicacións previas á actividade
final: manexar un simulador de voo.

Instalacións do LOMG situado no Parque Tecnolóxico de Galicia

Como ven sendo habitual estes últimos cursos, o noso instituto participa en outono nas Aulas de Divulgación da UNED, que este ano nos trouxeron dúas interesantes actividades. 

pasado 2 de decembro o alumnado de 4º de ESO que cursa bioloxía e xeoloxía asistiu ao obradoiro Risco de inundación: A xeoloxía é importante! impartido polas profesoras da Facultade de Ciencias da UNED,  Loreto Antón e Candela Martínez, coa colaboración de Silvia Martín da Universidade Rey Juan Carlos e de Cristina  Martín do IES Antonio Machado de Alcalá de Henares. Esta actividade de carácter práctico, pretende promover a comprensión das inundacións, incluindo a súa orixe e os factores naturais e antrópicos que condicionan a súa magnitude. 

Imaxes do alumnado de 4º de ESO durante a sesión.

E como peche das actividades para conmemorar o mes da ciencia, o alumnado de 4º de ESO que cursa a materia de Proxecto Competencial participou o xoves 4 de decembro no obradoiro Qué é a paleontoloxía? Os dinosaurios na península ibérica, impartido por Adán Pérez, Profesor Titular de Universidade e investigador no Grupo de Bioloxía Evolutiva da UNED. Nesta actividade puidemos coñecer en que consiste a paleontoloxía, as súas diferenzas coa arqueoloxía e que procesos se levan a cabo cos fósiles dende que se atopan nun xacemento ata que se expoñen nun museo.

Alumnado de 4º de ESO da materia de Proxecto Competencial
 participando na actividade.