viernes, 31 de enero de 2025

30 de xaneiro: Día Escolar da Non Violencia e a Paz

O 30 de xaneiro conmemórase o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, unha data para lembrar a importancia do respecto, a tolerancia e a convivencia pacífica. Esta xornada celébrase no aniversario do falecemento de Mahatma Gandhi, líder pacifista que demostrou que a loita polos dereitos e a xustiza pode facerse sen recorrer á violencia. A través da súa filosofía ahimsa, Gandhi inspirou movementos en todo o mundo, promovendo o diálogo, a solidariedade e o entendemento entre pobos. A súa vida levouse á gran pantalla no 1982 coa exitosa película Gandhi, dirixida por Richard Attenborough e protagonizada por Ben Kingsley.

No noso instituto conmemorouse esta data con dúas actividades nas que houbo unha ampla participación.

Na cristaleira do edificio pédese ver o resultado do colorido mural World Peace que elaborou o alumnado durante as sesións de titoría, unha actividade colaborativa impulsada dende Vicedirección. 


O departamento de Educación Física organizou un ano máis a carreira solidaria “Kilómetros de solidariedade: Di si á Paz”, unha iniciativa de Save the Children e na que participou alumnado de todos os cursos. 



Na nosa biblioteca queremos sumarnos a esta celebración ofrecéndovos un espazo para a reflexión, o diálogo e o traballo en equipo. Aquí vos agardamos de luns a venres no tempo de lecer.